I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 279-280); Rodríguez (1980: 220 [= LPGP 390]); Cohen (2003: 563); Littera (2016: I, 455-456).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 220-221); Braga (1878: 119); Machado & Machado (1956: V, 25-26); Fernández Pousa (1959: 253).
III. Antoloxías: Nemésio (1961 [1949]: 156-157); Torres (1977: 457); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 87).
6 querrei] queirey B 11 ei querer] ey de querer BV 12 se querrei ben a] (se queirey ben) / se queiren ben B : se querrey bē / e V 16 faço] fazo V 17 querer] fazer BV 18 querrei] queirey B
A edición de Littera presenta un refrán biversal constituído polos vv. 5-6 de cada estrofa.
2 quera] que[i]ra Nunes, Littera 3 roguedes] rogades Nunes 5 eu mal quiser] ei mal querer Nunes, Rodríguez 9 quiser] disser Cohen, Littera 10 ora] or’a Littera 11 ei querer mal a quen] ei de querer mal |a| quen Cohen : hei de querer mal quem Littera 16 pregunta tal] pregunt’atal Cohen, Littera 17 querer] fazer Nunes
(I) Miña nai, pois a vosa intención é que eu queira mal a quen me quere ben e (pois) me rogades moito por iso, dicídeme agora, por Deus, que pode e axuda, despois de que eu queira mal a quen me quere ben, se hei de querer ben a quen me quere mal.
(II) Dicídesme que se eu quixer mal ao meu amigo, que me quere moito, que faredes sempre canto eu quixer; mais veño agora para que me digades outra cousa: xa que hei de querer mal a quen me quere ben, se hei de querer ben a quen me quere mal.
(III) Moi difícil me será soportar o ter que querer mal a quen me quere ben, e vós, madre, mandádesmo facer; mais fágovos eu unha pregunta: xa que a quen me quere ben hei de querer mal, se hei de querer ben a quen me quere mal.
(1) Se así for, por min poden dicir que fun eu a que sementou o sal.
Esquema métrico: 3 x 10a 10a 10a 10b 10a 10B (= Tav 13:19) + 10a 10b
Encontros vocálicos: 15 -mi͜-o
Tal como acontece na cantiga 758, de Joan Garcia de Guilhade, tamén nesta composición Cohen sinalou «a sophisticated internal rhyme»: a quinta sílaba do verso I5 (quiser) indica a rima da estrofa II (-ɛr: quiser, quer, *quiser, quer); a quinta sílaba do verso II5 (querer) indica a rima da estrofa III (-er: sofrer, querer, fazer, *fazer); a quinta sílaba do verso III5 (ben) indica a rima da estrofa I (-ɛn: sén, ben, én, ben).
A hipometría versal resólvese coa variante atal, que convive nos textos con tal, aínda que tamén podería pensarse na variante é[ste] da P3 do presente de indicativo de seer (...pois tal é[ste] vosso sén).
A variante quera responde á base etimolóxica do presente subxuntivo de querer (< quaeram, quaeras etc.), forma minoritaria con presenza indubitábel na lingua medieval e no corpus poético trobadoresco. Cfr. nota a 73.16.
A emenda temporal de Nunes e de Rodríguez foi feita para estabelecer un paralelismo maior entre este verso e os correspondentes das estrofas II (v. 11) e III (v. 17), onde pois funciona como causal, mentres que na primeiras estrofa, conforme a lección dos manuscritos, pois é temporal (con verbo en subxuntivo). No entanto, xa Cohen indicou que tales mudanzas arruinarían o xogo métrico de Joan Airas.
Nestes versos prodúcese unha repetición da palabra rimante (quiser), situación anómala na métrica trobadoresca. Véxase nota a 14.48-50.
Cohen e Littera emendaron a palabra rimante (quiser > disser) para evitar a repetición do verbo en posición de rima nos vv. 7 e 9 (quiser : quiser > quiser : disser).
Perante a hipermetría deste verso conforme a lección dos manuscritos, optamos por expunxir a preposición de da perífrase verbal aver + de + infinitivo: para alén de no corpus conviviren as perífrases con preposición e sen nexo preposicional, ao longo dos cancioneiros atéstase a presenza anómala de de en certas pasaxes: véxanse 140.27 e 283.4 (B vs. A) ou 1053.r1 e 1486.15 (B vs. V), para alén de, por exemplo, 486.8 e 14.
Neste caso, Cohen (e Littera) preferiu omitir a preposición a que introduce o CD quen mi ben quer; porén, o paralelismo co v. 5 (pois eu mal quiser a quen mi quer ben) aconsella a expunción da preposición de.
Nótese o hipérbato co deslocamento de mal a querer para a posición de rima: Muito mi sera grave de sofrer / d’aver mal a querer quen mi quer ben.
Xa Cohen (e Littera) substituíu a palabra rimante (fazer > querer) para continuar o xogo de repeticións de palabras rimantes en cada estrofa: I2-5 ben, II2-5 quer, III2-5 querer. Efectivamente, cómpre a emenda da lección enviada polos manuscritos para manter tanto o artificio do dobre en rima nos vv. 2 e 5 de cada estrofa, como a correspondencia paralelística e conceptual entre os versos quintos de cada estrofa introdutorios do refrán.
Semear o sal nunha terra implicaba convertela en estéril por moitos anos. A expresión só volve aparecer en 917.7 (pero lhi veja o sal semear), nunha cantiga de Martin Moxa. Probabelmente baseada nun proverbio, indica unha acción que é contraria ao máis elemental sentido común.
Xa na Biblia se alude a semear o sal como un acto destrutivo e vingador: «Porro Abimelech omni die illo oppugnabat urbem : quam cepit, interfectis habitatoribus eius, ipsaque destructa, ita ut sal in ea dispergeret» (Iudices 9:45)1
.
“E Abimélec estivo loitando contra a vila durante toda a xornada. E conquistouna e matou a xente que había nela; e arrasou a cidade e sementouna de sal” (Xuíces 9:45).