(I) Un cabaleiro tiña unha tenda moi fermosa, e cada vez que estaba nela pracíalle moito; e un día pola sesta, cando estaba moi ben armada a tenda, despezouse por todas as partes por culpa da (corda) mestra.
(II) Na tenda non ficou pano, nin cordas, nin gornicións por que non se estragase toda ela pola forza exercida pola mestra, que foi tirando tanto polo esteo que por iso foi, creo eu, polo que se foi despezando toda a tenda.
(III) A corda ficou en pedazos e case todo o resto se perdeu; mais ficáronlle dous mazos á par do esteo espetado e a mestra ficou metida na grande estaca, deitada; e foise a tenda estragando así como está estragada.
(IV) Por falta dun bo mestre arruinouse toda a tenda, de modo que nunca lle valerá para regalar ou para vender, pois, por non estar pendente, deixou que a mestra tirase tanto da tenda que, mentres viva, será escarnecido por iso.

Esta cantiga de cima foi feita a un Mestre dunha orde de cabalaría, porque tiña unha barregá e tivera fillos con ela antes de ser Mestre; e ademais tiña unha tenda en Lisboa con que gañaba moito diñeiro. E aquela súa barregá, cando recibían algúns diñeiros da terra da Orde e o mestre non estaba alí, investíaos naquela tenda para con eles tirar ganancia para os seus fillos, mais despois retiraron o diñeiro da tenda e investírono noutros negocios para se lucrar con el; e ficou a tenda desfeita e o mestre non deixou despois por iso de gañar...