Aquí comeza a xesta de mal dizer que fixo Don Afonso López a Don Meendo e aos seus vasalos.
(I) Estaba Don Belpello nunha súa casa, chamada Longos, de onde todos eles son naturais. Éntralle pola porta Martín de Farazón, co escudo ao colo, no cal estivo pousado un capón porque noutro tempo xa foi pau de galiñeiro; o cabalo é aguzado, parece un furón, e encima del leva un vello selegón, sen estribeiras e coa albarda rachada; non leva loriga nin leva lorigón, nin xeonlleiras, que son de ferro; mais trae o xibón rachado e sen algodón e as cubertas dun vello trapo; lanza de piñeiro e o pendón de pano groso de liño; casco de ferro que non lle asenta ben, e un vello espadón baixo o brazo, coitelo oculto, cinto sen fibela, dúas esporas do pé dereito –que do esquerdo non son–, maza de madeira, que lle pendura do arzón. A Don Belpelho dirixiu estas palabras: «Ai meu señor, así Deus vos perdoe, onde está Joán Aranha, o voso compañeiro e alférez, que vos terma do pendón? Se está aquí, saia desta casa, pois xa os outros todos están en Basto». Eoí!
(II) Neste intre chega Joán de Froián, cabalo vello, vezado e alazán; leva sinais (heráldicos) no arzón de diante –campo verde onde osma no can–, e no escudo os mesmos lle acharán; capa e cinto e calzóns de tecido de Ruán: o seu aspecto semella o dun xigante. Perante Don Belpelho se vai aparellando e di: «Señor, non valeredes un pan se os que están en Basto se vos van así, mais ide contra eles, que non se vos irán, alí os acharedes e han de escarmentar: vingade a casa en que mexaron por vós, que digan todos cantos han vir despois de nós que tal consello o deu Joán de Froián». Eoí!
(III) Dito isto, chegou Pero Ferreira, cabalo branco, vermello nas feridas das esporas, co escudo ao colo, que antes fora dunha maseira, a súa lanza torta (feita) dunha póla de cerdeira; casco de ferro, co protector do nariz nun lado da cara e furado enriba da moleira; trae unha polaina e unha xeonlleira, vai acaneando moito os estribos. E achou Don Belpelho, que estaba nunha eira, e dixo: «Estades aquí, ai vello arteiro!, que veña Pachacho e Don Roí Cabreira para me daren a min a vangarda, pois xa vos tarda esa xente da Beira: o mordomo e o sobriño de Cheira e Meen Sapo e Don Martín de Meira e Lopo Gato, ese fillo da freira, que non hai entre nós unha mellor lanza peideira». Eoí!