744 [= Tav 7,5]
Fals’amigo, per boa fe

Fals’amigo, per boa fe,
meu, sei que queredes gran ben
outra molher e por mí ren
non dades; mais, pois assi é,
oimais fazede des aqui
capa d’outra, ca non de min,
ca noutro dia vos achei
falar no voss’e non en al
con outra, e foi-m’ende mal;
mais, pois que a verdade sei,
oimais faze[de des aqui
capa d’outra, ca non de min].
E, quando vos eu vi falar
con outra, log’i ben vi eu
que seu erades, ca non meu;
mais quero-vos desenganar:
oimais fazede [des aqui
capa d’outra, ca non de min].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manoscritti


B 729, V 330

Edizioni


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 149 [= LPGP 94]); Cohen (2003: 218); Marcenaro (2013: 92); Littera (2016: I, 59).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 130); Braga (1878: 63); Machado & Machado (1953: IV, 26).
III. Antoloxías: Nunes (1932: 37-38); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 14).

Varianti manoscritte


6 capa] cap(r)a V   7 Ca] E a B : Ea V   16 quero] q̅tro V; desenganar] eu desenganar BV

Varianti editoriali


1 boa] bõa Cohen, Marcenaro, Littera   2 meu, sei] m’eu sei Nunes, Cohen, Marcenaro, Littera   12 non] mon Nunes   16 desenganar] eu desenganar Nunes

Parafrasi


(I) Falso amigo meu –abofé–, sei que amades outra muller e que eu non vos importo nada; mais, xa que así é, de hoxe en diante facede burla doutra, mais non de min, (II) pois o outro día encontreivos falando con outra dos vosos asuntos e non doutra cousa, e pesoume moito; mais, xa que sei a verdade, de hoxe en diante facede burla doutra, mais non de min.

(III) E cando vos vin falar con outra, alí mesmo entendín que erades dela e non meu; mais quérovos desenganar: de hoxe en diante facede burla doutra, mais non de min.

Metrica


Esquema métrico: 3 x 8a 8b 8b 8a 8C 8C (= RM 160:320)

Note


Testo
  • *

    O inusual motivo dos ciúmes da moza namorada orixinados por ver como o amigo fala con outra encóntrase tamén na cantiga 1191 de Juião Bolseiro, que presenta un contido moi similar:

              Ai madre, nunca mal senti[u]
              nen soub’i que x’era pesar
              a que seu amigo non viu,
              com’oj’eu vi o meu, falar
              con outra; mais, poi-lo eu vi,
              con pesar ouvi a morrer i.

              E, se molher ouve d’aver
              sabor d’amig’ou lho Deus deu,
              sei eu que lho non fez veer,
              com’a mí fez vee-lo meu,
              con outra; mais, poi-lo eu [vi,
              con pesar ouvi a morrer i].

    Por outra banda, a composición de Afonso Meendez de Beesteiros, igual que outras cantigas (213, 270 etc.), presenta unha ligazón interestrófica coa copulativa e entre as estrofas II e III (cunha ligazón causal entre as estrofas I e II) que facilmente se podería interpretar como unha cantiga ateúda. Véxase nota á cantiga 74.

  • 2

    Todas as edicións estabelecen neste verso un texto que parte da segmentación de <meu>:  
              Fals’amigo, per boa fe,
              m’eu sei que queredes gran ben
              outra molher...
    No entanto, tal proposta textual ten de estar errada, pois non é gramatical a próclise de me sen a presenza dalgún elemento que o atraia, cal algúns adverbios, por exemplo. É por isto que propomos o posesivo meu como forma verdadeiramente utilizada por Afonso Meendez de Beesteiros.

