1355 [= RM 87,7]
Da esteira vermelha cantarei

Don Lopo Lias trobou a ũus cavaleiros de Lemos; e eran quatro irmãos e andavan sempre mal guisados, e por én trobou-lhis estas cantigas:

Da esteira vermelha cantarei
e das mangas do ascari farei
[........................................ -ei]
e da sela que lh’eu vi, rengelhosa,
que ja lh’ogano rengeu ant’el-rei
ao Zevron e pois ante sa esposa.
Da esteira cantarei des aqui
e das mangas grossas do ascari,
e o brial enmentar-vo-l’-ei i
e da sela que lh’eu vi, rengelhosa,
[.......................................... -i
ao Zevron e pois ante sa esposa].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 

Manuscritos


B 1338, V 945

Edições


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 383); Pellegrini (1969: 11 [= LPGP 592]); Lagares (2000: 150 [rúbrica]); Lopes (2002: 266); Littera (2016: II, 49).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 323); Braga (1878: 177); Machado & Machado (1958: VI, 72); Lapa (1964: 1); Souto Cabo (2012c: 121-122); Callón (2017: II, 55).
III. Antoloxías: Álvarez Blázquez (1975: 141); Landeira Yrago (1975: 273); Tavares & Miranda (1987: 268); Diogo (1998: 263).

Variantes manuscritas


Rúbrica: Lemos] lemus V; quatro] q̄tro V; guisados] guysadus B

Texto:
2 ascari] ascar B   3 rengelhosa] renghelhosa B   6 esteira] esterra V   9 enmentar] eu mantar B : enmōtar V

Variantes editoriais


Rúbrica: ũus] uns Lapa, Lopes, Littera

Texto
En todas as edicións o refrán está constituído polos vv. 4-6 das dúas estrofas.
2 farei] direi Lapa, Lopes, Littera   3 [e o brial i ẽmentar-vo-l’ei] Lapa : [e o brial i enmentar-vo-l’ei] Lopes   9 enmentar] ẽmentar Lapa   11 [que já lh’ogano rengeu ante mi] Lapa : [que já lh’ogano rengeu ant’el-rei] Lopes, Littera

Paráfrase


Don Lopo Lias trobou sobre uns cabaleiros de Lemos que eran catro irmáns e andaban sempre mal amañados; e por iso lles compuxo estas cantigas.

(I) Cantarei sobre a albarda de esparto vermella e sobre as mangas de liño fino farei [...], e da sela que eu lle vin, renxedora, que xa este ano lle renxeu ante o rei ao Zevron e despois ante a súa esposa.
(II) Da albarda de esparto cantarei desde agora, e sobre as mangas grosas do traxe de liño, e o brial tamén volo mentarei aquí, e a sela que eu lle vin, renxedora, [...] ao Zevron e despois ante a súa esposa.

Métrica


Esquema métrico: 2 x 10a 10a 10’B 10a 10’B
Encontros vocálicos: 5 a͜o; 9 bri·al; 10 a͜o

Notas


Rubrica
  • A rúbrica afecta ás cantigas UC 1355-1366 de Lopo Lias.
    Este ciclo de cantigas pon de manifesto as tensións existentes no seo da nobreza cortesá posibelmente no marco de importantes conflitos que derivaron en posturas enfrontadas respecto da sucesión dos reinos de Galiza-León ou Castela, dependendo das principais interpretacións ofrecidas pola crítica. Atendendo ao encadramento xeográfico propiamente galego do autor e a súa obra, e ao percurso biográfico de Lopo Lias entre 1190 e 1260, tal e como defende Souto Cabo (2012), o contexto político podería remitir ao propio da corte rexia galego-leonesa e, consecuentemente, á problemática sucesión de Afonso IX (ou VIII) de Galiza e León, e á vontade do monarca por transmitir o trono ás súas fillas, as infantas dona Sancha e dona Dulce. A pesar dos apoios recibidos, especialmente no territorio galego, finalmente foi acordada no Tratado de Benavente a súa renuncia ao trono a favor do seu medio-irmán, Fernando III, rei de Castela.
    Polo contrario, a vinculación coa corte real fai que Vicenç Beltrán (2009) non contemple a corte galego-leonesa e pense directamente no ámbito castelán e, concretamente, no tamén complexo contexto sucesorio de Afonso VIII, identificando os zevrões das cantigas cos Laras.

