25 [= Tav 47,16]
Non vos façan creer, senhor

Non vos façan creer, senhor,
que eu alhur quero viver
senon convosc’, e j’a poder
non vos menti, ca de pran é,
a poder e per bõa fe:
macar m’end’eu quisesse al non
queria o meu coraçon
nen nos meus olhos, mia senhor,
nen o vosso bon parecer,
que me vos faran ben querer
mentr’eu viver, u al non á;
e, senhor, máis vos direi ja:
macar [m’end’eu quisesse al non
queria o meu coraçon],
des quando vos eu vi, senhor,
Deus-lo sab’, e nunca cuidei
en me partir de vós nen ei
sabor senon de vos servir
e ja máis, por vos non mentir,
macar [m’end’eu quisesse al non
queria o meu coraçon],
e, per bõa fe, mia senhor,
mui gran verdade vos direi:
sempre vos eu ja servirei,
mentr’eu viver, e querrei ben;
e, senhor, máis vos direi én:
macar [m’end’eu quisesse al non
queria o meu coraçon].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 

Manuscritos


B 51

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 669-670 [= LPGP 320]); Littera (2016: I, 349).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 16); Machado & Machado (1949: I, 68-69); Rios Milhám (2017: I, 25).

Variantes manuscritas


1 façan] facam B   5 bõa] bona B

Variantes editoriais


1 vos] vus Michaëlis   2-3 que eu [d’]alhur querer viver / se non con vosqu’, aja poder Michaëlis : que eu alhur quero viver, / senom convosc’, e já poder Littera   4 vos] vus Michaëlis   4-5 Nom vos ment’i, ca, de pram, é / [j]á poder; e, per bõa fé Littera   6 quisesse] quisess(e) Michaëlis   7 queria] querria Littera   8 nen nos] Nen os Michaëlis : nen'os Littera   10 vos] vus Michaëlis   12 vos] vus Michaëlis   13 quisesse] quisess(e) Michaëlis   14 queria] querria Littera   15 vos] vus Michaëlis   16 sab’, e] sabe Michaëlis, Littera   18 vos] vus Michaëlis   19 vos] vus Michaëlis   20 quisesse] quisess(e) Michaëlis   21 queria] querria Littera   23 vos] vus Michaëlis   24 vos] vus Michaëlis   26 vos] vus Michaëlis   27 quisesse] quisess(e) Michaëlis   28 queria] querria Littera

Paráfrase


(I) Non vos fagan crer, señora, que eu quero vivir noutro lugar que non sexa convosco, e abofé non vos mentín, porque así é, con absoluta certeza: aínda que eu quixese outra cousa non querería o meu corazón (II) nin os meus ollos, miña señora, nin a vosa fermosura, que farán que vos ame mentres viva, sen dúbida; e direivos aínda máis, señora: aínda que eu quixese outra cousa non querería o meu corazón, (III) desde o momento en que vos vin, señora, Deus o sabe, e nunca pensei en me afastar de vós nin sinto outro desexo agás o de vos servir e xa máis, para non vos mentir, aínda que eu quixese outra cousa non querería o meu corazón, (IV) e, con certeza, miña señora, direivos a verdade: sempre vos servirei e amarei mentres viva; e, señora, direivos aínda máis: aínda que eu quixese outra cousa non querería o meu corazón.

Métrica


Esquema métrico: 4 x 8a 8b 8b 8c 8c 8D 8D (= Tav 199:5)
Encontros vocálicos: 6 quisesse‿al; 13 quisesse‿al; 20 quisesse‿al; 27 quisesse‿al

Notas


Texto
  • *

    Michaëlis e Littera só ligan sintacticamente as estrofas I-II. Sobre o carácter de verdadeira cantiga ateúda desta composición véxase nota á cantiga 15.

  • 1-5

    A chave para interpretar de modo correcto a lección enviada por B para esta estrofa reside na locución a poder, que, efectivamente se localiza noutras dúas pasaxes do corpus profano: ben cuido que j[a], a poder, / nunca averei de vós, melhor / do que vos eu quero, querer: ben i mi-o ei logo d’aver (58.15)1 ; mais per’o faç’, a poder, / contra mia desaventura / non val amar nen servir (887.6). Cfr. tamén as frecuentes variacións da locución coa presenza doutros elementos: a gran poder, a (todo) meu poder, a (todo) seu poder, a vosso poder (véxase Glosario, s.v. poder).
    Así pois, esta estrofa de Calheiros presentaría a locución a poder en dous momentos (vv. 3 e 5), multiplicando a presenza de locucións afirmativas (véxase tamén de pran e mais per bõa fe), dun modo semellante ao que acontece, por exemplo, coa expresión per fe, sen engano (que se localiza en dúas ocasións: 760.3 e 845.17). Non existen, pois, problemas especiais de tipo lingüístico ou interpretativo que xustifiquen a emenda da lección manuscrita (tal como se verifica en Michaëlis e Littera), con independencia das consideracións de tipo estilístico que se poidan facer sobre tal acumulación adverbial2 .

