494 [= Tav 18,29]
O que da guerra levou cavaleiros

O que da guerra levou cavaleiros
e a sa terra foi guardar dinheiros
non ven al maio.
O que da guerra se foi con maldade
[e] a sa terra foi comprar erdade
non ven al maio.
O que da guerra se foi con nemiga,
pero non veo quand’é preitesia,
non ven al maio.
O que tragia o pano de linho,
pero non veo polo San Martinho,
non ven al maio.
O que tragia o pendon [sen] cinco
e [e]no dedo seu pedr’á o vi[n]co
non ven al maio.
O que tragia o pendon sen oito
e a sa gente non dava pan coito
non ven al maio.
O que tragia o pendon sen sete
e cinta ancha e mui gran topete
non ven al maio.
O que tragia o pendon sen tenda,
per quant’agora sei de sa fazenda,
non ven al maio.
O que se foi con medo dos martinhos
e a sa terra foi bever-los vinhos
non ven al maio.
O que con medo fugiu da fronteira,
pero tragia pendon sen caldeira,
non ven al maio.
O que [non] roubou os mouros malditos
e a sa terra foi roubar cabritos
non ven al maio.
O que da guerra se foi con espanto
e a sa terra ar foi armar manto
non ven al maio.
O que da guerra se foi con gran medo
contra sa terra, espargendo vedo,
non ven al maio.
O que tragia pendon de cadarço,
macar non veo en[o] mes de Março,
non ven al maio.
O que da guerra foi per-retraudo,
macar en Burgos fez pintar [e]scudo,
non ven al maio.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 
 
30
 
 
 
 
35
 
 
 
 
40
 
 
 
 
45

Manuscritos


B 496 + B144bis, V 79

O texto da cantiga aparece repartido em dous lugares diferentes de B: as primeiras seis estrofes em B 496, mais as seguintes xa aparecían riscadas (sen numeración) precedendo B 145.

Edições


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 48-50 [= LPGP 154-155]); Paredesa (2001: 316-317); Lopes (2002: 88-89); Paredesb (2010a: 288-289); Littera (2016: I, 104-105).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 37-38); Braga (1878: 16-17); Molteni (1880: 57 [B 144b]); Michaëlis (2004 [1896-1905]: 184-185); Machado & Machado (1950: II, 380-381); Paredes (2010b: 200-205); Paredes (2010c: 140-142); Rios Milhám (2018b: III, 494).
III. Antoloxías: Varnhagen (1872: 130-132); De la Iglesia (1886: II, 243-245); López-Aydillo (1914: 34); De las Casas (1928: 25-26); Seoane (1941: 59-60); Varela Jácome (1953: 30-32); Álvarez Blázquez (1975: 172-173); Carballo Calero & García Rodríguez (1983: 55-57); Tavares & Miranda (1987: 27-29); Montoya (1988: 284-285); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996c: 70-71); Diogo (1998: 184-185).

Variantes manuscritas


1 O que da] Quēde B : Quen de V; cavaleiros] caualeyres B   2 dinheiros] dīneyres B : dīneyros V   3 ven] nē B : neu V   4 O que da] Quem de B : Quen de V   5 comprar] compar V   6 ven] nē B   7 nemiga] uemi/ga V   9 ven] nen V   11 veo] uelo V   13 cinco]  cinqᵒ BV   14 eue dedo sen pedra / ouiço B : e / ue dede sen pedra ouiço V   20 topete] topece B   21 non ven] uō ueū B   26 a] om. B   27 ven] ueu B   31 malditos] mal dc̄os B : mal dcōs V   32 e a] ca B   35 e a] ca B; manto] mauto B : māco V   37 gran medo] (espanto) grā medo B   38 espargendo] espargeudo B   40 cadarço] cadarco BV   41 macar] tua car V; Março] marco BV   43 per-] por BV; retraudo] reqaūdo B : reqaudo V   44 Burgos] burgus V   45 non] uō B; maio] om. B

Variantes editoriais


13 [sen] cinco] en quiço Lapa, Paredesa, Paredesb   14 e non ten de seu padre o viço Lapa : e [e]n’o dedo seu pedra e vinco Lopes, Littera : e vendend’o seu perdera o viço Paredesa, Paredesb   30 [non]] [ar] Lapa, Paredesa, Paredesb   34 ar] om. Paredesa, Paredesb   42 foi per-retraudo] [se] foi por reganhudo Lopes : foi por recreúdo Littera

Paráfrase


(I) O que levou os cavaleiros da guerra e foi para a súa terra gardar os diñeiros non ven ao maio.

