(I) Señora, se eu pasase a outra vida tal como paso e pasei esta, e con tal coita como aquí levei e levo, hei de morar no inferno por vós, señora, e non por outra cousa, pois por vós perdo a Deus e o siso e a razón cando vos vexo cos ollos ollar (II) de xeito tan aposto que non ten par; e xa me esforcei por comprendelos, e entón comecei logo a rir e logo tamén me puxen alí a chorar como home desamparado de Amor e de vós: ai fermosa señora miña, non sei como poderei soportar isto!
(III) E xa que vos falei do inferno, señora fermosa, vede o que entendo a respecto da coita de aquí que por vós sufro, e canto me vén dela, segundo eu sei: que alá non podería haber tal coita cal eu sufro, tan descomunal, e sufro e nunca de vós recibo auxilio, (IV) pois vede, miña señora, por que vola sufro: porque fixo Deus o voso corpo tal que ningún home pode encontrar nel ningún mal nin poderá; mais eu teño un gran pavor de que Deus vola ha demandar por min, despois de eu morrer, ai lume destes meus ollos, que sempre amei mais que a min!