I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 788); Minervini (1974: 27 [= LPGP 112-113]); Littera (2016: I, 107).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 72); Machado & Machado (1949: I, 267); Vieira & Morán Cabanas & Souto Cabo (2015: 29); Rios Milhám (2017: I, 151).
III. Antoloxías: Souto Cabo (2017: 54); Corral Díaz & Vieira (2023: 39).
4 andança] andāca B 5 o] e B 6 Costança] costanca B 7 [E] pois o [dormir]] Pois o dia? B1 8 morri] axrri B 10 de merrer rē sse q̄ria uyno B 11 tolheito] tolheyra B 12 moiro, cativo] marro catijua B
4 sempr’ei] sempr(e) ei Michaëlis 6 Costança] Co[n]stança Littera 7 [E] pois o d[ormir] e] Pois o dia, [logo qu]e Michaëlis : Poys ... Minervini 10 de viver, nen se querria vivo? Michaëlis : de mer[e]cer ren? Ssequer ja vyvo Minervini : de a servir rem? Sequer já vivo Littera 12 moiro] morro Littera
(I) Xa que a miña señora non se compadece da coita en que me ten o seu amor, seríame moi necesaria a miña morte se sempre hei de ter tal fortuna, infeliz, que non morrín o día en que a vin na casa de Dona Constança!
(II) E xa que perdín o sono e a razón, Noso Señor, como é que non morrín como morre quen non ten beneficio de morrer nin quería seguir vivo? Mais eu, que ando como louco e tolleito, como é que non morro, pobre de min?
Esquema métrico: 2 x 10a 10a 9’b 9’c 9’b 9’c (= RM 50:2)
Costança Martins (ca. 1190 - ca. 1255) era esposa do nobre galego D. Munio Fernandez de Rodeiro, meiriño real da Galiza entre 1237 e 1253. No pazo dos Rodeiro debeu funcionar unha escola poética (véxase Souto Cabo & Vieira 2004: 232-234).
O uso de cas que se percibe na lírica trobadoresca (cas Dona Costança; cas Don Corral, 1368.4, 1369.8; cas sa madre, 1554.18; cas Don Lopo, 1643.6; cas Don Xemeno, 1649.7 e 15) alterna con (en) cas de (especialmente en cas de rei, cas d’el-rei, para alén de cas de Don Corral, 1370.8, cas d’un infançon, 1384.2, e cas da Ifante, 1623.14) e é exactamente o mesmo que no galego moderno.
É certo que Molteni transcribe como <o dia> a lacuna que Colocci tentou resolver; mais tamén é certo que non temos certeza na copia colocciana para alén do feito de actualmente só se percibir (na copia facsimilar do manuscrito) a secuencia <o di>. En calquera caso, a perda do dormir e do sén é constante por causa da coita de amor, razón que nos leva a propor a restauración da lacuna do manuscrito nesta dirección, pois sén e dormir son un par case sistemático na situación de desamor:
per que perdi o dormir e o sén (173.10);
ca me fazedes ja perder o sén
e o dormir, sennor (191.5-6);
..., e por én
perdi o dormir e perdi o sén (206.15);
E perdud’ei o dormir, e o sén
perderei ced’, ... (228.7);
ca lle quero tan gran ben que perdi
ja o dormir e, de pran, perderei
o sén mui cedo (245.8-9);
perdi o sén e perdi o dormir (378.6);
E, pois que viv’en coita tal
per que o dormir e o sén
perdi (555.14);
cuidar me tolh’o dormir e o sén (882.18);
que ja perdi o dormir e o sén (893.18);
E, sennor, ja perdi o sén
cuidand’en vós, e o dormir (994.7-8)
ca ja perdi o dormir e o sén
polo seu ben (1000.6)
que me tolleu o dormir e o sén (1001.9)
...; e quen viu nunca tal
coita sofrer qual eu sofro, ca sén
perç’e dormir? (1107.8-9)
..., per que perdi o sén
e os meus olhos prazer e dormir (1128.15-16).
Por outra parte, a copulativa inicial, frecuentemente ausente nas copias nesta posición, completa o decasílabo (casos semellantes documéntanse en 106.8, 151.7, 157.7, 163.11, 261.13, 293.8, 294.7 e 13, 332.7, 408.7, 447.7, 448.8, 490.19, 586.11 etc.).
Na estraña lección <axrri> de B rexístrase a confusión gráfica <ax> (o <x> cunha prolongación no trazo inferior esquerdo) que remite a un <m> versal uncial, que se debe pór en relación <merrer> do v. 10, pois nela encontramos outra vez esa grafía para o <m> inicial, que semella, aínda que o non é, un <a> seguido dun <j>.
Estes versos parecen presentar un complicado razomaneto siloxístico: ‘se morre aquel que non ten proveito de morrer, como eu (que son desgrazado, tolleito e cativo) non morro?
A lectura deste verso é problemática por canto é necesario emendar os erros do manuscrito. Fronte ás interpretacións dos anteriores editores, excesivamente conxecturais e/ou interventivas, propomos unha simple corrección do frecuentísimo erro <o>/<e>, xa presente no v. 5, na lección <merrer>, ao tempo que é necesario recorrer á confusión <rē>/<nē>, que achamos, por exemplo, en 1255.4: nen <rē> B, <nē> V.
Finalmente, aínda que a lección <q̄ria> podería ser interpretada como quer ja (en tempo presente, en liña con á proveito, v. 9), a propia lección de B e a hipometría que implica o tempo presente aconsella unha interpretación queria, que xa no seu momento foi emendada por Michaëlis en prol de querria sen ter en conta a frecuente equivalencia copretérito - pospretérito.
Deste xeito, coa lectura proposta non é preciso corrixir a hipometría «prolungando la pausa tra ren e Ssequer» (Gonçalves 1976: 123).
Canto ao sentido do verso, debe terse en conta que nen é unha conxunción copulativa que en determinados contextos, en especial negativos, equivale a e.
O sintagma <o dia>, co final de lectura dubidosa, está copiado por man de Colocci no espazo en branco deixado polo copista de B.
This site uses third-party cookies for analytical purposes to help us track and monitor how users navigate the site (e.g. which pages they visit). Remember that if you accept third-party cookies, you should delete them from your browser options or from the system provided by the third party in question.
Click below to accept or to edit your cookie settings.