    Noutras composicións do corpus encontramos unha expresión similar en que a moza manifesta por medio do posesivo meu o seu sentimento de exclusividade. Así nunha cantiga de Roi Martinz d’Ulveira: nunca m’errou / des que meu fui (1004.18), ou outra cantiga de Juião Bolseiro: Ai meu amigo, / meu, per bõa fe, e non d’outra, per bõa fe, mais meu (1192.1-2). Véxanse, tamén, as cantigas 1008, 1012, 1024, 1025 ou 1098.

    Porén, na presente cantiga, non estamos nun contexto en que a moza teña unha certeza absoluta que lle permita facer nos versos iniciais unha  afirmación tan categórica de que o amigo é dela (meu), pois isto resulta claramente contraditorio co expresado noutras partes do texto, como no v. 10, onde recoñece que só agora soubo a verdade do engano; ou no refrán, onde deixa claro que non quere saber nada máis del (“ide enganar a outra, e non a min”), e sobre todo nos vv. 14-15, onde recoñece abertamente que o amigo é doutra e non seu: ben vi eu / que seu erades, ca non meu.

    Entendemos, pois, que nesta composición en que a moza manifesta reiteradamente que non quere seguir sendo enganada polo amigo, o posesivo meu ten unha carga importante de ironía, en consonancia co epíteto (falso) empregado para se referir a el, significativamente situado como palabra inicial da cantiga. Así, se retiramos a expresión per boa fe, a cantiga iníciase cunha invocación ao amigo cargada de ironía (Falso amigo ... meu) que condí coa expresión de ruptura manifestada no refrán: oimais fazede des aqui / capa d’outra, ca non de min. Isto é, 'até aqui chegou o voso duplo xogo'.

  • 5-6

    A expresión fazer capa (de alguén), que tamén é utilizada por Afonso X (cfr. non façades dela capa, ca non é cousa guisada; 461.21), parece significar ‘aproveitarse ou abusar de alguén’, aínda que foron propostas outras significacións para fazer capa. Cfr. a definición de Nunes para fazer capa (de alguma mulher): «fingir que a requesta, quando realmente se quere a outra; àquela que “serve de capa ou auxilio involuntario a algum namoro” (Moraes) costuma chamar-se, en linguagem vulgar, pau de cabeleira» (Nunes 1973 [1928]: III, 593). Pola súa parte, Lapa presenta a seguinte definición: «encobrir-se sob o manto de alguma pessoa, esconder-se» (Lapa 1970: 66).

  • 7

    Nos cancioneiros italianos prolifera a confusión <e>/<c>, que se pode achar no inicio de verso, de modo que con moita frecuencia se rexistra <ca> para e a (véxase nota a 108.37). No presente verso achamos o erro inverso, isto é, a lección <ea> para ca, tal como acontece noutras pasaxes dos cancioneiros apógrafos italianos: ca <ca> B, <ea> V (480.20), ca <ea> BV (489.21), ca <ca> B, <ea> V (871.11), ca <Ca> B, <E a> B’, <ca> V, <ea> V’ (1027.6), ca <Ea> B, <ca> V (1160.3) etc.

  • 7-8

    A construción verbal de achar + infinitivo equivale a ‘achar + xerundio’, e así aparece noutras cantigas profanas (592.13, 1233.9 e 17, 1492.1, 1529.8, 1588.20); porén, é construción de escaso uso na lingua medieval. Véxase unha ocorrencia no Livro de José de Arimateia:

    e iam em oste a terra de Sorea sobr’el rei Samuel, que naquele ano matara um irmão d’el rei de Perçia por que o achara jazer com sua molheer (Miranda 2016: 177).

  • 16

    A imposibilidade dunha sinalefa *queeu indica que máis unha vez o pronome persoal aparece espuriamente introducida no texto, como acontece con certa frecuencia ao longo do corpus trobadoresco: así se verifica nos apógrafos italianos (B vs. A: 74.5, 85.16, 177.9, 306.9; BV vs. A: 420.14 e 17; V vs. B: 1597.1), mais tamén, por exemplo, nunha ocasión en A (vs. B), en 228.7.

Cerca
    Nessun risultato trovato