1397 [= RM 125,42]
Que muito mi de Fernan Diaz praz

Que muito mi de Fernan Diaz praz,
que fez el-rei Don Afonso meirinho
e non cata parente nen vezinho
con sabor de tee-la terra en paz;
se o pode por malfeitor saber,
vai sobr’el, e, se o pode colher
na mão, logo del justiça faz.
E, porque á Don Fernando gran prez
das gentes todas de mui justiceiro,
o fez el-rei meirinho des Viveiro
atá Carron, ond’outro nunca fez;
e, se ouve de malfeitor falar,
vai sobr’el e non lhi pod’escapar,
e faz-lhi mal jogo por ũa vez.
E cuidará del quen o vir aqui,
que o vir andar assi calado,
ca non sabe parte nen mandado
de tal justiça fazer qua[l] lh’eu vi:
leixou a gente adormecer enton
e trasnoitou sobr’un om’a Leon
e fez sobr’el gran justiça log’i.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 

Manuscripts


B 1379 (f. 294v, cols. a-b), V 987 (f. 157v, cols. a-b)
[Cantiga de Escarnio e mal dizer]

Editions


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 563); Blasco (1984: 257 [= LPGP 834]); Lopes (2002: 411); Marcenaro (2012b: 375); Littera (2016: II, 371-372); Arias Freixedo (2017: 336).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 338); Braga (1878: 186); Fernández Pousa (1953: 33); Machado & Machado (1958: VI, 114); Callón (2017: II, 95).
III. Antoloxías: Tavares & Miranda (1987: 144-145); Arias Freixedo (1993: 83).

Manuscript variants


2 Afonso] affon(z)\s/o V   4 terra] tira B : tirã V   7 mão] mao B; justiça] iustiza V   9 de mui] om. B   10 o] a V   11 Carron] cairon B   14 faz] fas B   17 mandado] mendado B   18 de tal] Del tal B : del tal V; justiça] iustica B; qua[l] lh'eu vi] qualheu uj B : qua lheu ui V

Editorial variants


11 Carron] Carriom Lopes, Littera

Paraphrase


(I) Que boa impresión teño de don Fernan Diaz, a quen o rei don Afonso fixo meiriño, pois no seu desexo de manter a súa terra en paz non fai excepcións, mesmo cun parente ou cun veciño; se ten probas de que é ‘malfeitor’, vai detrás del e se lle pon as mans enriba, enseguida ‘fai xustiza’ con el. 
(II) E porque Don Fernando ten fama de moi xusticeiro entre toda a xente, o rei fíxoo meiriño desde Viveiro até Carrión, o que nunca fixera antes; e, se escoita falar dun malfeitor, vai detrás del e non lle pode escapar, e faille unha moi ‘má xogada’. 
(III) E calquera que aquí o vexa andar así calado pensará del que ignora absolutamente como se aplica unha xustiza tal como a que eu lle vin facer: deixou, daquela, que a xente adormecese e pasou a noite detrás dun home en León, e fixo sobre el logo alí unha gran xustiza.

Metrics


Esquema métrico: 3 x 10a 10’b 10’b 10a 10c 10c 10a ([I-II] = RM 161:111) + 10a 9’b 9’b 10a 10c 10c 10a (III)
Encontros vocálicos: 4 terraen; 19 genteadormecer

Notes


Text
  • *

    Esta cantiga está incluída no conxunto de composicións escarniñas de Pero Garcia Burgales (UC 1390-1403), feito indicado pola rúbrica que antecede UC 1390: Pero Garcia fez estas cantigas, e son d’escarnh’e de mal dizer.