Texto
  • *

    A disposición da copia da cantiga nos cancioneiros indica a existencia dun problema de transmisión, que foi tradicionalmente resolvido coa hipótese da omisión do v. 3 (Pellegrini, Littera), reconstruído –sen indicación tipográfica– en Lapa e Lopes a partir de <E o brial eu mantaruoley hy> da estrofa II, reformulado para que presente a rima -ei (e o brial i eu enmentar-vo-l’-ei).
    Nos manuscritos, a primeira estrofa aparece copiada con normalidade e sen indicación de existencia de refrán; a segunda estrofa presenta a copia dos dous primeiros versos, seguidos de unha liña en branco (marcada en B cun trazo vertical inicial por Colocci) e, a seguir, o que consideramos primeiro verso do refrán (intercalado), iniciado con letra maiúscula en V (en B todos os versos comezan con maiúscula):

              B       V
      Da esteyra vermelha cantarey   Da esteyra uer melha cantarey
      E das mangas do ascar farey   edas mangas do ascari farey
      E da sela quelheu uj renghelhosa   eda sela quelheu ui rengelhosa
      Que ialhogano rengeu antel Rey   que ia lhogano rengeu antel rey
      Ao zeuron e poys ante ssa esposa   ao zeuron epoys ante ssa esposa
           
      Da esteira cantarey desaqui   Da esterra cantarey desaqi
      E das mangas grossas do ascari   edas mangas gossas do ascari
      E o brial eu mantaruoley hy   eo brial enmōtaruoley hy
           
      E da sela quelheu uj rengelhosa   E da sela q̄lheu ui rengelhosa
           

    A partir do material textual dos manuscritos, tal como foi considerado en todas as edicións, parece que esta cantiga presenta un verso de menos en cada unha das dúas estrofas. Deste modo, o esquema estrófico sería aaaBaB, de maneira que na estrofa I faltaría o terceiro verso (v. 3) e na estrofa II faltaría o quinto verso (v. 11). 
    Considerando que entre os dous versos iniciais das dúas estrofas hai marcadas correspondencias paralelísticas (alusión á esteira, alusión ao ascari), sería de esperar que no verso 3 houbese unha referencia ao terceiro elemento, o brial. Canto ao quinto verso de cada estrofa, existe unha dupla posibilidade de actuación. A primeira sería consideralo parte dun refrán de tres versos (opción de Pellegrini, Lopes e Littera). Neste caso, na segunda estrofa, ao manter os tres versos de refrán da primeira, variaría o esquema estrófico para aaaBCB. A segunda opción sería considerar un refrán intercalar de só dous versos e que entre os quintos versos de cada estrofa houbese correspondencias paralelísticas, tal como entre os tres primeiros. Neste caso, ese v. 5 da estrofa II (v. 11) mantería a rima a desta estrofa, en -i, de modo que as dúas cobras terían o mesmo esquema estrófico. Nesta dirección camiñou a edición lapiana, que, alén de reconstruír o v. 2, hipotiza o v. 11 como parte do refrán (que já lh’ ogano rengeu ante mi), introducindo unha variatio a respecto do v. 5 (que já lh’ ogano rengeu ant’ el-Rei). 
    Na nosa edición optamos por non restaurar os versos omitidos nos manuscritos. Con todo, formulamos dúas hipóteses de restauro para o v. 3 que coidamos preferíbeis ás anteriores hipóteses (que implican da mudanza farei > direi no v. 2), sempre a partir das xa aludidas correspondencias paralelísticas entre os versos 3 e 9: 

    Da esteira vermelha cantarei,
    e das mangas do ascari farei
    [un cantar, e do brial vos direi] / ...

