1366 [= RM 87,13]
O infançon ouv’atal

O infançon ouv’atal
tregoa migo des Natal
que agora oiredes:
que lhi non dissesse mal
da sela nen do brial;
mais aquel dia, vedes,
ante que foss’ũa legoa
comecei
aqueste cantar da egoa,
que non andou na tregoa;
e por én lhi cant[ar]ei.
Non neg’eu que tregoa de’i
ao brial, á sazon i,
e aa rengelhosa;
e de pran andaron i
as mangas do ascari,
mais non a rabicosa:
ante que [foss]’ũa legoa
comecei
aqueste cantar da egoa,
que non andou na tregoa;
e por én lhi cantarei.
Dei eu ao infançon
e a seu brial [enton]
tregoa, ca mi-a pedia,
e ao outro Zevron
a que reng’o selegon;
mais logo naquel dia,
ante que foss’ũa legoa
[comecei
aqueste cantar da egoa,
que non andou na tregoa;
e por én lhi cantarei].
Ao infançon vilan,
afamado come can,
e a[a] canterlada
e o seu brial d’Alvan
tregoa lhi dei eu de pran;
e, pois lha ouvi dada,
ante que foss’ũa legoa
[comecei
aqueste cantar da egoa,
que non andou na tregoa;
e por én lhi cantarei].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 
 
30
 
 
 
 
35
 
 
 
 
40
 
 
 
 

Manoscritti


B 1349, V 956

Edizioni


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 398-399); Pellegrini (1969: 26-27 [= LPGP 594-595]); Lopes (2002: 276-277); Littera (2016: II, 55-56).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 327); Braga (1878: 179-180); Machado & Machado (1958: VI, 83-84); Lapa (1964: 10-11); Souto Cabo (2012c: 128-129); Callón (2017: II, 79-80).
III. Antoloxías: Álvarez Blázquez (1975: 142-143); Tavares & Miranda (1987: 276-278); Arias Freixedo (2003: 583-585).

Varianti manoscritte


1 infançon] infancon B : infanzon V   2 tregoa] Cregoa B; migo] comigo BV   3 oiredes] oytedes B   12-13 de’i / ao brial, á sazon i] dey hi / Ao brial a sazon BV   23 infançon] infancon B   24 e a] ca V   34 Ao] Do BV; infançon] infancon B : infanzō V   35 can] tā B   36 canterlada] cancerllada B : canterllada V   38 eu] en B   39 ouvi] ouiu V

Varianti editoriali


7 ũa] una Pellegrini   11 cant[ar]ei] cantey Pellegrini   12 de’i] dy Pellegrini : ouv’i Lapa : di Lopes, Littera   13 á sazon i] assaz o vi Lapa   18 ũa] una Pellegrini   22 cantarei] cantey Pellegrini   23 Dei eu] Dei [i] eu Littera   24 [enton]] felon Lapa : om. Pellegrini   29 ũa] una Pellegrini   33 cantarei] cantey Pellegrini   36 e a[a] canterlada] e à [sela] canterlada Lapa   37 o] ò Lapa : ó Lopes   40 ũa] una Pellegrini   44 cantarei] cantey Pellegrini

Parafrasi


(I) O infanzón acordou comigo desde Nadal unha tregua tal como a que agora me ouviredes: que eu non falase mal da sela nin do brial; mais aquel día mesmo, vede o que fixen, antes de que se afastase unha legua comecei este cantar da egua, que non entrou na tregua, e por iso lle cantarei.
(II) Non nego eu que lle dei tregua ao brial alí, hai tempo, e á sela renxedora; e, sen dúbida tamén entraron nela as mangas do ascarí, mais non a de rabo pequeno: antes de que se afastase unha legua comecei este cantar da egua, que non entrou na tregua, e por iso lle cantarei.
(III) Dei eu tregua entón ao infanzón e ao seu brial, porque ma pedía, e ao outro Zevrón a quen lle renxe a grande sela; mais logo nese mesmo día, antes de que se afastase unha legua comecei este cantar da egua, que non entrou na tregua, e por iso lle cantarei.
(IV) Ao infanzón vilán, famento coma un can, e á sela remendada con canterlas e ao seu brial de Albán deille eu tregua, certamente, e despois de que lla dei, antes de que se afastase unha legua comecei este cantar da egua, que non entrou na tregua, e por iso lle cantarei.

Metrica


Esquema métrico: 4 x 7a 7a 6’b 7a 7a 6’b 7’C 3D 7’C 6’C 7D (cfr. RM 32:1)
Encontros vocálicos: 2 tre·go͜a; 3 agorao·i·redes; 5 bri·al; 7 le·go͜a; 9 e·go͜a; 10 tre·go͜a; 12 tre·go͜a de͜’i; 13 ao bri·al; 18 le·go͜a; 20 e·go͜a; 21 tre·go͜a; 24 bri·al; 25 tre·go͜a, mi͜-a; 29 le·go͜a; 31 e·go͜a; 32 tre·go͜a; 37 bri·al; 38 tre·go͜a; 40 le·go͜a; 42 e·go͜a; 43 tre·go͜a

Note


Testo
  • *

    Esta composición está incluída na rúbrica que precede a cantiga UC 1355, e que afecta ás cantigas UC 1355-1366: «Don Lopo Lias trobou a ũus cavaleiros de Lemos; e eran quatro irmãos e andavan sempre mal guisados; e por én trobou-lhis estas cantigas».

