1412 [= RM 60,7]
Non levava nen dinheiro

Non levava nen dinheiro
ogano u oui passar
per Campos e quix pousar
en casa d’un cavaleiro,
que se ten por infa[n]çon,
e soltou-mi un can enton
e mordeu-mi o seendeiro.
Por meu mal, enton, senlheiro
ouv[i] ali a chegar
(que non chegass’!) a logar
u á [a]tal fareleiro,
ca el, se fosse ça[n]con,
non fora ao vergalhon
roxo do meu seendeiro.
Non vistes peior parado
albergue do que achei
enton quand’a ele cheguei,
nen vistes máis estirado
ome ca fui d’un mastin;
e fez-mi tal [n]o rocin,
que semelhava lobado.
Non fui eu ben acordado,
poi-lo da porta catei
dentro, porque o chamei:
pôs-mi o gran can enriçado,
que nunc’a [morder] fez fin
atá que fez[o] en min
qual fez no rocin lobado.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 

Manuscritos


V 1002 (f. 160v, col. b)
[Cantiga de Escarnio e mal dizer]

Edições


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 264-265); Lopes (2002: 173); Víñez Sánchez (2004: 215 [= LPGP 363-364]); Littera (2016: I, 417).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 344); Braga (1878: 189); Michaëlis (2004 [1896-1905]: 145); Machado & Machado (1960: VII, 94); Ceschin (1980: 209-210).
III. Antoloxías: Landeira Yrago (1975: 194-195); Torres (1977: 534-535); Tavares & Miranda (1987: 257); Marcenaro (2006: 172-174).

Variantes manuscritas


1 dinheiro] dulheyro V   2 ogano] ogane V   3 Campos] campus V   6 soltou] solt(h)ou V   11 fareleiro] fais leyro V   12 ça[n]con] çatō (con til riscado no <a>) V   14 roxo] roso V   23 catei] tatey V   25 enriçado] enrricado V   28 qual] q̄l V

Variantes editoriais


1 nen] un Lapa : um Lopes   2 ogano u oui] ogan’ u ôuvi Lapa : ogan’, u houvi Lopes, Littera : ogano hu o[u]vi Víñez Sánchez   3 Campos] Campus Víñez Sánchez   6 -mi un] -m’un Lapa : -m’um Lopes, Littera   8 enton] então Lopes, Littera   9 ouv[i]] ouv’ Víñez Sánchez   11 u á [a]tal] u [vi] atal Lapa : u [er’] atal Lopes, Littera   12 ça[n]con] santom Lopes, Littera   17 ele] el Lopes, Littera   20 [n]o] o Lapa, Lopes, Littera   23-24 catei / dentro, porque] catei dentro, / por que Lopes   27 atá] ataa Lopes; fez[o]] fez Víñez Sánchez, Lopes

Paráfrase


(I) Non levaba diñeiro agora cando tiven que pasar por Campos e quixen facer pousada na casa dun cabaleiro que se ten por infanzón, e soltoume un can entón e mordeume o cabalo.
(II) Para a miña desgraza, tiven que chegar só alí –oxalá non chegase!– a un lugar onde hai tal can fareleiro, porque, se el fose coxo, non se fora botar ao vergallón roxo do meu cabalo.  
(III) Non vistes albergue peor preparado que o que encontrei entón cando a el cheguei, nin vistes home máis coaccionado do que eu fun por un mastín; e fíxome tal no rocín, que semellaba un lobado.
(IV) Non actuei con cordura cando desde a porta o vin dentro, porque o chamei: encirroume o grande can, que nunca deixou de morder até que fixo en min tal como fixo no rocín un lobado.

