752 [= RM 44,7]
Pero que eu meu amigo roguei

Pero que eu meu amigo roguei
que se non fosse, sol non se leixou
por mí de s’ir, e quand’aqui chegou,
por quant’el viu que me lh’eu assanhei,
chorou tan muit’e tan de coraçon
que chorei eu con doo del enton.
Eu lhi roguei que máis non chorasse,
ca lhi parcia que nunca por én
lhi mal quisesse nen por outra ren,
e, ante que lh’eu esto rogasse,
chorou tan muit’e tan de coraçon
[que chorei eu con doo del enton].
El mi jurou que se non cuidava
que end’ouvess’[eu] atan gran pesar,
ca, se non, fora ante se matar;
e, quand’el viu que mi lh’assanhava,
chorou tan muit’e tan de co[raçon
que chorei eu con doo del enton].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


B 737, V 338

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 155 [= LPGP 305]); Cohen (2003: 225); Littera (2016: I, 336-337); Bruno (2022: 142-143).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 133); Braga (1878: 64-65); Machado & Machado (1953: IV, 37).
III. Antoloxías: Fernández Pousa (1951: 39-40); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 60).

Variantes manuscritas


4 eu] om. B   8 parcia] partia BV   14 end’] and B   15 fora ante se matar] fora ben ꝙʷtosse matar B : fora ben ꝙ̄tosse matar V   16 mi lh’assanhava] nulha ssanhaua B

Variantes editoriais


9 lhi] [m]i Bruno   14 que end’ouvess’[eu] atan] que end’[eu] houvess’atam Littera   15 ca, se non, fora ante se matar] ca, se non, fora ben de se matar Nunes : ca, se non, fora †ben quanto† se matar Cohen : ca, se nom, fora bem logo de se matar Littera : ca se non fora [sen se ante] matar Bruno   16 mi] me Bruno

Paráfrase


(I) Aínda que eu roguei ao meu amigo que non se fose, non deixou de irse lonxe de min, e cando aquí chegou, por canto el viu que eu me lle asañei, chorou tanto e tan de corazón que chorei eu entón con dó del.

(II) Rogueille eu que non chorase máis, porque deixaba para sempre de lle querer mal por iso ou por outra causa, e antes de que eu lle rogase isto, chorou tanto e tan de corazón que chorei eu entón con dó del.

(III) Xuroume el que non imaxinaba que eu tivese un pesar tan grande por iso, porque, se non, iría antes matarse; e cando el viu que me lle asañaba, chorou tanto e tan de corazón que chorei eu entón con dó del.

Métrica


Esquema métrico: 10a 10b 10b 10a 10C 10C (I [= RM 160:58]) + 9’a 10b 10b 9’a 10C 10C (II-III [= RM 160:289])

Notas


Texto
  • 8

    A dificultade de encaixar semanticamente partir no contexto, aconsella a emenda de <partia> para parcia, do verbo parcir (< parcere ‘aforrar, economizar; deixar de, omitir; perdoar etc.’), corrección xa realizada por Nunes. Este verbo é voz pouco frecuente na lingua, e semella propia do rexistro poético, pois presenta só cinco atestacións na poesía profana (76.20, 827.8 e 10, 843.7) e outros seis rexistros nas Cantigas de Santa Maria (véxanse CSM 28.33, 115.168, 145.57, 174.25, 175.91 e 272.52). O valor xeral de parcir (que non achamos na prosa) é o de ‘perdoar’; porén, neste contexto ten a acepción de ‘deixar de, desistir’, tamén presente nos valores do verbo en latín.

  • 14

    A metricamente necesaria restauración de eu foi feita de modo que ocupase a 4ª sílaba acentual do verso, ritmo que na proposta de Littera non se cumpre.

  • 15

    Certamente existe corrupción textual neste verso, como indica a métrica e a falta de sentido da lección subministrada polos cancioneiros italianos. Inicialmente, seguido a esteira de Nunes, emendamos na procura da isometría e dun sentido coherente no contexto, e propuxemos unha lectura hipotética, lingüística e semanticamente aceptábel:

    El mi jurou que se non cuidava
    que end’ouvess’[eu] atan gran pesar,
    ca, se non, fora ben de se matar.

    Deste modo, o verso ía na liña de expresións similares que se achan no corpus a partir da construción seer ben de:

    dizede, se Deus vos perdon,
    sera ben d’eu assi morrer? (52.21);

    veed’agora se seria ben,
    como vos praz de me lei[xar morrer,
    de vos prazer de mi querer valer] 
    (563.12-14),

    Do que [vós] vistes que me preguntou, 
    quando s’el ouve d’aqui a partir,
    se mi seria ben, se mal, de s’ir (789.9)

    aquel dia fora ben de morrer
    eu, ... (1104.4)

    Esta hipótese de lectura é realmente económica dunha perspectiva paleográfica, pois só sobraría no verso a abreviatura inicial do conglomerado <ꝙᷓtosse> B, <ꝙ̄tosse> V, xa que a secuencia <to>, errada, explicaríase pola frecuente confusión gráfica entre <t/d> e <o/e>.

    Recentemente, Lorenzo Bruno (2022) realizou unha interesante proposta de emenda do verso, na cal interpreta a forma fora como antepretérito de ir(se) e non de seer: ca se non fora [sen se ante] matar, isto é ‘pois non se tería ido sen antes se matar’. O recurso retórico á figura da adynaton xustificaría a evidente incongruencia semántica do verso. Paleograficamente, varios erros de copista explicarían as grafías dos apógrafos (<b>/<s>, <q>/<a> e <o>/<e>). O resultado sería un verso hipermétrico (ca se non fora sen ante se matar) que o editor corrixe anticipando o pronome reflexivo para permitir a sinalefa en se ante.

    Esta proposta de Bruno resulta en exceso interventiva, sobre todo no relativo ao cambio de posición do pronome, mais deu pé para considerar unha nova hipótese de edición crítica do verso que ten en conta o erro de copia <q>/<a>, indicado por Bruno. Deste modo, a lectura do verso sería a seguinte: ca, se non, fora ante se matar, isto é ‘porque senón antes se fora matar’. A forma fora é interpretada, por tanto, como antepretérito do verbo ir, que funcionaría como auxiliar e non como verbo principal.

    Do punto de vista paleográfico, esta proposta de emenda implica só a omisión do adverbio ben no texto crítico, alén da confusión gráfica citada. Sería a frecuencia no corpus da expresión seer ben, o que neste contexto induciría o erro do copista, polo que se  xustificaría a consideración do adverbio como forma espúrea. 

    Tal solución, por outra parte, achegaríase ás hipóteses formuladas por Cohen (2003) en nota a rodapé, onde apunta que o verbo fora podería dar sentido tanto como forma auxiliar do verbo ir ou como forma do verbo seer. No primeiro caso o sentido xeral do contexto sería “he would have killed himself”, e no segundo, “it would have been just as good for him to kill himself”. Apunta aínda Cohen na nota o que considera a vía de solución: “If the problema lies in ben quanto we could solve it by supposing the reading to have something like ca, se non, fora melhor se matar”.

    A nosa hipótese, pois non deixa de selo, concretiza a interpretación, e, por outra, parte achégase moito á materia paleográfica enviada polos manuscritos.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado