1462 [= RM 127,11]
Sei un ricome, se Deus mi perdon

Sei un ricome, se Deus mi perdon,
que trag’alferez e trage pendon;
e, con tod’est’, assi mi venha ben,
non pod’el-rei saber, per nulha ren,
quando se vai nen sabe quando ven.
E trage tenda e trage manjar
e sa cozinha, u faz seu jantar;
e, con tod’esto, se mi venha ben,
non pod’el-rei saber, per nulha ren,
[quando se vai nen sabe quando ven].
E trage repost’e trag’escançan,
trage çaquiteiro, que lhi dá pan;
e, con tod’esto, se mi venha ben,
non pod’el-rei saber, per nulha ren,
[quando se vai nen sabe quando ven].
[E] trage seu leit’e seu cobertor,
e jograrete, de que á sabor;
e, con tod’esto, se mi venha ben,
non pod’el-rei [saber], pe[r] nulha ren,
[quando se vai nen sabe quando ven].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20

Manuscritos


B 1442 (ff. 299v, col. b, 300r, col. a), V 1053 (f. 171r, col. b)
[Cantiga de Escarnio e mal dizer]

A estrofa III non foi copiada no Cancioneiro da Vaticana.

Ediciones


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 578 [= LPGP 853]); Lopes (2002: 423); Littera (2016: II, 391-392).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 365); Braga (1878: 200); Michaëlis (2004 [1896-1905]: 188); Nunes (1919: II, 325); Machado & Machado (1958: VI, 142); Camargo et alii (1985: 62).
III. Antoloxías: Tavares & Miranda (1987: 260-261); Diogo (1998: 143-144).

Variantes manuscritas


1 perdon] pardon B   3 con] can BV   5 qūdo B   6 manjar] uiūar B   9 nulha] nulꝯa V   11 E] om. BV   12 trage çaquiteiro] E trage ca qⁱteyro B : e trage caqⁱ teyro V   14 saber] om. B   16-20 om. V   16 cobertor] cobertol B   18 e] Et B

Variantes editoriales


1 ricome] ric’home Lopes, Littera; perdon] pardon Lapa : pardom Lopes   8 esto, se] est’, assi Lapa, Lopes, Littera   11 E trage repost’e] Trage reposte Lapa : Trage repost’e Lopes, Littera   12 trage] e traz Lapa, Lopes, Littera; çaquiteiro] saquiteiro Lopes, Littera   13 esto, se] est’, assi Lapa, Lopes, Littera   16 [E] trage seu leit’e] Trage seu leito e Lapa, Lopes, Littera   18 esto, se] est’, assi Lapa, Lopes, Littera

Paráfrasis


(I) Coñezo un rico-home, Deus me perdoe, que trae alférez e trae pendón; e con todo iso, así me veña ben, non pode o rei saber, de maneira ningunha, cando se vai nin sabe cando vén.
(II) E trae tenda e trae viandas e a súa cociña, onde fai o seu xantar; e con todo iso, así me veña ben, non pode o rei saber, de maneira ningunha, cando se vai nin sabe cando vén.
(III) E trae o enxoval doméstico e trae un criado encargado do viño e trae un criado encargado do pan; e con todo iso, así me veña ben, non pode o rei saber, de maneira ningunha, cando se vai nin sabe cando vén.
(IV) E trae o eu leito e o seu cobertor, e un xograrete que lle agrada moito; e con todo iso, así me veña ben, non pode o rei saber, de maneira ningunha, cando se vai nin sabe cando vén.

Métrica


Esquema métrico: 4 x 10a 10a 10B 10B 10B (= RM 42:9)

Notas


Texto
  • *

    Pero Gomez Barroso, cabaleiro exiliado na corte de Afonso X de Castela a raíz da guerra civil entre Sancho II e Afonso III de Portugal, participou nas campañas militares emprendidas polos monarcas casteláns no sur peninsular, o que o converteu en beneficiario de diversas propiedades en Sevilla, Orihuela, ou Murcia. Como se ve nesta cantiga, contribuíu como trobador á serie de sátiras políticas contra os membros da alta nobreza que se rebelaron contra o rei Sabio, conflito que coñeceu de primeira man ao ser un dos enviados a Granada polo infante Fernando de la Cerda para parlamentar cos rebeldes. Véxanse tamén as cantigas UC 1463-1465 do mesmo trobador.

  • 1

    Os manuscritos transmiten un íncipit hipermétrico, cun texto similar a Sei eu un tal cavaleiro (1356.7). Perante o problema métrico, só é necesaria a expunción do pronome eu, que con frecuencia aparece espuriamente introducida no texto (e devolve o acento métrico á 4ª sílaba): así se verifica nos apógrafos italianos (B vs. A: 74.5, 85.16, 177.9, 282.10, 306.9; BV vs. A: 420.14 e 17; V vs. B: 1597.1), mais tamén, por exemplo, nunha ocasión en A (vs. B), en 228.7. Con todo, tamén sería posíbel a expunción do indefinido un, pois no corpus rexístrase a construción saber + eu sen indefinido:

    e ena paz non ar sei eu cochon
    que o quisesse trager nas Esturas (1575.27)

    Eno mundo non sei eu trobador
    de que s’ome máis devess'a temer
    de x’el mui maas tres cobras fazer (1648.8).

    Por outra parte, en B aparece a lección <pardon>, aparente variante de influencia francesa para o xeral perdon (mantida nas edicións de Lapa e de Lopes). Sen dúbida, tal forma é lección exclusiva (errada, por deficiente desenvolvemento da abreviatura <ꝑ>) do copista a do Cancioneiro da Biblioteca Nacional (véxase Ferrrari 1979: 83-85), pois de case sesenta aparicións de tal forma en B, só dúas delas son doutros copistas (859.6, copista b; copista e no presente verso), constituíndo, por tanto, simples lapsos puntuais que tamén poden aparecer noutros vocábulos. Véxase Ferreiro (2016b).

  • 3

    Obsérvese a variación do refrán nesta estrofa, coa utilización de assi (e, con tod’est’, assi mi venha ben), que nas seguintes ocorrencias do refrán xa aparece transformada en se, permitindo, dese xeito, a forma plena de esto: e, con tod’esto, se mi venha ben (II-IV) (Ferreiro 2025: 102). Como acontece decote, en todas as edicións, a partir de Lapa, foi nivelado o refrán con base na súa primeira ocorrencia.

  • 6

    O substantivo manjar é un provenzalismo, procedente do lat. mandicāre, var. de manducāre, con ampla representación no corpus literario medieval (véxase CGPA, s.v.).

  • 11

    A voz reposte (‘enxoval doméstico’) rexístrase tamén noutro texto de Pero Gomez Barroso (1464.7 e 10), para alén da súa presenza nunha cantiga de Afonso X (458.2) e noutra de Torneol (1389.6). De todos os modos, é termo que, alén das cantigas profanas, só se acha nas Cantigas de Santa Maria (véxase CSM 78.77, 345.33, 348.17).
    O escançan era o encargado de servir o viño. Así, na Crónica da Ordem dos Frades Menores (CdP): 

    Outro sy em aquella provemçia jazem outros muitos fraires, os quaes esclareçerom por desvairadas vertudes e milagres, comvem a saber: frey Benedito jaz em Fordi, o qual em hũua vissom foy escançam e servidor da virgem Maria.

    No século XVI, Jerónimo Cardoso no Dictionarium ex lusitanico in latinum sermonem inclúe escanção como o “que deita de beber”, igual que posteriormente Bluteau (“O que ministra o beber a hum Princepe”, cfr. s.v. beber) (véxase CLP, s.v. escanção).

  • 11-12

    A copia de BV revela que a conxunción inicial da estrofa sofreu un deslocamento para o inicio do segundo verso, provocando unha alteración métrica nos dous versos que deben ser restaurados coa recolocación da copulativa, tal como acontece noutras pasaxes: 67.19-20, 337.7-8, 1437.7-8... Deste modo, a medida dos versos móstrase perfecta e escusa calquera tipo de emenda que as anteriores edicións da cantiga exhiben.

  • 12

    Tal como explicita o verso, o çaquiteiro era o encargado de distribuír o pan. E así é explicado en Joaquim Santa Rosa de Viterbo (1965-1966 [1798-1799]: s.v. çaquiteiro): «O que tem a seu cargo o pão cozido para a meza do Rei. D’aqui Saquetaria, o lugar, ou despensa, em que este pão se guardava. Assi consta das inquirições d’El-Rei D. Affonso III». Véxase n’Os sete tratados cartusianos:

    E em fegura desto se lee no Jenesi que o çaqueteiro e o copeiro del rej forom metidos em carçer pera os matarem E o copeiro foy liure e posto em grande honrra e o çaqueteiro enforcado (Lemos 2009: 256).

  • 16

    Achamos que a reintegración da conxunción copulativa inicial na estrofa é a solución máis acaída para a hipometría do verso, especialmente indicada por estarmos perante a derradeira estrofa da composición, onde é xeral o inicio con copulativa. Por unha parte, todas as estrofas son iniciadas pola copulativa e, por outra parte, é relativamente frecuente a omisión da copulativa inicial de estrofa (e de fiinda ou de verso) nos manuscritos. Casos semellantes documéntanse en 106.8, 151.7, 157.7, 163.11, 261.13, 293.8, 294.7 e 13, 332.7, 408.7, 447.7, 448.8, 490.19, 586.11 etc.

  • 17

    Jograrete presenta un sufixo diminutivo -ete que confire un ton familiar ao uso desta palabra. Certamente este sufixo é inusual na lingua, antiga e moderna, onde podemos achar algunhas poucas voces con ese sufixo, que ten tamén como variante -ote. Neste sentido, véxanse nas cantigas joguete (46.24, 1525.21), derivado de jogo, xunto con joeta (477.13), que procede de joia, e capeirete (1478.17), que remite, en última instancia, a capa; outrosí, a variante -ote rexístrase en caralhote (véxase 1387.5, 8 e 16). De calquera maneira, o sufixo -ete/-eta é certamente escaso na Idade Media: a modo de exemplo, véxase barquete na Historia Troiana (Pichel 2014: 1.412) e na Estoria de Dom Nuno Alvarez Pereyra (cfr. “Glossário”, en Calado 1991: s.v.), ou un nome propio como Joanete no Livro do Amoxarifado de Silves (Leal & Domingues 1984: 54), para alén dun adxectivo como doudete en Sá de Miranda (Michaëlis 1989 [1885]: 175). 

Buscar
    Sin resultados