A lealdade da Bezerra moito anda pola Beira, é ben que a manteñamos, xa que nolo manda o Papa.
(I) Sueiro Bezerra non pensa que haxa traizón en vender Monsanto, pois di que Deus nunca lle dixo a San Pedro máis que isto: «Quen ti atares na terra erit ligatum in celo». Por iso di que non é traizón que o vasalo venda o castelo.
(II) E por iso di que non cometeu traizón o que vendeu Marialva, porque lle dixo o arcebispo un versículo que o redime: «Estote fortes in bello et pugnate cum serpente». Por iso di que non é desleal quen comete traizón e mente.
(III) E o que vendeu Leiria está convencido de que actuou correctamente, pois fixo o mandado polo Papa, e confirmoullo o bispo electo: «Super istud caput meum et super ista mea capa, dade o castelo ao Conde, pois o Papa volo manda».
(IV) E o que vendeu Faria para redimir os seus pecados, se máis tivese máis daría; e dixeron dous prelados: «Tu autem, Domine, dimitte aquel que se cofonde». Ben esmolou na súa vida quen deu Santarén ao Conde.
(V) Martín Díaz ofreceu Covilhã á cruz, que os confunde, e Pero Díaz ofreceu Sortelha; e dixo o Conde: «Centuplum accipiatis da man do Padre Santo». Di Fernán Díaz: «Ben me parece, porque ofrecín Monsanto».
(VI) E Roi Bezerro ofreceu Trancoso ao Conde; falou entón Don Soeiro para desenganar o seu fillo: «Non potest filius meus sine patre suo facere quidquam». Sen culpa fican os traidores, pois fican ben hisopados!
(VII) O que ofreceu Sintra obrou como bo cabaleiro, e o legado díxolle alí mesmo un versículo do libro dos Salmos: «Sagitte potentis acute» –e aí tomou unha boa decisión–: mellor é ser traidor que morrer escomungado.
(VIII) E cando o Conde chegou ao castelo de Celorico, Pacheco agarrou entón o coitelo, e díxolle un bispo: «Mitte gladium in vagina, non nos ameaces con el». Di Pacheco: «Noutro lugar, Conde, peideade cando vos digan: Crece!».
(IX) Maldixo Don Airas Soga a unha vella o outro día; díxolle Pero Soárez un versículo por clerecía: «Non vetula bonbatricon scandit confusio ficum». Soeiro Bezerra non conseguiu ser alcaide de Celorico.
(X) Todos cantos traidores entregaron os castelos están redimidos; mostráronlles nas Escrituras [...]: «Super ignem eternum et divinitatis opem». A salvo está quen traizoa un castelo, con tal que o hisopen!