    E aínda se pode hipotizar coa expresión fazer enmente (véxase 1674.6, xunto con outras ocorrencias nas Cantigas de Santa Maria, entre outras obras), que equivalería ao enmentar ‘falar de’ do v. 9:

    Da esteira vermelha cantarei,
    e das mangas do ascari farei
    [enmente, e do brial vos direi] / ...

    Canto ao verso 11, considerando que as dúas cobras mantivesen o mesmo esquema estrófico, parécenos axeitada a hipótese de Lapa (recollida tamén na edición divulgativa de Souto Cabo), baseada no paralelismo deste verso co correspondente da estrofa I, con variación no rimante:

    e da sela que lh’eu vi, rengelhosa,
    [que ja lh'ogano rengeu ante mí
    ao zevron e pois ante sa esposa].

    Deste modo, o texto completo (reconstruído) ficaría así:

    Da esteira vermelha cantarei,
    e das mangas do ascari farei
    [un cantar, e do brial vos direi] 
    e da sela que lh’eu vi, rengelhosa,
    que ja lh’ogano rengeu ant’el-rei 
    ao Zevron e pois ante sa esposa.

    Da esteira cantarei des aqui,
    e das mangas grossas do ascari
    e o brial enmentar-vo-l’-ei i
    e da sela que lh’eu vi, rengelhosa,
    [que ja lh'ogano rengeu ante mí
    ao Zevron e pois ante sa esposa].

  • 1

    A esteira, un tecido groso de esparto ou dun material similar, designa neste contexto o material mesmo (de cor vermella) con que estaba feita a albarda. Eis unha atestación, entre outras existentes, desta voz na Crónica Geral Galega:

    Et hũu ome bõo pobre doeusse muyto do corpo del rrey et tomoo en sogas et poseo en hũu leyto et cobrio de hũa esteyra uella et leuoo fora da vila et soterroo en hũu lugar hu iaziã os camelos (cfr. CGPA, ed. R. Lorenzo).

  • 2

    A voz ascari é termo exclusivo de Lopo Lias, tamén presente en 1359.22, 1366.16. Designa un tecido de liño moi fino e moi apreciado (véxase Gual Camarena, s.v. escarin [consult. 31-10-2023]).
    No tocante á palabra rimante (farei), nótese como nas edicións que reconstrúen o v. 3 acomodan o hipotético verso coa emenda de <farey> para direi, por mor da aparente ausencia dun complemento directo.

  • 4

    Sen dúbida, o adxectivo rengelhosa ‘renxedora’, aplicado á sela que renxía, é termo derivado de renger, cos sufixos -elho (convertido en interfixo) e -oso. Non achamos atestación desta voz fóra das cantigas de Lopo Lias (véxase tamén 1364.24, 1366.14).

  • 6

    Aínda que, en xeral, ao computa metricamente como bisilábico, neste verso do refrán ao é unisilábico (de modo semellante ao que acontece con aa(s), véxase nota a 336.8), como se pode atestar con seguranza noutras pasaxes do corpus (336.8, 455.1, 725.3, 813.12 e 21, 17 e 26, 968.24, 1015.10, 1356.r2 e r4, 1364.1 e 7, 1398.7, 1497.18, 1532.24, 1629.11). Cfr. nota a 73.21.
    A voz zevron é explicada por Manuel Rodrigues Lapa como aumentativo de zevro ‘onagro, cabalo salvaxe’ (do lat. equĭfĕrum), e co significado figurado de “homem grosseirão, bruto, impetuoso, asselvajado”. Souto Cabo (2012c: 115, n. 10) alude ao feito de este alcume ser atribuído aos membros dunha familia con propiedades en Palas de Rei (Lugo): 

    Conoçida cousa seia que eu Ruy Paez, dito Zerbo, fazia demanda a don Pay Paez, prior de Uilar de Donas, in nomine e in uoz de ese mosteyro, conuen a saber: que le demandaba a quinta parte da meadade do casal da Torre, que esta en Bolbetouros, o qual casal ye dera ao deuantito moesteyro meu auoo don Ruy Zerbo e sa moler dona Marina Sanchez, que foron meus auoos (doc. 1269; cfr. CGPA, ed. Novo Cazón).

Procurar
    Não foram encontrados resultados