8 [= RM 27,1]
Deus, que pouco que sabia

Deus, que pouco que sabia
eu en qual viço vivia
quand’era [c]on mia senhor,
e que muito me queixava
dela porque non pensava
de min, e non gradecia
a Deus qual ben mi fazia
en sol me leixar veer
o seu mui bon parecer!
Mais en gran sandez andava
eu quando me non pagava
de con tal senhor viver,
e que melhor ben querria,
e m’end’ora pagaria!
Mais, esto a min, quen mi-o dava?
Este ben quen o entrava?
Non o ouvess’oj’eu melhor,
e vivess’en tal sabor!
Mais logo m’ar mataria
un cor que ei de folia
mui comprid[o] e d’amor,
que per poucas m’ar matava:
quand’eu mia senhor catava,
en tal coita me metia
que conselho non sabia
eu de min como fazer
por dela máis ben aver.
Mais, se eu nunca cobrava
o viç’en que ant’estava,
saber-lh’-ia ben sofrer
seu amor, e nembrar-m’-ia
que [sen] ela non podia
viver quand’alhur morava,
tan muito a desejava;
mais eu con este pavor
seria bon sofredor.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 
 
30
 
 
 
 
35
 

Manuscrits


B 8

Éditions


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 642-643 [= LPGP 243]); Miranda (2004: 146-147); Cohen (2010b: 16-17); Littera (2016: I, 251).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 10); Machado & Machado (1949: I, 47-48); Rey Somoza (1998: II, 557-558); García (2001: 23-24); Rios Milhám (2017: I, 8).
III. Antoloxías: Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 35-36); Magalhães (2007: 113).

Variantes manuscrites


2 eu en qual] Eu eu qual B   7 ben] beu B   7 ben] beu B   13 querria] q̄rriā B   14 e] A B   16 quen o] queno nō B   18 e vivess’en tal sabor] Eu messental sabor B

Variantes éditoriales


7 mi] me Michaëlis   8 leixar] deixar Michaëlis   13 querria] queria Cohen   14 e] ah Littera   15 esto] est(o) Michaëlis   16 quen o entrava?] que non m’ entrava? Michaëlis, Miranda, Cohen; e nom m’entraba? Littera   17 o] om. Michaëlis, Cohen : (o) Miranda   18 e] e(u) Miranda; vivess’en] ouvess’eu Michaëlis : vivess’a Cohen : me [vi]ss’en Miranda   32-33 que [sen] ela non podia / viver quand’alhur morava] que eu viver non podia, / quand(o) ela alhur morava Michaëlis

Paraphrase


(I) Deus, que pouco consciente era do gozo en que vivía cando estaba coa miña señora, e canto me queixaba dela, porque non pensaba en min, e non lle agradecía a Deus o ben que me facía só con me deixar contemplar a súa fermosa figura.  

(II) Mais eu actuaba con grande insensatez cando non me sentía satisfeito por vivir con tal señora, e quería un ben mellor, e agora sentiríame moi satisfeito con aquilo (vivir con ela)! Mais quen me daría iso hoxe? Ese ben quen o conseguiría? Oxalá non tivese hoxe outro mellor, e vivise con ese gozo!  

(III) Mais (se iso acontecese) logo me mataría o corazón, que de loucura e de amor teño moi cheo, tal e como case me matou no pasado: cando eu ollaba a miña señora, sentía unha coita tal que non achaba unha solución para dela conseguir un ben maior.  

(IV) Mais aínda que nunca chegase a recuperar o gozo en que antes vivía, sabería soportar o seu amor, e lembraríame de que sen ela non podía vivir cando moraba noutro lugar, de tanto que a desexaba; mais eu, con ese temor, sería bo sufridor.

Métrique


Cantiga de amor, do tipo de mestría. O texto está constituído por catro estrofas alternas de nove heptasílabos, sendo o terceiro e mais os dous últimos agudos e os restantes graves.
Esquema métrico: 4 x 7’a 7’a 7b 7’c 7’c 7’a 7’a 7d 7d (= RM 51:1)
Encontros vocálicos: 15 estoa, mi-‿o; 17 oouvess(e)

Notes


Texte
  • 8

    A forma (moderna) deixar de Michaëlis é un lapso da editora.