  • 2

    As voces legoa e tregoa (nos vv. 10, 12, 25 e 38) computan sempre como bisilábicas, o mesmo que nas restantes composicións en que se rexistra unha e outra (114.16, 461.3, 962.26; 874.15, 878.3; 1387.12).
    Por outra parte, a forma contigo, que alterna na poesía trobadoresca coa variante máis antiga tigo, faría hipermétrico o verso, do mesmo modo que, ás veces, nos apógrafos italianos, tamén se rexistra comigo ou con migo por migo (371.1, 845.8, 1366.2, 1557.7). 
    Canto a Natal, esta era a voz xeral (fronte a Nadal) durante a Idade Media para se referir ao período da celebración do nacemento de Xesús Cristo no mes de decembro.

  • 12-13

    Na copia destes versos obsérvase como a palabra rimante do v. 13 (hi) parece ter sido deslocada para o final do v. 12 en ambos os manuscritos. A partir deste feito, indicado pola rima, levántase o problema interpretativo da secuencia <dey> do v. 12. Tradicionalmente foi resolvida como di (Pellegrini, Lopes e Littera), pretensa forma de P1 do pretérito de indicativo de dar, mentres que Lapa innova ecdoticamente coa proposta ouv’i. Para alén da proposta lapiana, allea aos manuscritos, di non é unha forma correcta nin existente na lingua medieval na conxugación de dar, feito que aconsella considerar a validade da lección de BV, que recollería unha crase de’i (= dei + i), igual á crase va’i nunha cantiga de Cogominho (323.18) e similar á secuencia bisilábica tornei i en Meen Rodriguez Tenoiro (734.20). E no v. 13 é de sinalar tamén a (enxeñosa) proposta lapiana (assaz o vi para á sazon i), dificilmente aceptábel por mor do elemento rimático <hi> deslocado no final do verso anterior. En calquera caso, nótese que na primeira estrofa hai tamén unha referencia temporal ao momento pasado en que se fixo a tregua: des Natal (v. 2).
    De calquera xeito, parece obvio que existe corrupción textual nesta pasaxe, pois, independentemente da expresión á sazon i, pouco convencional, na estrofa reitérase o mesmo elemento rimante (vv. 12, 13 e 15). Este feito constitúe unha anomalía na métrica trobadoresca, sen relación con algúns artificios construtivos na rima. Tal reiteración rimática obsérvase esporadicamente ao longo do corpus: 14.48-50 (poderia), 524.9-11 (ei), 704.7-8 (eles), 734.19-20 (i), 783.22-23 (son), 821.16-17 (al), 838.7-11 (é), 879.19-20 (al), 923.10-11 (ei), 926.22-25 (ei), 935.18-20 (i), 1034.7-9 (quiser), 1043.14-15 (al), 1329.15-21 (vista), 1354.r1-r2, 1387.10-14 (treedor), 1388.1-7 (talharon), 1400.23-24 (arteira), 1470b.12-13 (én), 1477.23-25 (ali), 1506.2-3 (cantar), 1535.18-21 (i), 1540.14-18 (i), 1549.19-20 (én), 1633.8-14 (capa).
    En Montero Santalla (2000: 632) proponse unha conxectura editorial diversa, moi innovadora, con sanci (P1 do pretérito de indicativo de sancir ‘confirmar un pacto, ratificar, sancionar’):

    Nom neg’ eu que trégoa houv’ i
    ao brial a sanci
    e aa rengelhosa.

  • 14

    Obviamente, a rengelhosa é a sela rengelhosa, citada en tantas cantigas de Lopo Lias, agora xa convertida nun substantivo. Sen dúbida, o adxectivo rengelhosa ‘renxedora’, aplicado á sela que renxía, é termo derivado de renger, cos sufixos -elho (convertido en interfixo) e -oso. Non achamos atestación desta voz fóra das cantigas de Lopo Lias (véxase tamén 1355.r1, 1364.24).

  • 16

    A voz ascari é termo exclusivo de Lopo Lias, tamén utilizado en 1355.2 e 7, 1359.22. Designa un 'tecido de liño moi fino e moi apreciado' (véxase Gual Camarena, s.v. escarin [consult. 31-10-2023]).

  • 17

    Rabicosa é un hápax absoluto na lingua medieval e moderna, sen que apareza ningunha documentación desta voz en ningún texto ou rexistro de ningún tipo. A hipótese formulada en Lapa para explicar rabicosa baséase en a considerar unha formación lexical derivada de rabo ou rabico, isto é, aludiría á égoa de rabo curto.

