10 [= RM 111,5]
Min prês forçadament’Amor

Min prês forçadament’Amor
e fez-mi amar que[n] nunc’amou,
e fez-mi tort’e desamor
quen mi a [a]tal senhor tornou;
e vejo que mal baratei,
que mi a [a]tal senhor tornei,
que non sabe que é amar
e sabe a omen penas dar.
Que forçad’oje e sen sabor
enno mundo vivendo vou,
ca nunca pudi aver sabor
de min nen d’al, des que foi sou,
senon dela! E que farei?
Por que pregunto? Ca eu sei:
viver ei, se de min pensar,
ou morrer, se min non amar.
Quen-quer x’esto pode veer,
e máis quen mego vid’ouer,
que non ei ja sén nen poder
de m’emparar d’ũa molher,
a máis mansa que nunca vi
nen máis sen sanha, pois naci:
ve[e]d’ora se estou mal,
que m’emparar non sei de tal,
ca sõ[o] tan en seu poder
que, s[e] end’al fazer quiser,
non o poderei eu fazer
se me Deus én poder non der
contra ela, que eu servi,
qual dou a ela sobre min,
que nunca eu soub’amar al
erg[o] ela, que mi faz mal!
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 
 
30
 
 

Manuscritos


B 37

Edições


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 645-646 [= LPGP 705]); Miranda (2004: 150-151); Cohen (2010b: 18-19); Marcenaro (2012a: 70); Littera (2016: II, 203).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 11); Cotarelo Valledor (1933: 18-19); Machado & Machado (1949: I, 50-51); Rios Milhám (2017: I, 10).
III. Antoloxías: Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 156-157); Diogo (1998: 5-6); Magalhães (2007: 114).

Variantes manuscritas


1 Min] Mm B; forçadament’] forcadament B   14 pregunto] ꝑʼgunto B   16 se min] senū B   17 veer] neer B   20 d’ũa] dn̄a B   25 sõ[o]] son B   28 se me Deus én poder] semends̄ en poder B

Variantes editoriais


2 que[n]] que Miranda   4 quen] que Cohen, Littera; mi a [a]tal] mi-a tal Michaëlis : mi a tal Cohen : mia tal Miranda : mi atal Marcenaro, Littera; tornou] [ar] tornou Michaëlis   6 mi a [a]tal senhor] mi-a tal Michaëlis : mi a tal Cohen, Littera : mia tal Miranda : mi atal Marcenaro; tornei] [ar] tornei Michaëlis   8 sabe a] sab(e) a Michaëlis : sab’a Littera   9 oje] og(e) Michaëlis : hoj' Littera   10 enno] eno Michaëlis, Miranda, Littera   14 pregunto] pergunto Miranda   18 ouer] ou[v]er Michaëlis, Marcenaro : over Cohen   20 ũa] ua Littera   25 sõ[o]] sou Miranda : so[o]n Marcenaro : s[õ]o Littera   26 se] s’ Miranda   28 me Deus én] m’ende Deus Michaëlis : m’en[de] Deus Littera : m’en Deus i Miranda   30 min] mi Michaëlis, Miranda, Littera   32 erg[o]] erg’ Cohen : ergu Miranda; faz] faz [gran] Cohen

Paráfrase


(I) Forzadamente me prendeu Amor, e fíxome amar a quen nunca amou, e fíxome dano e causoume desamor quen me levou ante tal dama; e vexo que actuei mal ao volver con esta señora, que non sabe o que é amar e só sabe causar sufrimento.  

(II) Que forzado e sen pracer vivo hoxe no mundo, porque nunca puiden obter satisfacción de min nin de ningunha outra cousa, agás dela, desde que fun seu! E que farei? Por que o pregunto? Pois eu sei (a resposta): hei vivir se ela se lembrar de min, ou morrer se non me amar.  

(III) Calquera persoa pode ver isto, e máis aínda quen viva comigo, pois xa non teño xuízo nin poder para me defender dunha muller, a máis doce e serena que coñecín desde que nacín; vede agora se estou mal, que non me sei protexer de tal (dona), (IV) porque até tal punto estou no seu poder que, se quixese facer outra cousa, eu non a podería facer, a non ser que Deus me outorgase poder contra ela, que eu servín, como o que (Deus) lle deu a ela sobre min, pois eu nunca souben amar a ninguén máis senón a ela, que me fai mal!

Métrica


Cantiga de amor, do tipo de mestría. Consta de catro estrofas doblas de oito octosílabos agudos.
Esquema métrico: 4 x 8a 8b 8a 8b 8c 8c 8d 8d (= RM 107:4)
Encontros vocálicos: 2 -miamar; 8 sabea; 9 ojee; 11 pudiaver

Notas


Texto
  • 1-2

    O incipit mostra claramente a aparición de min (e ) como complemento directo sen preposición (véxase tamén v. 16), a semellanza do que acontece no verso que inaugura a cantiga 27: Min fez meter meu coraçon / en amar tal senhor. Os restantes pronomes tónicos oblicuos (ti, el(as), nós, vós) presentan idéntico comportamento.

