(I) Que xustificación lle pensades dar a Deus, miña señora, cando fordes ante El, por min, que matades e que non vos merecín outro mal, agás porque sinto por vós amor, o maior que eu podo ter; ou que escusa lle pensades dar pola miña morte, logo de eu morrer por vós? (II) Porque para a miña morte non hai ningunha boa razón que poidades expor perante El; e alén diso, non o podedes enganar, porque El sabe ben canto eu vos amo de corazón e que nunca vos faltei; e por iso, quen comete tal feito, sei ben que nunca pode achar perdón de Deus, (III) porque certamente Deus non vos perdoará a miña morte, porque El sabe moi ben que sempre puxen todo o meu coñecemento e o meu siso en vos servir; e aínda sabe moi ben que nunca merecín recibir tal morte por causa de vós, e por iso mal vos vai ir cando perante El formos no alén.