    A terceira estrofa da composición mostra un esquema métrico diferenciado, coa aparición de dous versos eneasilábicos graves en combinación cos decasílabos (agudos e graves), cun esquema similar presente en RM 161:213 (10’ 10 10 10’ 9’ 9’ 10’). Por outra parte, nótese a estratéxica e simétrica posición da preposición sobre (sobr’el) nos vv. 6 (estrofa I), 13 (estrofa II) e 20-21 (estrofa III).
    Fernan Diaz (Don Fernando no v. 8) é o personaxe central do ciclo satírico de que forman parte diversas cantigas de Pero Garcia Burgales (UC 1393 e 1397), Airas Perez Vuitoron (UC 1499 e 1500), Estevan Faian (UC 1580) e Pero da Ponte (UC 1661), xunto con, talvez, UC 1524, de Vaasco Perez Pardal. A estas composicións aínda habería que engadir as compostas por volta de Fernand'Escalho, todas elas tamén de Pero Garcia Burgales (UC 1394, 1395, 1396), xunto con outras dúas que presentan alusións puntuais: UC 1436 (Roi Paez da Ribela) e 1613 (Pero d’Ambroa). E aínda o mesmo personaxe comparece como Don Estevan en UC 1672, de Pedr'Amigo de Sevilha.

    Este personaxe literario foi identificado por Beltran (2000, 2001) con Estevan Fernandez de Castro, o poderoso dirixente da liñaxe galega dos Castro, señor de Lemos, que foi adiantado-mor de Galiza (1265-1273) até o momento en que participou na rebelión dos nobres contra Afonso X. Tras a paz entre a monarquía e o estamento nobiliario, foi nomeado pertegueiro de Santiago (1276) e tamén meiriño-mor de Galiza desde 1278 (seguindo esta hipótese de identificación, véxanse tamén as consideracións e interpretacións ao respecto sobre este ciclo de cantigas en Callón 2025: 211-231). De todos os modos, Marcenaro & González (2024: s.v. Fernan Diaz) consideran “scarsamente verosimile” a identificación entre Fernan Diaz e Fernandez de Castro.

    Nesta cantiga, o trobador expresa ironicamente o seu contentamento por ver como Don Fernan Diaz exerce con moito empeño o seu cargo de meiriño, para o cal fora nomeado polo rei, pois non deixa pasar a ocasión de perseguir os malfeitores en toda a súa xurisdicción para facer xustiza; mesmo viu como pasou unha noite enteira detrás dun malfeitor e como o axustizou. O texto ten unha segunda lectura equívoca, na cal algúns termos deben ser interpretados en clave homosexual: malfeitor (homosexual pasivo); ir sobre [alguén] (pórse enriba [de alguén]); fazer justiza de / fazer mal jogo a [alguén] (ter relacións homosexuais [con alguén]); trasnoitar sobre un ome (pasar a noite por riba dun home, tendo relacións sexuais).

  • 1

    O abrupto comezo da cantiga con que é frecuente no corpus trobadoresco, sempre seguido de muito ~ mui, que confire un carácter exclamativo (‘Canto...!’) ao inicio da composición (196.1, 199.1, 393.1, 407.1, 574.1, 624.1, 836.1, 866.1, 942.1, 1023.1, 1040.1, 1173.1), para alén de que se poida tamén considerar que a conxunción inicial introduce un período dependente dun verbo declarativo elíptico, que nalgún texto é claro (253.1, 432.1, 737.1).

  • 3

    O rei Don Afonso alude a Afonso X o Sabio.

  • 6-7

    A expresión colher na mão significa ‘prender, capturar’ (véxase tamén 1505.7, 1588.19-20, 1619.4), uso que podemos achar outrosí nas Cantigas de Santa Maria:

    e foi-ss’enton pera Touro, u cuidou a escapar
    Dos parentes da manceba e das justiças, ca non
    guarira se o collessen na mão, ... (CSM 291.16).

    Noutras obras aparecen expresións alternativas similares, cales meter en mão, por exemplo na Estória do Santo Graal: Ele te meterá em mão de teu imiguo mortal (Miranda 2016: 68).

  • 10-11

    Nótese o amplo territorio do meiriño, desde Viveiro, no norte da Galiza, atá Carron, isto é, Carrión de los Condes, en Palencia (España).

  • 16-17

    Sobre o carácter aparentemente hipométrico destes dous versos véxase a nota xeral da cantiga.

  • 20

    Nun grande número de cantigas escarniñas, certas preposicións están cargadas dun duplo sentido (sexual), como acontece nesta pasaxe con sobre, neste caso denotando homosexualidade dun modo explícito: sobr’un om(e) en León, a medio camiño entre Viveiro e Carrión.

Search
    No results