  • 10

    Sandez é forma única fronte a sandece (xeral no Cancioneiro da Ajuda) e sandice (véxase nota a 3.11), cunha alternancia sufixal -ece ~ -ice ~ ez(a) que se detecta en varias bases lexicais. Véxase, neste sentido, a convivencia dos varios derivados de covarde na Crónica Troiana (couardiçe, couardez; véxase Lorenzo 1985: 389, 459) e mais na Historia Troiana (cobardece, cobardeza; cfr. Pichel Gotérrez 2014: II, 1.690).

  • 14

    É obvia a necesidade de emenda de B, onde se localizan bastantes casos en que <a> aparece como erro pola copulativa e (32.12, 78.14, 384.20, 475.30, 863.15, 886.17...). Porén, en Littera respéctase a lección do manuscrito, convertendo en interrogativo o v. 13 e considerando o elemento inicial do verso como unha interxección ah, feito que converte a cláusula seguinte, iniciada cun clítico, en claramente agramatical.

  • 16

    Neste verso consideramos necesaria unha emenda na lección manuscrita, xa que é precisa a expunción do adverbio non, que con relativa frecuencia se rexistra como adventicio nos manuscritos. Así sucede en 198.3 (A vs. B), 616.8 (BV), 808.10 (B vs. V), 1144.8 (BV), 1229.18 (BV) ou 1261.15 (BV), entre outros textos.
    Asemade, outorgamos ao verbo entrar a acepción ‘tomar posesión de, apoderarse de’ que presenta cando é utilizado como transitivo (véxase RILG, s.v. entrar), uso que aparece tanto nas Cantigas de Santa Maria (véxase, por exemplo, a rúbrica de CSM 99) como nas crónicas medievais, tanto galegas (véxase Lorenzo 1975: I, 255, 511, 546, 775 etc.) como portuguesas (véxase Cintra 1952-1990: III, 223; IV, 287, 444, 453, entre outros pasos).

  • 17

    Coa sinalefa oouvesse evítase a expunción do pronome realizada por Miranda e Cohen. En calquera caso, no corpus rexístranse as mesmas sinalefas co pronome o e diversos elementos (verbos, nomes etc.): o‿Ele (67.19), o‿ei (291.19, 1571.3), o‿er (498.10), o‿eu (983.24 e 25, 1215.2), o‿aprendestes (1430.21), o‿en (1433.20), o‿oistes (1531.17), o‿ome (1613.12). Cfr. nota a 56.10.

  • 18

    Para interpretar de forma correcta a lección manuscrita debe considerarse a confusión, frecuente nos códices, entre <m> e <iu>, para alén de segmentar axeitadamente <Eu mess|>. Ademais, non é necesaria a emenda de Cohen, xa que viver en tal sabor é unha expresión paralela a viver en tal coita, amplamente rexistrada no corpus (23.9, 197.27, 508.20, 984.r2, entre outros exemplos).

  • 20

    Nótese neste verso a presenza de dous provenzalismos: cor, que compite con coraçon, e folia, que alterna no corpus co minoritario loucura (117.9, 360.5, 772.15, 1326.21, 1410.17, 1451.13, 1575.24).

  • 20-21

    Enténdase: ‘un cor que ei moi comprido de folia e d’amor’.

  • 22

    Este é o único rexistro da locución adverbial per poucas ‘case’ na poesía profana. O sintagma, porén, atéstase esporadicamente nas Cantigas de Santa Maria e mais na prosa literaria (Crónica Troiana, Historia Troiana). A súa orixe hai que a procurar nunha construción con -s adverbial, do mesmo modo que outras formas medievais como certas (véxase nota a 14.10) ou ergas (véxase nota a 715.3), seguindo o modelo de adverbios antigos como nuncas ou foras (véxase Ferreiro 1995: §234b).

  • 29

    Da expresión estar en viço ‘estar ou vivir con pracer’ fai parte o substantivo viço, que, xunto co resultado vezo (nas cantigas só se recolle o verbo vezar, en 1669.15), constitúe un dos dous resultados do lat. uĭtium, ambos especializados semanticamente.

  • 32-33

    Michaëlis modificou excesivamente nestes versos a lección de B (<q̄ ela nō podia uiuer / Quādalhur moraua>), en que só é preciso incorporar a preposición sen, tal como estabeleceu Nobiling (2007 [1907]: 204), que indica, con razón, que “[c]om muito menor modificação é possivel estabelecer sentido e metro”.

Rechercher
    Aucun résultat trouvé