A repetición en B do verso 7, inicial da estrofa III, é provocada polo cambio de folio no Cancioneiro da Biblioteca Nacional.
I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 398-399); Zilli (1977: 106-107 [= LPGP 423]); Cohen (2003: 461); Littera (2016: I, 481).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 286); Braga (1878: 157); Machado & Machado (1956: V, 340).
1 Pesa-m’, amiga] Pesamhamiga V 2 d’ũas] dunas B : dunhas V 3 e] o B 4 grand’amor] g̃ra damor B 7 E bē uꝯ digo q̄ desq̄ oy // E bē uꝯ digo q̄ desq̄ oy B 10 averra] a ueira B 11 lh’entenderen] lheu tendẽm V 12 morrer] moirer B; e] et V 14 logar] logwr B : log̃r V 20 e] et V; a el] del B; nos] uꝯ B
1 -m’] -mi Nunes, Littera : mh Cohen; vos] vus Zilli 2 ũas] unas Zilli 7 vos] vus Zilli 10 nos] nus Zilli 14 viir] vĩir Zilli 19 sabe] sab’ Nunes, Zilli 20 e ... nos] et ... nus Zilli 21 nos] nus Zilli
(I) Teño pesar, amiga, en verdade, por unhas novas que ouvín sobre min e sobre o meu amigo, e diréivolas eu: din que lle saben o grande amor que ten comigo, e, se así for, só de milagre pode resultar ben.
(II) E ben vos digo que desde que escoitei estas novas andei sempre triste, porque ben entendo e ben vexo e ben sei o mal que deste asunto nos virá, após llo saberen, pois está disposto que eu morra por el e el por min, (III) porque, unha vez que o saiban, el ficará impedido para sempre de vir a lugar onde me vexa, tanto me han de vixiar; habedes de velo morto por esta razón, pois vós ben sabedes de min que eu non podo vivir sen el, abofé.
(1) Mais Deus, que sabe o moito que el me ama, e eu a el, cando nos sexa mester, nos garde de mal se considera que (o noso amor) está ben.
Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10c 10c 10a ( = RM 189:7) + 10d 10d 10a
Encontros vocálicos: 22 sabe‿o
Esta cantiga, igual que UC 213, 270, 926 etc., presenta unha ligazón interestrófica coa copulativa e entre as estrofas I e II (e ligazón causal nas estrofas II-III) que facilmente, por medio dunha disposición tipográfica minúscula e unha puntuación máis leviana, se podería interpretar como unha cantiga ateúda atá a fiinda. Véxase nota á cantiga 74.
A frecuente frase formularia por non mentir, que permite a interpolación de diversos elementos (por vos non mentir, por vos eu non mentir etc.), equivale a outras expresións de certeza, como per bõa fe, de pran etc.
A presenza de -n- na forma manuscrita <unas> de B é simple indicación gráfica da nasalidade fonolóxica de /ũ/ (confirmada neste caso pola lección de V), o mesmo que sucede noutras voces que se rexistran, en especial, nos apógrafos italianos (case sempre con unha das documentacións correcta); así, <bona> bõa e, esporadicamente, <alguna> algũa, <capaton es> çapatões, <certano> certão, <dona> dõa, <lontano> loução, <lunar> lũar, <mano> mão, <pardonar> perdõar, <poner> põer, <uano> vão, <ueno> vẽo, <uilano> vilão. Sobre estas grafías e as formas do tipo irmana, véxase Ferreiro (2008b).
A expresión sair a ben equivale a ‘saír ben, resultar ben’.
Nótese que a crase en lh’entenderen encobre unha forma pronominal contracta lho.
Para a correcta interpretación do verso (vede-lo morto por esta razon) deberá terse en conta o valor de futuro do presente vedes, ao tempo que -lo é pronome, xa que morto funciona como adxectivo: ‘habedes de o ver morto por esta razón’.
Fem servir cookies de tercers amb finalitats analítiques per poder conèixer els hàbits de navegació (per exemple, les pàgines visitades). Tingueu en compte que, si accepteu les cookies de tercers, haureu d'eliminar-les de les opcions del navegador o del sistema ofert per tercers.
Feu clic al botó corresponent per acceptar o rebutjar les cookies: