I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 630-632 [= LPGP 162-163]); D’Heur (1973: 116-117); Pellegrini (1977: 190-191); Paredesa (2001: 190); Lopes (2002: 135-136); Paredesb (2010a: 170); Littera (2016: I, 147); Larson (2019: 433-436).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 158); Machado & Machado (1950: II, 335-336); Paredes (2010b: 132-135); Paredes (2010c: 90-91); Rios Milhám (2018b: III, nº 475).
III. Antoloxías: Landeira Yrago (1975: 236-237); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996c: 225-226); Marcenaro (2006: 68-70).
1 Sin uer abatyous ꝯuem quer B 2 un don] (quer) hu͞u dom B 3 vul] nul B 6 tota[s] las] todalas B 7 faray tal vent] farei tal uente B 10 vent’] uant B; vos] uos B 14 galardon] galor dom B 15 outroguei] out̃oguey B 16 vos] uos B 17 vos de[i]] nos deffe B 18 l’ondrat nom que m’avez mé[s]] lonbrat non que mauez / Meno B 20 un vent cortés] hu͞u nē ten cortes B 21 mia] mha B 25 errar] eirar B 28 i á tres] ia tens B 30 e [j]uro] Auro B 31 bõo] boon B 32 fez[er]] faz B
1 Sinher abat, ye·us conven quer] Sénher, ara ie·us vein quer[er] Lapa : Sinner, adar[s] ye·us vein quer[er] D’Heur : [***] conven, quer Pellegrini : Sinner, [....] us vein quer Paredesa, Paredesb : Sénher, ad-ars ie’us venh querer Lopes, Littera 2 donez] donetz Lopes, Littera 3 vul] vul[h] Lapa, Lopes, Littera; seer] eser D'Heur : esser Lopes, Littera 4 nostra] vostra D’Heur; d’alay] da lay Pellegrini, Paredesa, Paredesb : de lay Lapa 5 faz] faitz Lapa : fatz Lopes, Littera 8 †ordauam totas auam†] [que] or anon totas amon (?) D’Heur : or ** totas *** Pellegrini, Paredesa, Paredesb : c’or la van totas a ban[don] Lapa : c’or la vam totas a mon Lopes, Littera 10 vent’] vant’ D’Heur 11 dev’i a seer] devia seer Lapa, D'Heur, Pellegrini, Paredesa, Lopes, Paredesb, Littera 14 galardon] galordon Larson 15 outroguei] outorguei Lapa, Lopes, Littera 17 de[i]] deit Lopes : Littera; merceiar] mercejar Lopes, Littera 18 avez] avetz Lapa, Lopes, Littera 19 vul] vul[h] Lapa, Lopes, Littera 20 que an faray un vent cortes] qu’ an faray huun ven tan cortes D’Heur : que en faray un aitan cortes Pellegrini : qu’ an[c] será i om tan cortes Lapa : qu’an faray un ven tan cortes Paredesa, Paredesb : qu’en farai un vent tam cortes Lopes : que en farai un vent tam cortes Littera 22 mond e] mond’e Lapa, Pellegrini, Paredesa, Paredesb : mon e Lopes 24 cent] cen Lopes, Littera 28 i á tres] j’a ten[é]s Pellegrini : aja três Lapa : haja tres Lopes, Littera 30 e [j]uro-vos] Aúro vus Pellegrini; Vicent[e]] Vicent Littera 31 bõo] bon Lapa, Pellegrini, Paredesa, Paredesb : boon D’Heur : bom Lopes, Littera
(I) – Señor abade, eu pídovos (facer un) acordo: que me concedades un don se a cousa vos agrada, que quero ser o voso almirante naquel noso mar de aló. E, se o facedes, (prométovos) de boa fe que a todos os barcos que se encontran aló os farei partir dun meu vento, que todos… (?).
(II) – Don Arnaldó, xa que tendes un tal poder eólico, vaivos ben, e por iso vos debe ser outorgado este don; mais digo eu: Ai!, por que nunca ningún rei outorgou tal don? Porén, eu non quero galardón, mais, xa que volo outorguei, (ordeno que) vos chamen «Almirante Sisón».
(III) – Debo de vos agradecer moito o don e o título honorífico que me outorgastes, e aínda vos quero asegurar que producirei tamén un vento cortés, xa que á miña señora, que é a mellor do mundo e a máis fermosa, a hei levar a ultramar, (co mar) en bonanza, en compañía doutras cen doncelas.
(IV) – Don Arnaldó, errastes ao facerdes atravesar o mar á vosa señora a forza de peidos, pois coido que no mundo non hai tres (mulleres) de tan gran valor; e xúrovos por San Vicente que non é bo galanteador de donas quen fixer iso á mantenta.
Esquema métrico: 4 x 8a 8b 8a 8b 8c 8d 8c 8d (= RM 112:1)
Encontros vocálicos: 11 i‿a; 31 bõ͜o; 32 ci·en·te
Os dous autores son identificados, como é habitual no xénero: neste caso, abre o debate un “Don Arnaldó” a que responde un “Sinher abat”. Con escasas excepcións (cfr. Frank 1949), a crítica considerou que o primeiro remitiría ao trobador Arnaut Catalan, no primeiro caso, e a Afonso X no segundo. Porén, en dous estudos dedicados a este asunto, publicados inicialmente en 2019 e 2025 –este último en resposta a Lorenzo Gradín (2022)–, Larson contestou esta identificación, precisando, en primeiro lugar, que a forma Arnaldo, á luz dos datos que achega a poesía do trobador provenzal, debe considerarse oxítona: Arnaldó (Larson 2025b: 414); por outra parte, cuestiona a identificación do “indeterminado” Sinher abat con Afonso X. En palabras do filólogo sueco: «non dou por descontado a identificación do interlocutor de “Don Arnaldó” co rei Afonso X, xa que a este acaeríalle mal a alocución “Señor abade” –como deberon pensar os editores precedentes do texto–» (2025a: 129). Larson sostén, ademais, que a composición é «unha sátira política nacida da execrable mais irresistible tentación (...) de burlarse de homes que foron poderosos e que caeron en desgraza»: o anónimo autor sería, así, «un poeta activo nos primeiros anos do reinado de Sancho IV» que «cavalca l’onda da notoriedade da tenso escatolóxica provenzal [Amics N’Arnauz, cent domnas d’aut parage, que enfronta a un Conde de Provenza, probabelmente Raimon Berenguer V (1209-1245), e ao trobador Arnaut Catalan], creando unha composición que se vincula temática e formalmente con ela para lle dar a maior difusión posible á súa propia mensaxe» (Larson 2025a: 131).
No que di respecto á colocación anómala do texto nos cancioneiros, entre as pezas de Afonso X –xunto a outras seguramente alleas á produción do Rei Sabio–, Larson considera que esta puido verse atraída a tal lugar pola cantiga Non quer’eu donzela fea (UC 474) que en B precede a tenzón, e que está marcada polos termos peer e sison, este último presente, como título honorífico, no v. 16 deste diálogo satírico.
Non obstante a réplica de Lorenzo Gradín (2022), que defende a atribución tradicional do texto baseando a súa defensa nun único factor, non sempre fiábel, isto é, o lugar que a tenzón ocupa en B, Larson reafírmase no seu ensaio de 2025, e con leves matices, na súa lectura e interpretación do texto, considerando, á luz dos documentos publicados por Hernández (2016), que clarifican as relacións entre Sancho IV, Gomez Garcia e Charinho, «que o Abade é un retrato malévolo de don Gomez Garcia, abade de Valladolid, no cume da súa carreira, sentado nunha cadeira para recibir os demandantes e para conceder cargos importantes sen se preocupar en exceso polos rituais establecidos pola lei… O seu interlocutor, “don Arnaldó”, será, á súa vez, o almirante de la mar Paai Gomez Charinho» (Larson 2025a: 139).
Canto ao esquema métrico, esta tenzón “segue” o esquema rimático (e constitúe un probábel contrafactum musical) dunha famosa canso provenzal, Can vei la lauzeta mover, de Bernard de Ventadorn (BdT 70,43; cfr. Canettieri & Pulsoni 2003: 121-124, que mostran como neste caso a imitación métrica se produce a través dun contrafactum francés): «A conexão com este modelo é sublinhada pelo jogo de palavras em torno ao nome do poeta: Ventadorn é lido como Ventador, ou seja, o que larga ventosidades» (Ferreira 2014: 38).
Fronte a todos os demais editores, Larson (2025a: 123) apostou por conservar o texto manuscrito, corrixindo só os erros evidentes sin uer e yous en sinner (<sin uer>, o antígrafo de B debía ler sinner) e yeus.
A forma sinher, variante de senher (véxase UC/Glosario, s.v. senhor) que se rexistra noutras composicións galego-portuguesas (1396.12, 1431.29, 1500.13, 1644.23), debeu ser percibida como occitana: nótese como Joan Soarez Coelho a usa para se dirixir a un xograr ao servizo de Sordel: “Sinher, conhosco-mi-vos, Picandon…” (1431.29).
Por outra banda, a palabra rimante levanta un problema métrico, que Larson explicita e tenta resolver: «A lección do códice, Sin uer abatyous ꝯuem quer, fornécenos Sinher abat, ye∙us covem quer, isto é, ‘Señor abade, pídovos un acordo’, aínda que quer /kɛr/ ‘eu pido’ do v. 1 e poder /po'der/ ‘poder’ do v. 9 non riman entre si. Para resolver o nó do problema poderíase supor que o -er de quer é o resultado dunha haplografía -erer > -er e pensar que o antígrafo da versión contida en B lese querer /ke'rer/. Ademais, e considerando o segmento completo, ꝯuem quer, cabe pensar que ‹qu› /k/ vale ao mesmo tempo como fonema inicial de querer e como consoante final dunha primeira persoa de ‘vir’, venc ‘veño’. Resta a nota tironiana de ꝯuem, que podería ser unha anticipación errónea de quer, pouco sorprendente á vista do parecido que existe entre ꝯue e que. O íncipit, daquela, podería reconstruírse como Sinher abat, ye∙us venc querer ‘señor abade, véñovos pedir» (Larson 2025a: 136).
Conforme indica Larson, é probábel que o grafema ‹l› en nul e vul (v. 19) represente unha palatal /ʎ/, o mesmo que en les no v. 7, nunha secuencia que semella galego-portuguesa (eu les farey).
Non parece facilmente reconstruíbel unha secuencia que se revela indescifrábel. Non obstante, Lapa editou c’or la van totas a ban[don], «uma lição conjectural, que não se afasta muito do ms. e cujo sentido é: ‘que a partir d’este momento, serão postas todas em perigo’. Refere-se às naus inimigas».
O carácter bisilábico de seer impón a lectura dev’i a, de modo que se poida realizar a sinalefa i‿a e manter o verso como octosilábico. Unha lectura devia seer, sistemática en todas as precedentes edicións, tornaría hipérmetro o verso.
Só Larson mantén o que semella un lapso de copia, que implicaría unha inédita forma galordon.
Téñase en conta que o sison (véxase tamén 474.6) é unha ave da familia das abetardas que se caracteriza pola constante expulsión de gases fedorentos (véxase Vallín 1996: 525-528), o que explica a súa conversión en antropónimo por parte do poeta.
Larson subliña que a mención do ‘vento cortés’, oposto ao táctico-militar do v. 7, parece inspirar ao suposto autor provenzal un topos típico da lírica amorosa galego-portuguesa: a afirmación de que a súa amada é a “mellor dona do mundo”.
Batares, voz masculina e oxítona, moi discutida neste contexto en particular, significa ‘tarabela de muíño’, mais neste verso o valor parece ser o figurado ‘peido’. Pellegrini relacionou batarés con diversas voces románicas, como o prov. batarèl ‘claquet, traquet d’un moulin’ e mais co cat. baterrell ou o it. batterella ‘uso di accompagnare con strepiti e fischi il matrimonio d’un vedovo’, de onde se derivaría o valor metafórico presente nesta cantiga.
Do punto de vista da sintaxe ficaría máis acaída unha lectura [a]ja a partir da lección <ia> de B (que non cuid’eu que [a]ja tres); porén, esa secuencia manuscrita permite a segmentación agora proposta (véxase, por exemplo, tamén en Afonso X, 478.42).
Canto á lección de Pellegrini, esta é inducida pola consideración dun inexistente “galeguismo” tenés.
Parece clara a necesidade de emenda de B –onde se localizan bastantes casos en que <a> aparece como erro pola copulativa e (32.12, 78.14, 384.20, 863.15, 886.17...)– na secuencia <Aurouꝯ>, que é tradicionalmente interpretada como E [j]uro-vos. No entanto, a lectura de Pellegrini baséase na consideración dun derivado do lat. orāre (nótese a súa tradución “vi predico”).
Canto á rareza da invocación par San Vincent[e] (xa sinalada por D’Heur), Larson apostila que aludiría á localidade cántabra dominada polos sucesores de Charinho (véxase nota inicial), San Vicente de la Barquera –a cantiga comporíase, así, despois de setembro de 1286, momento en que Charinho é deposto como almirante.
Por outra parte, a forma normal do nome do santo xa debía ser Vicente (véxase CGPA, s.v.), pois no período medieval só achamos a variante Vincente nun documento portugués do século XV:
e fromtou e Requereo a vincente Domjnguez conseruador dos scollares que presemte staua que lhes ffosse daqui em diamte fazer audiemcias no adro de sam tome da dita cidade (CdP, s.v. Vincente).
A forma bo͂o, con grafía conservadora (véxase a significativa situación de 887.42, coa oposición <bon> A vs. <bo͂o> BV), é metricamente unisilábica, por tanto perfectamente equivalente de bon, tal como acontece en diversas pasaxes ao longo das cantigas (241.10, 464.8, 478.8, 724.7, 805.9, 889.24, 1119.19 e 31, 1174.11, 1393.8, 1448.25, 1587.26, 1594.15, 1636.24). Esta alternancia gráfico-métrica é similar á que se rexistra na P1 do presente indicativo de seer (son / so͂o) e, tamén, a un / u͂u. Véxase nota a 10.25 e 47.20.
Canto a doneador ‘servidor, galanteador de donas’, formación nominal sobre donear ‘galantear’ (véxase 1635.1), non o achamos rexistrado máis do que na General Estoria:
et disolle cõmo soem dizer os outros doneadores, alabandose et prometẽdo mays de seus aueres et dereytos por que sejam creudos et alcançem oque querem (Martínez López 1963: 250).