  • 24

    A lacuna na palabra rimante é cuberta con enton, opción máis segura e menos intrusiva do que o felon lapiano.

  • 27

    A voz selegon, aumentativo de sela, conleva valor despectivo pola formación masculina sobre un nome feminino (cfr. nadigon, co mesmo ton pexorativo, en 1352 e 1360). Para alén da gesta de mal dizer (1489.7), selegon só é utilizado por Lopo Lias (1358.17, 1362.4, 1365.2, 1366.27).

  • 35

    Afamado ‘famélico, famento’ é participio de afamar, formación lexical (< a- + fame + -ar) paralela a esfamear (< es- + fame + -ear), que non conta con atestacións na lingua medieval fóra da pasaxe de Lopo Lias.

  • 36

    A ausencia de unha sílaba métrica é perfectamente compensada coa restauración do formato tradicional do encontro da preposición a co artigo feminino a (aa), de modo que canterlada é máis outra substantivación dun adxectivo referido á sela (cfr. a mesma situación con rengelhosa no v. 14).
    Canterlada, aplicada á sela, é voz exclusiva de Lopo Lias, que a utiliza, aliás, nas cantigas 1360, e 1362 (cfr. canterladura en 1575.12). No relativo ao significado deste participio (que implica un verbo canterlar), Lapa manifesta as súas dúbidas: «Fica duvidosa a verdadeira forma da palavra, que parece significar “rasgada e ligada com ataduras”, a que se refere o verso seguinte». De aí parece tirar Lopes a súa breve explicación («rachada e por isso remendada»), que é aínda simplificada no Projeto Littera: “desconjuntada e rota”. Na verdade, en galego consérvase tanto canterla como o verbo canterlar, que iluminan a pasaxe de Lopo Lias (e tamén as canterladuras de Quinhones): canterlar é, conforme o DRAG, “Poñerlle unha canterla a [unha roda, unha zoca]”, sendo canterla a “lámina de ferro que cobre o canto da roda do carro” e mais tamén a “Fita metálica con que amañan as zocas fendidas” (véxanse tamén outros dicionarios en RILG, s.v. canterla, canterlar). Isto é, a sela canterlada é unha sela que estaría rota e que foi arranxada (deficientemente, visto que renxe; véxase 1362.9-10) con algún tipo de fita ou corda (ou, mesmo, lámina de metal)1 .
    Canto á grafía de <canterllada>, é de subliñar que nos apógrafos italianos é sistemática a presenza de <ll> tras a consoante vibrante, tal como se pode comprobar nas restantes voces que presentan esta secuencia fonética: arlotas <arllotas> (392.9), burlado <burllado> B (1606.14); canterlada <canterllada> BV (1359.3 e 13 <canterlhada> V, 1360.4, 1362.r3; 1366.36 <cancerllada> B) e canterladuras <cãterlladuras> B (1575.12); escarlata <escarllata> BV (1634.14); Morpirler <morpirller> (1673.15 e 26 <mõ pirller> B, <mõ pilher> V); parlar <parllar> B (1558.7). Véxase nota a 29.22.

  • 37

    Debe ser sinalada a presenza dunha anómala contracción ó neste verso a partir da edición de Lapa (ò en Lopes), sen dúbida levado polo paralelismo construtivo, que moitas veces non existe na expresión trobadoresca: aa canterlada e ao seu brial tregoa lhi dei... Na altura cronolóxica das cantigas a aglutinación ao(s) aínda non se resolvía coa crase que se xeneralizou nos rexistros orais da lingua moderna (cfr. a variante diverxente ou utilizada en 1454.r).

  • 38

    Tal como en 1357.7, Alvan semella ser un topónimo inscrito no territorio de Lopo Lias; entre os diversos topónimos existentes (algún en terras ourensás) debe aludir á parroquia dese nome, no concello lugués de Sarria, ben próximo a Monforte (véxase Marcenaro & González 2024: s.vv. Alvan, Airas Moniz, o Zevron). Nótese, ademais, que o topónimo dispón de múltiplas documentacións no Corpus Galego-Portugués Antigo, s.v. alvan, aluan, alvam...

  1. ^

    As selas canterladas de Lopo Lias deben ser a fonte para a elaboración narrativa de Darío Xohán Cabana, en Morte de Rei (Vigo, Xerais, 1991): “Eu cho direi: en especias prós frades, en peles armiñas prós abades, en panos sedáns prós arcediagos, en mangos de ouro prás espadas dos que se chaman nobres, en selas canterladas pra grandes cabaleiros que nin sosterse saben nelas, e en vasilia de prata e de cristal e en alifafes cordobeses e en todas as luxurias pra esas casas de ricos homes leigos e eclesiásticos” (p. 173).

Cerca
    Nessun risultato trovato