(II) O que da guerra se foi con maldade e foi á súa terra comprar unha herdade non ven ao maio.

(III) O que da guerra se foi con mentira, pero non veu cando estaba acordado, non ven ao maio.

(IV) O que traía o pano de liño, pero non veu polo San Martiño, non ven ao maio.

(V) O que traía o pendón sen cinco homes mais o anel do seu dedo ten unha boa pedra preciosa, non ven ao maio.

(VI) O que traía o pendón sen oito homes e nin pan cocido lle daba á súa xente non ven ao maio.

(VII) O que traía o pendón sen sete homes e un cinto ancho e un topete moi grande non ven ao maio.

(VIII) O que traía o pendón sen pavillón de acampamento, por todo canto agora sei da súa (rica) facenda, non ven ao maio.

(IX) O que se foi con medo dos combatentes mouros e foi para a súa terra beber os viños non ven ao maio.

(X) O que con medo fuxiu da fronte de batalla, aínda que traía un pendón sen viandas para a tropa non ven ao maio.

(XI) O que non roubou os mouros malditos e foi á súa terra roubar cabritos non ven ao maio.

(XII) O que da guerra se foi con pánico e á súa terra foi cubrirse de luxo non ven ao maio.

(XIII) O que da guerra se foi con gran medo para a súa terra, espallando suxidade, non ven ao maio.

(XIV) O que traía o pendón de seda ruín aínda que non veu no mes de marzo non ven ao maio.

(XV) O que da guerra foi moi criticado, aínda que en Burgos fixo pintar escudo, non ven ao maio.

Métrica


Esquema métrico: 15 x 10’a 10’a 4’B (= Tav 26:88)

Notas


Texto
  • 1

    Con base nunha lectura atenta da Crónica de Alfonso X de 1340 confrontada con documentación da época, Viçenç Beltran (2001) contextualizou esta e outras cantigas (véxanse tamén as cantigas 486, 1463, 1535, 1541, 1543, 1544, 1621 e 1672, da autoría de Afonso X, Pero Gomez Barroso, Gil Perez Conde, Afonso Fernandez Cubel e Pedr’Amigo de Sevilha) nun ciclo de textos satíricos: todos eles tratan de forma irónica e paródica sobre a rebelión da nobreza de 1272-1274, un dos máis graves problemas políticos que tivo que afrontar o rei Afonso X e no que participaron varios magnates e ricomes que, entre outras esixencias, lle reclamaban pagamentos atrasados e a restitución de propiedades pretensamente usurpadas. Dada a gravidade a que chegou a situación, o rei accedeu a pagar as soldadas, mais os ricomes non só non cesaron na súa actitude rebelde, senón que se negaron a acorrer ao rei na fronteira contra o rei de Granada, con quen estaban conspirando, e presentáronselle en Burgos, coas respectivas hostes, en ton ameazador e reivindicativo. Os rebeldes acabarían por se desnaturaren no reino de Granada, e as súas terras fóronlles incautadas até que, anos despois, retornaron ao servizo do rei de Castela. Véxase Beltran (2001).

  • 3

    O maio fai alusión á chamada á guerra coa conseguinte concentración de tropas, que habitualmente se facía neste mes por ser o máis propio do punto de vista atmosférico.
    A forma al como produto da contracción da preposición a coa variante arcaica lo do artigo e posterior apócope por ser partícula esencialmente átona, en posición proclítica, só se encontra en 1347.6 e mais naquelas cantigas de amigo (ou similares) en que tal forma é utilizada como marca arcaizante de estilo. Véxase nota a 736.3-4.

  • 5

    É necesaria a copulativa inicial do verso para a correcta contaxe métrica do verso: nesta posición é moi frecuente omisión da copulativa por erro de copia, como mostran os abondosos casos en que algún dos manuscritos ofrece a lección correcta: A vs. B (65.29, 117.12, 165.10, 174.12 etc.), B vs. V (424.14, 1195.16 etc.), V vs. B (403.6, 1614.20 etc.).

  • 7-8

    A presenza de nemiga, lección indubitábel en BV e coherente semanticamente coa estrofa, provoca a existencia dunha rima imperfecta nemiga : preitesia, que, dificilmente clasificábel, forma grupo con outras diversas como as seguintes: medo : Pero (1118.10-12), voda : rengelhosa : fremosa (1360.22-26), Celorico : bispo (1497.31-32), senhora : Çamora : Gomorra (1546.25-28) ou merecedes : franceses (1615.5-6). Véxanse notas a 206.4-6, 453.5-6, 595.19-20 e 698.5-6.