Métrica


Esquema métrico: 4 x 7’a 7b 7b 7’a 7c 7c 7’a (= RM 161:289)

Encontros vocálicos: 2 ogano‿u; 6 -miun; 7 -mio; 13 foraa·o; 17 aele; 25 -mio

Notas


Texto
  • *

    Esta composición, xunto coas cantigas 1410-1411 e 1413-1417, está atinxida pola rúbrica abranxente colocada no inicio da cantiga UC 1410 (Estas cantigas son d’escarnh’e de mal dizer e feze-as Gonçal’Eanes do Vinhal).
    Na cantiga, é repetida a palabra rimante no derradeiro verso de cada estrofa seguindo o sistema das coblas doblas: seendeiro (I-II), lobado (III-IV).

  • 2

    A lección <ogane> de V semella presentar un erro <e>/<o>, pois a presenza dunha copulativa segmentábel na forma manuscrita xeraría un problema sintáctico, obrigando a considerar expletiva a copulativa inicial do v. 6.

    É un feito confirmado que nos tempos de pretérito de aver (lat. habui etc.) existen resultados con desaparición de -B- intervocálico (cfr. ouer, 10.18), e, máis comunmente, con posterior monotongación de -ou- (oera, oesse, oer) por aparecer nunha secuencia trivocálica fonotacticamente anómala (Ferreiro 1999: §23b); é por isto que tamén deben ser consideradas as formas oue ~ oui, que con frecuencia desaparecen nas edicións e que deben ser ponderadas á luz destes datos: qual coita no coraçon / por vós sempr’oue (372.4); Veend’eu ben que do mui grand’amor, / que lh’eu sempr’oui (635.8); u oui passar / per Campos (1412.2). Todas e cada unha destas formas encontran comprida confirmación nos datos subministrados polas obras en prosa, literarias ou notariais (véxase Ferreiro 2016a: 120-123). Véxase nota a 10.18. Cfr. tamén notas a 130.23 e 534.4.

  • 3

    Campos debe aludir á Terra de Campos, comarca que se estende polas provincias españolas de León, Zamora, Valladolid e Palencia. No relativo ao seu formato gráfico, é bastante frecuente en V a presenza da terminación -us en voces en que é xeral a terminación -os (<campus>); na realidade, esta grafía aparece case exclusivamente en formas verbais de P4 e nomes masculinos plurais. A súa esporádica presenza, limitada aos apógrafos italianos, mostra que é produto do desenvolvemento da abreviatura <9> en posición final, abreviatura herdada do latín, onde funcionaba como desinencia de nominativo nos nomes da segunda declinación, rematados en -us.
    Por outro lado, para alén das formas quise (véxase nota a 56.14) e quiso (véxase nota a 53.16), quis pode presentar a variante monosilábica con palatalización da alveolar final quix, igual que prix, P1 do pretérito forte de prender sempre con palatalización final (véxase nota a 74.13), similar tamén á da forma pux (véxase nota a 988.21) e presente tamén na forma trax (véxase nota a 429.24) e mais nalgúns nomes (véxase notas a 20.9, 988.21). No relativo ás formas de pretérito, tal fenómeno debe ser posto en relación coa existencia de formas alternativas palatalizadas do tipo *prige (non rexistrada no corpus), quige e puge, produto da acción do -ī latino final (Ferreiro 1999: §20a), de modo que as formas prix (de *prehensī ou *prensī, polo clásico prehendī), quix (de *quesī, por quaesiuī) e pux (< posuī) serían produto do cruzamento de -s final (xordo) coas variantes palatalizadas, dando como resultado unha fricativa palatal xorda en posición final.

  • 7

    A voz seendeiro (tamén no v. 14) significa ‘rocín’, e na produción prosística tende a aparecer no sintagma sendeiro d’albarda. Eis nos Livros de Linhagens

    e pose-a em cima d’ũu sendeiro d’albarda, o rostro contra o rabo do sendeiro (Mattoso 1980: I/1, 269); 

    sendeiro d’albarda o rostro cõtra o rabo do sendeiro. e huũ home cõ ela e nõ mais (Brocardo 2005: 59).

  • 8

    Senlheiro/a é forma xeral no corpus das cantigas, derivada de singularium (ás veces coa forma disimilada sinlheiro; véxase nota a 478.48), con evolución regular da secuencia [ng’l] a [nʎ] (véxase Ferreiro 1999: §91b). Porén, véxase senneira en Martin Codax, co seguinte paso evolutivo da secuencia [nʎ] a [ɲ] (cfr., por exemplo, ŭngŭlam > unlla > uña). Cfr. nota a 1298.2.

  • 10

    Neste verso aparece a frase exclamativo-desiderativa, de carácter parentético, que non + pretérito de subxuntivo. Repetida ao longo do corpus sempre coa mesma fórmula, mostra especial preferencia polos verbos veer e nacer (véxanse 41.3, 178.17, 179.4, 270.20, 610.15, 621.3, 647.15, 911.9, 1099.10 e 17, 1170.r2).

  • 11

    Fronte ás anteriores edicións, acollemos a reintegración vocálica [a]tal de Víñez Sánchez, ecdoticamente moito menos intrusiva do que o vi de Lapa ou o er(a) de Lopes e Littera, e paleograficamente explicábel por contigüidade.
    O fareleiro alude a un can de cor clara, da cor do farelo (cfr. cast. harinero aplicado aos cans desta cor).

  • 12

    A voz çancon, sinónimo de coxo, é aumentativo derivado de çanco (< çanco + -on), que ten continuidade no gal. zanco e no port. sanco. Non achamos ningunha documentación da forma derivada, embora çanco apareza no Livro de Falcoaria do emperador Enrique da Alemanha

    Toma o mais descargado das costas e de bõa carne e bõa couxa e o çanco pequeno e grosso e as mãos grandes e os dedos delgados e de bom collo e de bõ rosto e de bõa ventã, que em outra pruma não se podem escolher por que todos sã negros (...) Olha que seja bem descargado das costas e de bõa carne e de bõa coixa e çanco curto e grosso e bõas mãos (cfr. CdP, s.v. çanco).

    Neste sentido, o santom de Lopes (“pacífico, santarrão”) resulta inconveniente, a pesar do demorado razoamento con que a editora portuguesa quere xustificar a súa opción: «A palavra oferece algumas dúvidas nos mss. Lapa e Viñez leram çancon (sanco de pernas, frouxo no andar). Apesar de Lapa afirma que a leitura de Michaëlis, que é a minha e a que corresponde ao ms., não fazer sentido, creio que a que ele propõe é que não faz. Parece-me realmente que aquilo que o trovador quer dizer é que o cão podia ser pacífico e ter sido enviado à maneira de boas-vindas, o que de facto não era o caso. Agora, coxo?» (2002: 566).

  • 13

    Vergalhon é aumentativo de verga, con interfixo (< verga + alho + -on). Véxase a outra atestación desta voz nas Cantigas de Santa Maria:

    Quand’oyu esto seu dono, foy tan brav’e tan yrado
    que logo a un seu mouro o fez açoutar privado,
    que lle deu d’açoutes tantos que non ficou no costado
    neno corpo coiro são ata eno vargallon (CSM 227.33).

  • 14

    Resulta sorprendente que o adxectivo roxo (rexistrado tamén en 1471.8) mostre tan escasa aparición na lingua medieval fóra da súa función como apelido (Joan Roxo, Estevo Roxo, Garçia Roxo etc.), pois só o achamos nun documento de 1326: 

    huun boy ruuyo et outro boy amarello ruuyo, et huna vaca laura roxa et outra ruuya ruuyalua roxa, et outra sua filia de tal collor, con seu fillo tenreyro, per libras duzentas et dez pequenas desta moneda del rey don Fernando (véxase CGPA, s.v., ed. Lucas Álvarez).

  • 18

    Estirado é participio de estirar, na súa acepción de ‘facer algo obrigado por coacción’, tal como é recollido por Vieira no seu dicionario: “Antiguamente: Estirar alguem : obrigal-o a fazer alguma cousa coactamente” (Vieira 1871-1874: s.v. estirar). De calquera forma, a acepción de “forçar, constranger” aínda é recollida por Cândido de Figueiredo (1978: s.v. estirar).

