I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 309 [= LPGP 958]); Piccat (1995: 229); Littera (2016: II, 508-509).
II. Outras edicións: Carter (2007 [1941]: 94); Marques Braga (1945: 293); Machado & Machado (1960: VII, 15); Arbor Aldea (2016b); Rios Milhám (2018a: II, 264).
III. Antoloxías: Diogo (1998: 119-120).
8 pod’én] poderen Piccat 9 ne m’én chal] ren m’enchal Michaëlis, rem m’en chal Littera
(I) Quero agora empeñarme en dar aos meus ollos o gran pracer que non lles dei desde hai moito tempo, pois quérolles facer ver a señora do meu corazón.
(II) Porén, sei ben, con certeza, que lles virá por iso moito mal, porque non os podo protexer diso; mais de todo isto nada me importa, pois foron eles os que o buscaron.
(III) Cando eles viron a miña señora, tiveron niso gran pracer; mais non lles quixo Deus evitar a moita dor e o pavor que despois tiveron que soportar.
Esquema métrico: 3 x 8a 8a 8b 8a 8b (= RM 33:17)
A frase formularia u non jaz al ‘certamente, sen dúbida’, concorrente con u al non jaz (só en 55.15), é equivalente a u al non á (e as súas variantes), como se patentea a través da variante de B’ na cantiga 31 (véxanse notas a 25.11 e 66.29). De todos os xeitos, nótese como na segunda copia desa cantiga se rexistra a variante fraseolóxica u non á al (<hunō aal B’), que só se rexistra en 104.34.
A forma poderen, en Piccat, non se corresponde coa lección manuscrita <poden>, a pesar de que o editor afirme que «presenta poden con titulus abbreviativo al di sopra della d» (Picat 1995: 231). Canto ao sentido do verso, escurecido polo deslocamento de ren á posición de rima, enténdase: ‘que ren non os pode gardar diso’.
A frase ne m’én chal ‘non me importa’, en xeral co adverbio non, que se corresponde á frase latina non mihi inde calet, procede da Galo-Romania, co elemento ne que a sitúa no norte máis do que no sur provenzal (Ramos 2009). No corpus trobadoresco profano, para alén de ne m’én chal, nesta cantiga, e nen mi cal (1337.176), con nen e co CI de P1, esta expresión aparece sempre co adverbio non e o CI de P1 (non m’én chal, 495.17; non m’én cal, 1358.18) ou o CI de P3 (non lh’én cal, 480.19), que tamén pode presentar interpolación: lhi non én chal (1652.24). Cfr. nota a 480.19.
This site uses third-party cookies for analytical purposes to help us track and monitor how users navigate the site (e.g. which pages they visit). Remember that if you accept third-party cookies, you should delete them from your browser options or from the system provided by the third party in question.
Click below to accept or to edit your cookie settings.