    Do mesmo modo, podería considerarse como tónica a forma pronominal oblicua do v. 2, tamén en función de complemento directo, porque «a segunda forma tónica {mí} do pronome replicaría a primeira {min}, colocada moi enfaticamente en posición inicial absoluta» (Monteagudo 2019: 99):

    Min prês forçadament’Amor
    e fez amar que[n] nunc’amou.

    Porén, a necesaria sinalefa mi‿amar desaconsella tal consideración, por máis que non apareza a grafía <mh> típica dos cancioneiros italianos para este contexto e función.

  • 2

    O relativo quen é esixido polo paralelismo sintáctico-semántico do v. 4, onde quen (que na emenda de Cohen), representa, sucesivamente, a dama (v. 2) e o Amor (v. 4).

  • 4

    Perante a evidente hipometría deste verso (e do v. 6), xa que a secuencia <mh> en, respectivamente, <mhatal> e <mha tal> se resolver sempre no corpus en sinalefa, recorremos á variante atal, que na lingua trobadoresca aparece en concorrencia coa forma simple tal, mesmo con convivencia das dúas variantes na mesma composición: 128, v. 17 tal vs. 12 e 17 atal; 147, vv. 1, 8 e 15 tal vs. v. 14 atal; 200, vv. 24 e 26 tal vs. v. 15 atal; 222, vv. 4 e 10 tal vs. v. 8 atal etc.). Ademais, pode comprobarse como nos diversos manuscritos alternan as dúas formas: 82.11: atal don’amar A vs. tal dona amar B; 128.12 e 17: d’atal A vs. de tal B; 143.9: tenh’atal A vs. tenho tal B; 430.27: co[n]ven tal afan a sofrer A vs. conven atal afan sofrer B. Así mesmo, nalgún caso A ofrece atal onde B ofrece un verso hipómetro (véxase 202.15), ao tempo que B pode presentar a variante atal (vs. tal A) que debe ser corrixida para evitar a hipermetría (167.2, 188.2, 200.15). Cfr. nota a 83.7. A ausencia do elemento integrado explícase por un banal erro de copia: omitiríase un dos elementos nun contexto de dous grafemas idénticos.

  • 10

    Na lingua trobadoresca xa é común o resultado no(s), na(s) para o encontro da preposición en co artigo (ĭn + ĭllum > enno > eno > no). Con todo, aínda é relativamente frecuente a forma intermedia sen aférese, que se revela verdadeiramente rara coa grafía máis arcaica, anterior á simplificación da consoante xeminada (véxanse tamén 205.9, 294.4, 486.17, 813.7 e 16, 842.14, 1119.9, 1314.7 e 10, 1337.21).

  • 12

    A forma foi é tamén P1 de pretérito de seer (e de ir): a pesar de que en xeral se estabelece unha oposición P1 / P3, fui (< fŭī) / foi (< fŭĭt), pola acción metafónica de -ī final nalgúns pretéritos fortes (cfr. tamén fiz vs. fez, sive vs. seve, tive vs. teve etc.), foi pode ser tamén resultado de P1, o mesmo que fui aparece esporadicamente como forma de P3 (sen efecto metafónico, por tanto, ou con xeneralización analóxica de unha ou outra persoa).

    A forma posesiva sou (tamén en 491.6 e 1632.4), por outra banda, é resultado directo do lat. sŭum; aínda que desapareceu perante a forma analóxica seu, o seu uso na lingua medieval pervive até finais do século XV (véxase CGPA, s.v. sou, sous).

  • 15-16

    É necesario manter a segmentación de viver ei (isto é, ei viver) para que morrer (v. 18) poida depender tamén de ei; isto é: ei viver ... ou (ei) morrer.

  • 18

    A forma mego representa o estadio máis arcaico da voz derivada do lat. mēcum, que non reaparece no corpus máis que na forma reforzada comego (13.4, 371.21, 469.3 e 10) ou con mego (469.6 e 9). Ambas as solucións son absolutamente minoritarias fronte a migo e comigo (e mais con migo). Fóra do corpus lírico profano, é anecdótica a presenza destes resultados na restante produción medieval, pois está ausente no TMILG, e no CGPA só se rexistran en textos orixinarios de Portugal cinco ocorrencias de comego, dúas de contego e, finalmente, cadanseu rexistro de sego, con sego e com sego, os dous últimos a finais do século XIV. Con todo, aínda no século XV debían sobrevivir estas formas, pois consego aparece esporadicamente tamén no Livro das Confissões (Martín Pérez 2012-2013: 284, 295, 299, 309, 311, 353 etc.).
    No que di respecto a ouer, a cuestión reside nun problema de fonomorfoloxía histórica (véxase Ferreiro 2016a: 119-127). O radical xeral para os tempos de pretérito de aver é ouv-, como resultado da metátese de wau e fricativización de -b- a partir do radical latino habu-. Ora ben, -b- intervocálico tamén pode desaparecer (Ferreiro 1999: §54c), como mostran diversos resultados que proban esta evolución diverxente nos tempos de pretérito de aver. Así acontece coas formas oer, oera e oesse presentes no corpus sempre a partir das leccións dos apógrafos italianos, por o Cancioneiro da Ajuda sempre presentar a forma ouver (e afíns): se mi-o logo a tolher oer / mia vezinha (11.27), se vos eu oesse desamor (23.13), mentr’eu vosso desamor oer (23.32), pois eu esto feito oer (29.19), mentr’oer esta senhor que oj’ei (38.9), U lhi conven, oera de tornar (45.8), quand’eu de vós oer / desamor (46.23), pois que lh’esto feit’oer (96.8), quen vos oer a desejar (107.18), pois end’o poder oer (561.6), farei eu por vós quanto fazer oer (725.26), poi-la dona seu amig’oer (759.15), pois eu oer / por mia senhor mort’a prender (1064.13). A estas ocorrencias aínda hai que lles acrecentar aqueloutras en que os apógrafos italianos presentan esta variante fronte ao resultado maioritario en A: 66.15 (ouvesse A vs. ouess(e) B); 64.465.22, 68.11, 81.18, 141.6 (ouver A vs. oer B); 363.16 (ouver A vs. oer BV). E mesmo existen outros dous casos interesantes de variación: no primeiro encontramos <ouesse> en B face a <ouuesse> en V (534.4), mentres en 130.23 a situación é máis complexa, pois A presenta a lección <moui en> onde B le <ouue͂>, de modo que debemos optar entre m’oui én (A) vs. m’ouv’én (B).
    Sendo, pois, evidente que existen resultados en que se demostra a desaparición de -b- intervocálico e a posterior monotongación de -ou- por aparecer nunha secuencia trivocálica fonotacticamente anómala (Ferreiro 1999: §23b), neste verso aparece o testemuño intermedio de tal evolución, cal é ouer, que debe relacionarse con outras variantes que con frecuencia desaparecen nas edicións e que deben ser reconsideradas á luz destes datos: oue (qual coita no coraçon / por vós sempr’oue, 372.4) e oui (Veend’eu ben que do mui grand’amor, / que lh’eu sempr’oui, 635.8; u oui passar / per Campos, 1412.2). Todas e cada unha destas formas encontran comprida confirmación nos datos subministrados polas obras en prosa, literarias ou notariais (véxase Ferreiro 2016a: 120-123).

  • 18-19

    Isto é: ‘calquera persoa pode ver isto, e máis aínda aquela persoa que comparta vida comigo’.

  • 25

    Perante a hipometría versal, parece lóxica a emenda da lección manuscrita <son> en sõo, pois en xeral as formas derivadas de *sono (> sõo > soo) computan como bisilábicas (só é unisilábico sõo en 14.19, 63.12, 292.18, 317.18, 1118.8, 1629.2, e soo en 1431.1, 1577.2). Para alén de que ambas as formas (a etimolóxica son e a analóxica sõo ~ soo) poden convivir nunha mesma cantiga, os manuscritos ofrecen unha variación que demostra a necesidade de emenda nestes casos: en 354.7 concorren como monosilábicas as formas soo (A) e son (B), mentres que, por exemplo, en 86.22, 317.7 ou 430.23 B presenta a lección errada son (vs. sõo A), e en 1650.1 é V o cancioneiro que erra con son fronte a soo de B. Cfr. notas a 47.20 e 241.10.

  • 28

    O seguimento literal da lección manuscrita levaría consigo a errada repetición –por anticipación– do pronome adverbial én (*se m’én Deus én...), que debe ser expunxido na súa primeira aparición para que o verso non fique hipométrico.

  • 30

    Dou é a forma analóxica (face a deu) de P3 do pretérito indicativo de dar, inducida pola pertenza do verbo á primeira conxugación. Na lingua das cantigas profanas aparece tamén en 1527.18.

  • 32

    Miranda interpreta a secuencia <erguela> como ergu ela, isto é, fixa unha forma ergu, con anómalo -u gráfico final en vez de considerar <gu> = /g/ e a correspondente crase erg’ela. O modo máis económico de conseguir a isometría versal reside na restauración da vogal elidida, preferíbel a integrar gran (opción de Cohen), dado que fazer mal é de uso frecuente no corpus trobadoresco: pois m’ela faz mal e desamor (233.3), pero que sempre mi fez e faz mal / e fara (806.3) etc.

Procurar
    Não foram encontrados resultados

    Utilizamos cookies de terceiros com fins analíticos para conhecer os hábitos de navegação (por exemplo, páginas visitadas). Ao aceitar cookies de terceiros, terá de as excluir das opções do seu navegador ou do sistema oferecido por terceiros.
    Clique no botão correspondente para aceitar ou recusar as cookies:

    DefiniçõesAceitar