I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 380); Barbieri (1980: 57 [= LPGP 910]); Littera (2016: II, 472).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 126); Carter (2007 [1941]: 114-115); Machado & Machado (1950: II, 106-107); Arbor Aldea (2016b); Rios Milhám (2018a: II, 306).
1 coraçon] coracon B 3 me] mj B 4 bõa] boa B; me] mi B 5 eu querria] en queiria B 6 lle] lhi B 7 Pero dela non atend’] Po dela non atendo B 9 porque] por{q̄} A; pe que eu B 10 mi-a mostre] ma mostre(r) B; a’n] a en B 11 querria] queiria B 13 Porque] E p’ que B 14 ollos] Olhus B; guarrei] guarirey B 15 ontre] ant’ B 16 muito] muit(a){o} A; me] mj B 17 querria] queiria B
3 me] mi Barbieri 4 me] mi Barbieri, Littera 6 lle] lhi Barbieri 7 atend’] atendo Barbieri, Littera 9 porque] porque eu Barbieri; boa] bõa Michaëlis 10 a’n] a en Barbieri 12 lle] lhi Barbieri 14 ollos] olhus Barbieri 15 ontre] antre Barbieri, Littera 16 me] mi Barbieri 18 lle] lhi Barbieri
(I) A miña señora, que sempre amei profundamente desde que a vin, aínda que me vén por ela mal desde aquela, é tan boa que Deus non me perdoe se eu querería vivir no mundo para non a amar nin a ver, (II) aínda que dela non espero outro ben, excepto vela, mentres eu viva; mais, porque amo tan boa señora, Deus, que a ten no seu poder, non ma mostre se eu querería vivir no mundo para non a amar nin a ver, (III) porque desexo tanto ver os seus ollos que xa non me salvarei; e porque entre todas as que viven no mundo tanto vale, que non me valla Deus se eu querería vivir no mundo para non a amar nin a ver.
Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= RM 160:222)
Encontros vocálicos: 10 mi-‿a
En ningunha das edicións precedentes se dispón o texto como cantiga ateúda, por máis que a ligazón entre as dúas primeiras estrofas sexa solicitada pola cláusula subordinada que inicia a estrofa II con pero: esta cláusula ficaría sen verbo principal se non fose ligada sintacticamente ao refrán. No relativo á ligazón entre as estrofas II e III, certamente poderían ser independentes; porén, a composición fica máis equilibrada rítmica e conceptualmente estendendo o carácter de cantiga atéuda a todo o texto. Cfr. nota á cantiga 15.
En B rexístrase unha presenza espuria de eu (aceptada por Barbieri, coa conseguinte hipermetría pola inexistencia da sinalefa *porque‿eu), tal como acontece en diversas pasaxes nos apógrafos italianos (B vs. A: 74.5, 85.16, 177.9; BV vs. A: 420.14 e 17; V vs. B: 1597.1), mais tamén, por exemplo, nunha ocasión en A (vs. B), en 228.7.
Neste verso comparece a preposición en nunha crase coa preposición a (a’n, fronte a B), tal como se rexistra esporadicamente no corpus; en calquera caso, esta crase ten unha maior presenza no Cancioneiro da Ajuda, que nalgúns casos a presenta fronte a B, que mantén a integridade de en (87.3, 133.15, 279.r1, 306.10) ou que, alternativamente, omite a preposición (70.28, 89.19, 199.14). Véxanse tamén 28.14, 43.20, 59.3, 60.7, 83.19, 133.2, 138.7 e 9, 141.9, 154.r1 e r3, 155.7, 263.6, 267.2, 270.19, 282.8, 388.5, 390.2, 395.7, 460.4, 465.10, 804.7, 1062.10, 1080.1, 1145.23 e 1420.11. Cfr. nota a 6.4.
Nótese a presenza da copulativa inicial en B (inexistente en A), a confirmar como, a partir do testemuño diverxente dos manuscritos se pode determinar con seguranza o carácter espurio da copulativa, feito que acontece con certa frecuencia, especialmente no inicio do verso. Véxase, entre outros, B vs. A (66.14, 96.10, 128.14, 224.7, 241.22, 312.5 e 13), A vs. B (129.28), A vs. BV (1236.10 e 16), B vs. V (851.12, 924.19, 950.7, 1631.7), V vs. B (740.10, 935.6, 1148.9). E noutros casos, a pesar da coincidencia dos testemuños, existen razóns sintácticas, métricas ou doutro tipo que aconsellan a antecitada expunción.
A presenza de antre en B é coherente coa distribución das variantes da preposición nos cancioneiros. Os apógrafos italianos só fornecen a variante antre, agás en 92.20, onde B comparte con A a forma ontre, fronte ao Cancioneiro da Ajuda, onde se atestan as tres variantes da preposición entre –ontre (92.20, 199.8, 1236.1 e 7), antre (309.21 e 22) e entre (149.r2)–.
De calquera maneira, a convivencia destas tres formas de entre lembra a concorrencia das variantes por ~ par ~ per, así como a evolución que se percibe nunha (rara) variante como ontroido para entroido ~ antroido (< introitum):
per tal condizom que dedes deles a min cada ano des dia de san martino atra dia d’Ontroydo C. soldos de móéda dos pretos blandos, a dous pretos por soldo (Lucas Álvarez & Lucas Domínguez 1996: 77).
Véxanse aínda outras atestacións no CGPA, s.v. ontroydo.
Nous utilisons des cookies de tiers à des fins analytiques pour pouvoir connaître les habitudes de navigation (par exemple, les pages visitées). N'oubliez pas que si vous acceptez les cookies de tiers, vous devrez les exclure des options de votre navigateur ou du système proposé par des tiers.
Cliquez sur le bouton correspondant pour accepter ou rejeter les cookies :