I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 209-210 [= LPGP 74-75]); Cohen (2003: 281); Marcenaro (2015a: 46); Littera (2016: I, 29).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 155); Braga (1878: 77-78); Machado & Machado (1953: IV, 135); Gaspar Porras (1995: 45).
III. Antoloxías: Seoane (1941: 27-28); Fernández Pousa (1951: 60); Nunes (1959: 341); Álvarez Blázquez (1975: 38); Ferreira (1991: 114-115); Diogo (1998: 61).
13 e] om. V 19-24 om. V 20 é] h B 23 con mia] omha B
En Nunes o v. 4º de cada estrofa non está incluído no refrán (intercalar). En Littera faltan as estrofas III-IV.
2 trist’e] triste Nunes 13-24 om. Littera 16 ou que [ést]’est’] que ést’[aquest’] Cohen : que est’ aquest’ Marcenaro 19 trist[e] andades] trist’andades [vós] Cohen 20 o por que é, poi-lo non [... -eu]] o por que é, poi-lo non [vejo eu] Nunes : o por que <é, e> poilo non <mh’ é leu> Cohen : o porque, poi-lo non [.... -eu] Marcenaro 23-24 con mia coita e meu / mal] ó mia coita e meu / mal Nunes : ai mha coita e [mal] meu, / mal Cohen : e mia coita e meu / mal Marcenaro
(I) –Ai meu amigo, e meu lume e meu ben, véxovos agora moi triste e por iso quería saber de vós ou de alguén que é isto ou por que estades así.
–Por Deus, señora, direivos unha cousa: mal estou eu se vós non o sabedes.
(II) –Andades moi triste, desde hai moito tempo, e non sei por que nin por que non; dicídeme agora, así Deus vos perdoe, que é isto ou por que estades así.
–Por Deus, ai coita do meu corazón, mal estou eu se vós non o sabedes.
(III) –Vós andades triste, e eu ando triste porque non sei se iso volo provoca a coita de amor, ou que é isto ou por que estades así.
–Por Deus, ai moi fermosa señora miña, mal estou eu se vós non o sabedes.
(IV) –Andades moi triste e eu non sei o porqué, xa que non [...]; dicídemo, e que non vos sexa penoso: que é isto ou por que estades así.
–Por Deus, señora, co meu sufrimento e co meu mal estou se vós non o sabedes.
Esquema métrico: 4 x 10a 10a 10a 10’B 10a 10’B (= RM 13:28)
Encontros vocálicos: 9 -mi‿ora; 21 -mi͜-o
A segmentación da copulativa en trist’e permite ligar dúas cláusulas, de modo que o discurso flúa con naturalidade, sen xustaposicións.
A liña discursiva da cantiga esixiu introducir a conxunción disxuntiva inicial ou neste verso do refrán, feito que provocou, atendendo á métrica, a integración da forma verbal éste seguida da forma est(o), que nesta ocorrencia do refrán substituíu o aquesto das restantes estrofas.
Esta modulación sintáctica no refrán pode verse tamén noutras cantigas, onde se rexistra presenza / ausencia dalgún elemento de ligazón (fundamentalmente copulativa), variación no uso de preposicións ou de conxuncións, así como mudanzas xenéricas ou numéricas. Cfr. nota a 27.4.
A falta de unha sílaba métrica explica a integración de vós que Cohen realizou, fronte a unha intervención moito máis económica, que consiste en repor a vogal en trist[e], en hiato con andades, similar a outras dialefas que achamos no corpus: que non lh’estevess’eu triste e cedo se tornaria (648.2); que non lh’estevess’eu triste e tarda e non mi ven (648.6); d’andar triste o meu amigo (709.4); que anda triste o meu coraçon (821.3).
As posibilidades de reconstrución da parte final do verso son varias, e así o mostra tanto a ausencia de proposta (Marcenaro), como a arriscada lectura de Cohen. Pola nosa parte, aínda tendo en conta o limitado repertorio de opcións rimáticas con [ɛw] (eu, deu, greu, judeu, lheu ~ leu, romeu; os posesivos meu, teu e seu, e algúns nomes propios; véxase Montero Santalla 2000: 1.195-1.198), tamén evitamos unha reconstrución conxectural e, por tanto, excesivamente hipotética.
Nótese a presenza do provenzalismo greu, que concorre na lingua trobadoresca, sempre en rima, coa forma xeral grave.
En todas as precedentes edicións foi emendado desnecesariamente o texto dos manuscritos, correcto en V, embora co erro <o>/<ꝯ> (= con), que se acha noutras pasaxes dos cancioneiros italianos, e nomeadamente en B: con <cō> A, <o> B (305.14); <0> B, <ꝯ> V (763.10). Cfr. tamén conselho, coas leccións <9sselho> B, <osselho> V (833.10). Deste modo, fica un texto transparente: con mia coita e meu mal. É por isto que resulta inxustificábel, para alén de anómala, a proposta de Nunes (ó mia coita e meu mal), estrañamente intrusivo o texto editado por Cohen (ai mha coita e [mal] meu), e pouco acaída a copulativa considerada en Marcenaro (e mia coita e meu mal).
This site uses third-party cookies for analytical purposes to help us track and monitor how users navigate the site (e.g. which pages they visit). Remember that if you accept third-party cookies, you should delete them from your browser options or from the system provided by the third party in question.
Click below to accept or to edit your cookie settings.