I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 344 [= LPGP 491]); Lopes (2002: 232); Littera (2016: I, 570).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 348-349); Braga (1878: 191); Machado & Machado (1960: VII, 106).
III. Antoloxías: Tavares & Miranda (1987: 199-200).
6 en] eu V 10 pojar] boyar V 12 Orgaz] orgas V 17 pelo] plō V 19 Orgaz] orgas V
7 todo e] tod’e Littera 10 pojar] boiar Lapa : bojar Lopes, Littera 14 per] por Lapa, Lopes; e dized’assi] dized[e]-[o] assi Lapa, Lopes : dized[e] assi Littera 18 [i]] om. Lapa, Lopes
(I) –Joán Soárez, non podo deixar de vos dicir o que vexo aquí: vexo Lourenço disputar con moitos, mais non o vexo disputar comigo; e eu ben sei por que fai isto: porque el sabe que. todo o que é preciso na arte de trobar, eu o sei todo e todo está en min.
(II) –Joán d’Avoín, ouvinvos agora louvar o voso trobar e moito me rin por iso; dicide tamén que sabedes mellorar de status, pois ben o podedes dicir así, e que Toledo e Orgaz é voso e que todo canto no mundo se fai por vós existe, e dicídeo así.
(III) –Joán Soárez, eu só direi aquilo que eu saiba ben, e do que se fai polo mundo sei que se fai por min ou por alguén; mais eu non podo posuír Toledo nin Orgaz, mais no trobar, que Deus me concedeu, coñezo ben se alguén troba mal.
(IV) –Joán d’Avoín, [...].
Esquema métrico: 10a 10b 10a 10b 10c 10c 10b (= RM 101:13)
Encontros vocálicos: 7 mi͜-o, todo‿e; 9 ri·i
Tal como desde Lapa foi apuntado (“É possivel que à tenção falte a estrofe final, posta na boca de João Coelho”), a arquitectura simétrica das intervencións dos trobadores nas tenzóns delata, efectivamente, o carácter fragmentario desta composición e mais das cantigas UC 879 e 1445: “La equidad en el número de turnos estróficos se quiebra de forma evidente en tres diálogos, pues están constituidos por tres estrofas, por lo que es posible que, por lo menos, falte una cobra” (cfr. González Martínez 2012c).
Por outra parte, o xograr Lourenço, aludido no v. 3, foi albo de críticas doutros trobadores, que o atacaron sobre todo por non se limitar á interpretación e querer ser tamén trobador, isto é, compositor. Nesta polémica participou Joan Garcia de Guilhade, trobador a cuxo servizo Lourenço exercía de intérprete (UC 1513, 1514, 1515, 1516, 1520), mais tamén outros trobadores: Joan Perez d’Avoin (UC 1420), Joan Soarez Coelho (UC 1432), Rodrig’Eanes Redondo (UC 1442), Pero Garcia Burgales (UC 1444), Joan Vaazquiz de Talaveira (UC 1445), Pedr’Amigo de Sevilha (UC 1680). Lourenço non só se defendeu nas tenzóns senón que mesmo utilizou unha cantiga de amigo para defender o seu dominio da arte de trobar (UC 1279).
Obsérvese a repetición da conxunción completiva que tras unha frase parentética:
porque sab’el que, quant’en trobar jaz,
que mi-o sei todo e que x’é tod’en mí.
A P1 do pretérito de indicativo do verbo riir (< rīdĕre) mantén, de regra, o hiato procedente da desaparición da vogal intervocálica: rīdī > rii.
O verbo pojar (< *podiāre), co sentido de ‘facer subir, elevar, medrar’ só aparece noutras catro composicións (336.20, 1421.10, 1467.13 e 20, 1526.4, 7, 13, 18 e 20). Foi Elsa Gonçalves quen xustificou a emenda da lección de V, con sólidas razóns paleográficas, lingüísticas e históricas: «Johan Soarez aconselha, portanto, o primo a gabar-se, não de saber trobar, mas de saber poyar, ou seja, de saber subir em riqueza e poder, quiçá fazendo também subir outros e deles recebendo recompensas materiais pelas benesses obtidas. A investigação histórica mostra que a malévola alusão poética à trajectória política de Johan d’Avoyn é plenamente justificada pela situação real: ‘‘Ao serviço de Afonso III", diz Leontina Ventura (1986), “conseguiu João Peres de Aboim o seu estatuto e a sua riqueza, bases do seu dominium sobre terras e sobre homens”» (Gonçalves 2016 [2006]: 439).
Orgaz é unha localidade da provincia española de Toledo, próxima á capital.
A reintegración do adverbio ben é indicada, para alén da pertinencia métrico-semántica, pola frecuente asociación deste adverbio ao verbo conhocer. Eis algunhas pasaxes significativas: ca por ela conhosc’eu ben / que, se Amor matass’alguen, / non leixaria min viver (97.12); ca conhosc’eu mui ben que vós avedes / olho mao, mesto con cadarron (1394.15); e conhosco mui ben [o meu] trobar (1514.34) etc.