  • 3

    Ao longo do corpus áchanse poucas ocorrencias de ja con crase coa voz seguinte (sempre iniciada por a-), talvez polo carácter semitónico do adverbio: j’a –pronome– (64.10, 1588.20), j’alguen (92.24), j’assi (238.10, 408.4), j’agora (365.16, 764.r2, 1281.1), j’amigo (689.2). Nótese como en todos os casos ja perde tonicidade (coa conseguinte facilidade para a crase) pola presenza dunha tónica inmediata (alguen, assi, agora, amigo) ou case inmediata (poder).
    Certamente, débese relativizar o carácter inusual da crase de ja á luz doutras máis estrañas, aínda que puntuais, entre formas verbais de P3 de futuro indicativo (avera, matará, pesará, seera) coa preposición a e co adverbio ali, que non encontran solución gráfica satisfactoria máis do que unha representación do tipo aver’a (59.26), matar’Amor (396.19), pesar’a (898.19) e seer’ali (1637.28). Véxase nota a 59.26.

  • 5

    A presenza de -n- na forma manuscrita <bona> é simple indicación gráfica da nasalidade fonolóxica de /õ/, o mesmo que noutras voces que se rexistran esporadicamente, en especial, nos apógrafos italianos (case sempre con unha das documentacións correcta) en <alguna> algũa e <(h)una> ũa, <capaton es> çapatões, <certano> certão, <lontano> loução, <lunar> lũar, <mano> mão, <pardonar> perdõar, <poner> põer, <uano> vão, <ueno> vẽo, <uilano> vilão. Sobre estas grafías e as formas do tipo irmana, véxase Ferreiro 2008b. Cfr. nota a 582.3.

  • 6

    A conxunción concesiva macar (tamén nos vv. 13, 20 e 27), de orixe grega, é case exclusiva do rexistro poético, tal como se deduce do seu uso na poesía trobadoresca profana e da súa alta frecuencia nas Cantigas de Santa Maria. A súa aparición noutro tipo de textos é moi escasa (véxase CGPA, s.v. macar). Cfr. nota a 57.6.

  • 6-7

    Mantemos o refrán sen puntuación por canto o pronome al pode ser asociado a eu (quisesse) mais tamén a o meu coraçon (queria). Deste modo, o refrán permite unha dupla lectura.

  • 7

    Non existe xustificación de ningún tipo para a mudanza de copretérito a pospretérito da forma verbal do primeiro verso do refrán (véxanse, tamén, os vv. 16, 21 e 28) realizada por Littera: aínda na actualidade as formas de copretérito presentan valor de pospretérito en numerosas ocasións.

  • 8-9

    Nótese a variación na forma do artigo, que no v. 8 presenta o alomorfo no, inducido pola nasal da voz anterior (nen nos meus olhos) a través dunha asimilación progresiva: nec ĭllos > nen los > nen nos. Polo contrario, a forma xeral o no v. 9 aparece nun contexto similar (nen o vosso...). Na realidade, esta variación en versos consecutivos reflicte a aparición (asistemática e minoritaria) que ao longo da Idade Media se produce da forma no do artigo nestes contextos (véxase Glosario, s.v. no1), consolidada en galego moderno unicamente tras as voces non, nin, alguén, ninguén, quen e tamén, coa pronuncia alveolar da consoante nasal final.

  • 11

    A frase formularia u al non á ‘certamente, sen dúbida’ (tamén en 170.23, 358.27, 685.10, 1017.2 e 1231.21) concorre con outras variantes ao longo do corpus, co mesmo verbo aver (u non á al, non á i al etc.) ou co verbo jazer (u non jaz al ~ u al non jaz). Idéntico comentario pode facerse para as Cantigas de Santa Maria, en que se detectan os mesmos grupos fraseolóxicos (u al non averá ~ u non averá al, u al non jaz, u non aja al, u non ouvess’al, u outra ren non jaz etc.; véxase Mettmann 1959-1972: IV, s.v. al, aver, jazer, u). Véxase nota a 597.13.

  • 16

    Deus sofre xeralmente asimilación co pronome identificador, igual que ocorre, aínda que con menor frecuencia, con outros substantivos e mais co adxectivo melhor (cfr. nota a 185.8), con algúns pronomes (cfr. nota a 334.4), adverbios e conxuncións (véxase nota a 331.7) e tamén con algúns participios plurais (cfr. nota a 960.24). Véxase nota a 5.10.

  • 19

    A frecuente frase formularia por non mentir, que permite a interpolación de diversos elementos (por vos non mentir, por vos eu non mentir etc.), equivale a outras expresións de certeza, como per bõa fe, de pran etc.

  1. ^

    Esta pasaxe de Vaasco Fernández Praga de Sandin presenta unha fixación diferente na edición tradicional de Michaëlis, que, de novo, encobre a locución con outro cambio na lección manuscrita: que ja [eu] poder.

  2. ^

    Véxanse diversas opinións sobre os problemas editoriais desta pasaxe no site Locus criticus.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado