(I) –A vós, Don Josep, veño eu preguntar, xa que polos vosos xudeus recadadores vos é estipulado, aos importantes e aos humildes, canto ten de dar cada xudeu: por que razón Don Foán, xudeu a quen xa foi indicada a taxa a pagar do seu, se escusa sempre de peitar convosco?
(II) –Estevan da Guarda, calquera xudeu pode librar de pagar impostos aos seus señores, mais na cantidade non lle farán favores nin darán tratamento de amigo os que as teñen que calcular; e Don Foán xa deu ás veces o que lle taxaron, como eu dou do meu; e aínda ha de dar máis, e quererase librar.
(III) –Don Josep, non me parece razoábel, xa que foi equiparado a vós na taxa cando deu do seu todo canto lle foi taxado, que sexa defendido por señores para non pagar impostos como calquera outro contribuínte, tal como paga calquera taxador o que lle marcan, sen escusa posíbel.
(IV) –Estevan da Guarda, por tal acción que vós dicides xa foi demandado e o seu preito foi litigado, de forma que aínda continúa co litixio xudicial; e non lle corresponde a mellor taxa, porque deu unha cantidade grande; mais xa que lla paga o seu señor, de que vale tal pagamento!
(V) –Don Josep, eu xa estou convencido e teño a certeza de que do voso non se oculta nada, senón que é tan certo e apregoado como o viño forte (é apregoado) en Allariz; e el, que carece de propiedades, quere xa tervos a vós tan cargado de impostos como el está hoxe polo xuíz maior.
(VI) –Xa Don Foán, polo mal que me quere, di que escondo todo canto teño para non pagar nada; e vós, Don Estevan, de como está a miña facenda ben disposta sodes ben consciente, pois nunca foi ocultada a miña taxa, senón sabido e certo e apregoado todo canto eu posúo na terra, en bens móbeis e raíces.