Fixo esta cantiga a un cabaleiro que estaba cativo dos mouros e que deu para a súa liberación a maior cantidade de diñeiro que puido, tal que pensaban todos os homes que el non valía tanto.

(I) Comprouse un cabaleiro para se liberar do cativeiro de Xaén onde xacía preso, e custou pouco; mais non mercou ben, antes penso que fixo un mal negocio, porque deu por si máis do que vale e penso que obrou moi mal.
(II) Tan pouco soubo el de comerciar que eu nunca vin quen soubese tan pouco, porque se libertou con esa compra e caeu por iso nun grande engano, porque, aínda que se queira vender de novo, xa nunca poderá valer a metade do que pagou por si.
(III) El tivo un desexo tan grande de se comprar que non se coidou de comprar mal e fixo peor porque antes non se aconsellou, pois agora a súa muller di que non quere aceptar esta compra, xa que el tan mal mercou.