  • 21

    Perante a expresión da cantiga neste verso (que semelhava lobado) e mais no v. 28 (qual fez no rocin lobado), Manuel Rodrigues Lapa afirma, dubitativamente, que lobado “parece ser mordido pelo lobo”, sentido que é asumido por Lopes, Littera e Víñez Sánchez, que fai un resumo da cuestión: «Para Lapa lobado puede valer por “mordido pelo lobo”, matizando la propuesta de Michaëlis, “com medo do lobo”. Aún cabe hacer alguna precisión. Figueiredo (...) define: “tumor no peito do cavalo. Espécie de carbúnculo mortífero na frente ou por trás da espádua, no ganado [sic] bovino" (...). Sin duda, el vocablo ha de estar en relación con nuestro lobado, considerándolo derivado de lobo, “por la comparación de los estragos de este mal, al propagarse alrededor, con el destrozo causado por un animal voraz” (...), lo que nos reenvía a la sugerencia de Lapa mencionada arriba. Choca lo expuesto con el hecho de [que] aquí lobado es adjetivo (...)» (p. 221).
    Porén, no territorio galego-portugués non existe ningún verbo lobar nin similar, de modo que lobado ten de referirse a unha doenza que sofren as cabalarías (tamén o gando bovino e ovino) que se manifesta con tumores carbunculosos exteriores. A solución é, pois, asumir que o substantivo lobado (‘tumor carbunculoso, sobre todo en cabalarías ou gando bovino e porcino’)1 non presenta nos dous contextos da cantiga ningún tipo de determinante; isto é, ‘que semellaba (un) lobado; como fixo no rocín (un) lobado’.

  • 25

    O participio enriçado (cfr. gal. encirrado) remite a un verbo enriçar, variante de arriçar (< en- ~ a- + riço + -ar). Esta minoritaria forma lembra ensanhar, variante do xeral assanhar (véxase nota a 722.12).

  • 27

    Para recuperar a medida decasilábica do verso, recorremos á variante fezo: na lingua medieval aparece a desinencia -o na P3 dos pretéritos fortes, de modo que naquelas formas en que -it final latino desapareceu é posíbel a convivencia das formas fez, quis ou pôs con fezo (tamén feze), quiso (tamén quise) ou poso (tamén pose). Os trobadores utilizan unha ou outra variante por necesidades métricas, e os manuscritos achegan datos que confirman esta variación nos usos lingüísticos, de modo que en ocasións as leccións de A e B son diverxentes. Así, en face do necesario fezo transmitido por A (ás veces produto da revisión da copia) achamos <fez> en B: 277.17 (<fez{o}> A, <fez> B), 286.2 (<fezo> A, <fez> B), 309.10 (<fezo> A, <fez> B), 404.10 (<fezo> A, <fez> B), 430.28 (<fez{o}> A, <fez B>). Porén, en 175.6 o necesario fezo transmitido por B correspóndese co <fez> de A, que torna o verso hipométrico. E aínda se achan contextos en que fronte á lección de A, con fezo, B rexistra unha variante en que, mantendo o monosilábico fez, se reescribe o texto para asegurar a isometría: Qual dona Deus fez melhor parecer / e que fezo [B: <a fez>] de quantas outras son (175.2); de rogar Deus, e fezo-me [<a d’s e fez mj> B] perder (197.30). É por isto que o recurso a fez[o] está certamente xustificado perante leccións afectadas por hipometría versal: neste sentido, é significativo que no v. 1 do refrán da cantiga 847, face ao correcto fezo que se rexistra na estrofa I (<fez> B, <fezo> V), apareza fez en BV nas estrofas II e III. Cfr. nota a 60.19.

  1. ^

    Cfr. “Enfermidade infecciosa producida por bacterias, que afecta certos animais (porco, boi, cabalo, coello etc), que se manifesta por lesións cutáneas”, definición presente no DRAG, s.v. lobado.

Procurar
    Não foram encontrados resultados