  • 11

    É de supor que San Martinho se refira ao mes de novembro, como aínda é denominado popularmente na Galiza.

  • 13-14

    As posibilidades editoriais desta estrofa, con transmisión eivada en BV, son diversas, e así aconteceu historicamente coas diferentes propostas. As seguintes estrofas, co pendon sen oito (v. 16) e co pendon sen sete (v. 19) parecen indicar que, efectivamente, <cinqº> de BV debe ser lido como cinco, coa ausencia da preposición sen, talvez condicionada pola terminación contigua de pendon. Deste xeito, Afonso X parece atribuír aos traidores o feito de viren sen tropas (sen cinco, sete ou oito...). A partir desta interpretación, a opción editorial e a conseguinte interpretación debe apuntar a unha lectura que, sendo o máis fiel posíbel aos manuscritos, suxira ostentación de riqueza nos cabaleiros covardes en contraste co afirmado no v. 13, como acontece nas seguintes estrofas. Na liña de Lopes e Littera, mais con algunhas diferenzas, especialmente a segmentación da forma verbal á, emendamos o <uiço> de BV para vinco, que presentaría omisión do til de nasalidade e a confusión <ç>/<c> que se rexistra noutras pasaxes: <em forçado> V enforcado (483.13), <minça> B nunca (624.7), <assaçar> B assacar (1043.20), <aça> B aca (1064.23), <m’çou> V mercou (1377.21), <çon|> V con (1474.12), <merçado> V mercado (1482.7), <|ça B> ca (1555.26), <ça’ B> ca (1603.10), <çomeçar> B começar (1607.3), <baueça> V Baveca (1676.21). A voz vinco, de escasa aparición na lingua medieval, atéstase nas Cantigas de Santa Maria co sentido de ‘aro do anel’: O alcayde moi sannudo | disse que o non faria, | mais que lle déss’a sortella, de que o vinqu’era d’ouro, | mui ben feit[o] e ffremoso, | e a pedr’era vermella CSM 369.59). Mais nótese como para indicar ‘brinco’, voz relacionada etimoloxicamente con vinco, se recorre á explicitación: Em aquelle dia tirar-lhe‿a o Senhor apostamẽto das calçaduras dellas, os firmaes e os collares e as joyas e as argollas e as doas dos bõõs cheyros e as arrecadas e os vincos das orelhas e as pedras preciosas que pẽdem ẽna fronte (véxase CGPA, s.v. vincos). Finalmente, téñase en conta que pedra pode funcionar como unha metonimia por pedra preciosa, tal como se pode comprobar na antecitada cantiga de Santa Maria: e a pedr’era vermella (369.59).

  • 17

    O pan coito é o pan cocido, xa que coito (<coctum) é participio irregular de cozer (<coquere).

  • 20

    A alusión á cinta ancha lembra as cintas sirgadas / muit’anchas de 490.8-9. O topete (tamén en 1342.16 e 1435.7) é ‘o cabelo da parte superior da cabeza’, que nun Sínodo de 1403 se mandaba cortar aos clérigos: e mandamos que todollos clerigos doordẽes sacras ou beneficiados de quinze em quinze dias façam talhar os cabellos em maneira de cercilho e topete e rapar as coroas e as barvas em gissa que sejam conhecidos por clerigos (García y García 1982: 322).

  • 22

    O pendon sen tenda, isto é, sen pavillóns e tendas de acampamento para a guerra, é inútil (véxase nota ao v. 29).

  • 25

    Os martinhos son ‘combatentes mouros’, tamén presentes noutra cantiga de Afonso X (489.25-30):
              Vi coteifes con arminhos,
              conhocedores de vinhos,
              que rapazes dos martinhos,
              que non tragian sen[h]or,
              sairon aos mesquinhos,
              fezeron todo o peor.

  • 26

    A secuencia <r-l> (e <s-l>) en que está implicada a forma arcaica lo(s) ~ la(s) do pronome identificador (artigo ou pronome) no encontro con infinitivos debe ser lida como [l], independentemente de que a grafía presente a forma máis antiga. Neste sentido, a lección de B indica que nos restantes casos en que aparentemente non existe asimilación talvez haxa que a supor tamén, coa pronuncia correspondente. Véxase tamén nota a 5.10.

