1362 [= RM 87,14]
Ora tenho guisado

Ora tenho guisado
de m’achar o Zevron:
non and’encavalgado
nen trag’er selegon
nen sela, mal pecado,
nen lh’oirei o son,
ca ja non trag’a sela
de que riiu a bela,
a sela canterlada
que rengeu na ciada.
Val-mi Santa Maria,
pois a sela non ouço,
a que renger soia
ao lançar do touço;
matar-se-m’ia un dia
ou ele ou Airas Louço,
ca ja non tra[g’a sela
de que riiu a bela,
a sela canterlada
que rengeu na ciada].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20

Manuscrits


B 1345, V 952

Éditions


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 394); Pellegrini (1969: 22 [= LPGP 595-596]); Lopes (2002: 273); Littera (2016: II, 53-54).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 325-326); Braga (1878: 179); Machado & Machado (1958: VI, 79-80); Lapa (1964: 7); Souto Cabo (2012c: 126); Callón (2017: II, 70).
III. Antoloxías: Tavares & Miranda (1987: 274-275).

Variantes manuscrites


5 pecado] peccado B   8 riiu] riin B : run V   9 canterlada] canterllada BV   11 Santa] sancta B : scā V   14 lançar ... touço] lancar ... touco B   16 Louço] louco BV

Variantes éditoriales


2 de m’achar] d’eixalçar Lapa   4 trag’er] trag’en Lapa   6 oirei] oírei Lopes, Littera   11 Santa] Sancta Pellegrini   15 matar-se-m’ia] matar-mi-á Pellegrini

Paraphrase


(I) Está agora disposto que o Zevrón me encontre: non anda a cabalo nin trae tampouco sela moi grande nin sela normal, pobre de min, nin lle ouvirei o son, pois xa non trae a sela de que se riu a bela, a sela remendada (con canterlas) que renxeu na ciada.
(II) Váleme, Santa María, xa que non ouzo a sela, a que soía renxer ao lanzar o pau; haberíame de matar un día ou el ou Airas Louço, pois xa non trae a sela de que se riu a bela, a sela remendada (con canterlas) que renxeu na ciada.

Métrique


Esquema métrico: 6’a 6b 6’a 6b 6’a 6b 6’C 6’C 6’D 6’D (I [= RM 32:1]) + 6’a 6’b 6’a 6’b 6’a 6’b 6’C 6’C 6’D 6’D (II [= RM 72:3])
Encontros vocálicos: 6 o·i·rei; 10 ci·a·da; 15 m’i·aun; 16 eleou; 20 ci·a·da

Notes


Texte
  • *

    Esta composición está tamén incluída na rúbrica que precede a cantiga UC 1355, e que afecta ás cantigas UC 1355-1366: «Don Lopo Lias trobou a ũus cavaleiros de Lemos; e eran quatro irmãos e andavan sempre mal guisados; e por én trobou-lhis estas cantigas».

  • 4

    A rareza da posposición da partícula er ao verbo (véxase nota 105.14) levou Lapa á emenda da lección <er> de BV a partir dun erro <r>/<n> de que hai testemuños en BV: nen trag' en (= én) selegon; neste sentido, el tamén sería opción aceptábel (nen trag'el selegon) a partir das comprobadas confusións <r>/<l> que se achan nos dous apógrafos italianos. E mesmo se podería considerar un erro <trager> por <trage>, cunha adición de <r>, frecuente en BV. Con todo, semella preferíbel respectar a lección dos dous manuscritos, mantendo a partícula de reforzo er, que parece formar parte da locución nen er ‘nin tampouco’, aínda que agora posposta ao verbo para evitar a hipometría do verso.
    A voz selegon, aumentativo de sela, conleva valor despectivo pola formación masculina sobre un nome feminino (cfr. nadigon, co mesmo ton pexorativo, en 1352 e 1360). Para alén da gesta de mal dizer (1489.7), selegon só é utilizado por Lopo Lias (1358.17, 1362.4, 1365.2, 1366.27).

  • 9

    Canterlada, aplicada á sela, é voz exclusiva de Lopo Lias, que a utiliza, aliás, nas cantigas 1360 e 1366 (cfr. canterladura en 1575.12). No relativo ao significado deste participio (que implica un verbo canterlar), Lapa manifesta as súas dúbidas: «Fica duvidosa a verdadeira forma da palavra, que parece significar “rasgada e ligada com ataduras”, a que se refere o verso seguinte». De aí parece tirar Lopes a súa breve explicación («rachada e por isso remendada»), que é aínda simplificada no Projeto Littera: “desconjuntada e rota”. Na verdade, en galego consérvase tanto canterla como o verbo canterlar, que iluminan a pasaxe de Lopo Lias (e tamén as canterladuras de Quinhones): canterlar é, conforme o DRAG, “Poñerlle unha canterla a [unha roda, unha zoca]”, sendo canterla a “lámina de ferro que cobre o canto da roda do carro” e mais tamén a “Fita metálica con que amañan as zocas fendidas” (véxanse tamén outros dicionarios en RILG, s.v. canterla, canterlar). Isto é, a sela canterlada é unha sela que estaría rota e que foi arranxada (deficientemente, visto que renxe) con algún tipo de fita ou corda (ou, mesmo, lámina de metal)1 .
    Na grafía <canterllada> é de subliñar que nos apógrafos italianos é sistemática a presenza de <ll> tras a consoante vibrante, tal como se pode comprobar nas restantes voces que presentan esta secuencia fonética: arlotas <arllotas> (392.9), burlado <burllado> B (1606.14); canterlada <canterllada> BV (1359.3 e 13 <canterlhada> V, 1360.4, 1362.r3; 1366.36 <cancerllada> B) e canterladuras <cãterlladuras> B (1575.12); escarlata <escarllata> BV (1634.14); Morpirler <morpirller> (1673.15 e 26 <mõ pirller> B, <mõ pilher> V); parlar <parllar> B (1558.7). Véxase nota a 29.22.

  • 14

    A expresión lançar do touço, exclusiva de Lopo Lias (reitérase en 1360.23 e 1364.7) deberá indicar algún tipo de xogo de cabalaría en que arremesaban o touço (un pau utilizado para xogos cabaleirescos deste tipo). En galego moderno persisten diversas acepcións da voz (touzo, con variantes gráfico-fonéticas) relacionadas co valor básico de ‘pau, tronco’, fundamentalmente co significado de ‘eixo de madeira do rodicio dos muíños’, entre outros varios sentidos da mesma esfera semántica. E aínda Aníbal Otero recolle touço ~ toiço co valor de ‘timón do carro’ (véxase RILG, s.v. touzo, touço, touso).

  • 16

    Airas Louço é personaxe non identificado.

  1. ^

    As selas canterladas de Lopo Lias deben ser a fonte para a elaboración narrativa de Darío Xohán Cabana, en Morte de Rei (Vigo, Xerais, 1991): “Eu cho direi: en especias prós frades, en peles armiñas prós abades, en panos sedáns prós arcediagos, en mangos de ouro prás espadas dos que se chaman nobres, en selas canterladas pra grandes cabaleiros que nin sosterse saben nelas, e en vasilia de prata e de cristal e en alifafes cordobeses e en todas as luxurias pra esas casas de ricos homes leigos e eclesiásticos” (p. 173). 

Rechercher
    Aucun résultat trouvé