(I) Señora fermosa, xa que non me queredes crer a coita en que me ten Amor, para o meu mal é que sexades tan fermosa, e para o meu mal vos tomei por señora, e para o meu mal tanto ouvín moi ben falar de vós, e para o meu mal vos vin, pois é o meu mal canto ben vós tendes.

(II) E, pois vós non vos lembrades da coita nin do afán que Amor me fai sufrir, para o meu mal vivo máis do que vós pensades, e para o meu mal me fixo Deus nacer, e para o meu mal non morrín cando pensei en como vos ver, e para o meu mal fiquei vivo, porque a vós o meu mal non vos importa nada.

(III) E desta coita en que vós me tendes, en que hoxe vivo tan a desgusto, que farei eu, xa que vós non ma credes? Que farei eu, infeliz pecador? Que farei eu, vivindo sempre así? Que farei eu, que en mal día nacín? Que farei eu, pois vós non me socorredes?

(IV) E xa que Deus non quere que me socorrades nin que me queirades crer a miña coita, que farei eu? Por Deus, (pídovos) que mo digades! Que farei eu, se non morro logo? Que farei eu, se hei de vivir máis? Que farei eu, que non acho remedio? Que farei eu, a quen vós desamparades?