    En calquera caso, ao longo do corpus achamos diverxencias de representación gráfica destas asimilacións, ás veces con grafías ambiguas que non indican explicitamente tal asimilación; é maioritaria a representación da asimilación en A (vs. BV), moitas veces con formato arcaizante: negar-lo-ei A vs. nega-lo-ei B (254.6), dizer-lo mui gran ben A vs. dizer o mui gran ben B (302.2), perde-lo sén A vs. perder o sén BV, “sennor”-la chamaria A vs. “senhor” a chamaria BV (807.7), partir-lo coraçon B vs. parti-lo coraçon V (965.11). Noutras ocasións, acontece á inversa: perder o sén A vs. perde-lo sén BV (210.8), se fezer / mia sennor o que ten no coraçon A vs. se fezer / mia senho-lo que ten no coraçon BV (222.14). Cfr. nota a 48.14 e 217.10.

  • 28

    A forma fugiu corresponde a fugir, variante da forma, aínda maioritaria, fogir (< fŭgĕre) (cfr. v. 18), que sofreu un proceso de asimilación e harmonización vocálica ([o...í] > [u...í]) que afecta tamén as formas conxugadas; un proceso similar verifícase noutros verbos con representación no corpus profano: bulir (vs. bolir), cuspir (vs. cospir), destruir (vs. destroir), nuzir (vs. nozir); o mesmo acontece coas formas avurrido ou fugido. Cfr. nota a 460.2.

  • 29

    Igual que o pendón sen tenda (v. 22), o pendon sen caldeira alude a que traían o pendón coa insignia que demostraba a capacidade dos cabaleiros para contribuír cos seus medios na guerra; porén, indica tamén que non traían viandas para alimentar a tropa (aínda que o pendón mostrase que, pola súa condición de ricomes, tiñan capacidade de manter a mesnada, a realidade foi que non había bastimentos materiais).

  • 31

    Fronte ás opcións de Lapa e Paredes, que introducen un ar preverbal, coidamos que a lóxica esixe a presenza do adverbio de negación, xa que, deste xeito, insístese na traizón dos cabaleiros covardes.

  • 35

    Aínda que non foron localizados outros rexistros de armar manto, as diversas ocorrencias e acepcións de armar e manto que Paredes reuniu indican que esta expresión «parece significar pues, no sólo vestir ricamente para blasonar de gran señor ocultando de este modo su condición de cobarde, sino para encubrir la deslealtad y la traición» (Paredes 2010: 297).

  • 38

    Esparger vedo, isto é, ‘espallar suxidade’, describe moi graficamente a actitude covarde e medrosa dos traidores. O substantivo aparece tamén en 1440.21: vós, Marinha Ca[a]doe, / avede-lo con’usado, / que non pode teer vedo; fóra da lírica profana só o achamos no Tratado de Confissom: ou dam a comer o lixo ou o uedo ou algũas outras cousas que metem em seus corpos (Machado 2003-2013: 36).

  • 40

    O cadarço, hapax trobadoresco e medieval, é unha seda de baixa calidade.

  • 41

    A conxunción concesiva macar (tamén no v. 44), de orixe grega, é case exclusiva do rexistro poético, tal como se deduce do seu uso na poesía trobadoresca profana e da súa alta frecuencia nas Cantigas de Santa Maria. A súa aparición noutro tipo de textos é moi escasa (véxase CGPA, s.v. macar). Cfr. nota a 57.6.

  • 43

    Para alén da espuria abreviatura de B, as leccións <reqaūdo> B, <reqaudo> V remiten automaticamente para unha lectura retraudo, a partir do común erro <q>/<cr>, de fácil explicación paleográfica e frecuente aparición nos apógrafos italianos. Véxanse como mostra os seguintes casos: <qobar> V trobar (384.21), <ouqo> V outro (477.8), <ouqa> V outra (478.26), <falçaqua> V falcatrua (876.10), <mẽqe> V mentre (880.23), <E scoqa> B escontra B (938.15). A erros como estes deben aínda ser acrecentados outros en que se produce a confusión <q>/<cr>, pois é sabido o moi frecuente intercambio <c>/<t> en B e V: <mi[*]qado> B mizcrado (148.24), <qeer> V creer (349.10), <qeo> V creo (371.6, 1448.15), <qee/de> V creede (476.16), <qua> BV crua (876.4), <qeede> BV creede (1237.44), <qas|> B cras (1588.6).
    O verbo retraer, para alén de ‘narrar, contar’ (véxase 124.5), significa tamén ‘censurar, criticar’, acepción que presenta (reforzada por per-) no presente contexto.

Procurar
    Não foram encontrados resultados