I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 60-61 [= LPGP 313-314]); Cohen (2003: 113); Littera (2016: I, 364).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 89); Braga (1878: 46); Machado & Machado (1952: III, 285).
III. Antoloxías: Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 62).
1 ven] vẽ[o] Nunes, Cohen
(I) Agora vén o meu amigo e quérese ir logo e non quere estar comigo: xa por sempre o hei de desexar.
(II) Nunca llo podo tanto pedir que comigo o poida facer estar: xa por sempre o hei de desexar.
(III) Aínda que llo rogo, non me vale de nada, e que hei de facer, pois comigo non quere estar? Xa por sempre o hei de desexar.
Esquema métrico: 8’a 8’a 2B 9B (I [cfr. RM 37:51]) + 9a 9a 2B 9B (II-III [= RM 37:50])
Encontros vocálicos: 1-2 amigo/‿e; 9 mi‿á
Esta composición presenta un esquema métrico singular, moi similar ao da cantiga 642, tamén de Fernan Rodriguez de Calheiros. Con esta comparte o verso bisilábico no refrán, que foi isolado xa desde as primeiras edicións, a pesar de nos cancioneiros aparecer copiado como se fose un único verso.
Fronte a Nunes e Cohen, que consideran a existencia dun erro de copia no verso (<uen o>/<uẽo o>) para nivelar metricamente a cobra, consideramos que a unánime lección dos cancioneiros achega a versión certa, xa que temporalmente é o presente o tempo que resulta coherente coa adverbio agora. Véxase como os diversos contextos en que aparece envolto o verbo viir sempre aparece o presente ven cando precedido do adverbio ora/agora: tan muito mal como m’agora ven (116.11); que da morte, que m’ora ven (232.13); per u eu foss’, e ora ven (601.r2); e meu bon talh’e ora ven (758.20); peor do que m’ora ven (896.8); e ora ven e praz én muit’a mí (1022.3). A única excepción aparece en 658.5:
E sempr’eu punhei de lhi mal fazer
mais, pois ora vẽo por me veer,
madre, [per bõa fe, leda m’and’eu].
En última instancia, ven tamén pode ser a variante minoritaria da P3 do pretérito de viir, con evolución foneticamente regular do lat. uēnit (as formas med. vẽo ~ veo, mod. veu / veio son analóxicas), que aínda se conserva nalgunha rexión galega.
Do punto de vista métrico, coa lección dos manuscritos desaparece o problema de medida se considerarmos a equivalencia métrica 8’-9 (pola lei de Mussafia), de xeito que se podería considerar a existencia dunha episinalefa amigo/‿e nos vv. 1-2, ou, alternativamente, omitir a conxunción copulativa inicial do verso.
De todos os modos, o erro aven / avẽo pode verse, por exemplo, nas Cantigas de Santa Maria:
Mas hũa dona de França, cega, per quant’aprendi,
romỹa a Santiago foi, mas avẽ[o]-ll’assy
que non sãou de sa ida que sol podesse veer (CSM 278.20).
A conxunción concesiva macar, de orixe grega, é case exclusiva do rexistro poético, tal como se deduce do seu uso frecuente na poesía trobadoresca profana e da súa alta frecuencia nas Cantigas de Santa Maria. A súa aparición noutro tipo de textos é moi escasa (véxase CGPA, s.v. macar).
Fem servir cookies de tercers amb finalitats analítiques per poder conèixer els hàbits de navegació (per exemple, les pàgines visitades). Tingueu en compte que, si accepteu les cookies de tercers, haureu d'eliminar-les de les opcions del navegador o del sistema ofert per tercers.
Feu clic al botó corresponent per acceptar o rebutjar les cookies: