479 [= Tav 18,21]
Joan Rodriguiz foi esmar a Balteira

Joan Rodriguiz foi esmar a Balteira
sa midida per que colha sa madeira;
e disse: «Se [a] ben queredes fazer,
de tal midida a devedes a colher
e non meor, per nulha maneira».
E disse: «Esta é a madeira certeira,
e, demais, non na dei eu a vós si[n]lheira;
e, pois que s’en compasso á de meter,
atan longa deve toda [a] seer
per antr’as pernas da [e]scaleira.
A Maior Moniz dei ja outra tamanha,
e foi-a ela colher logo sen sanha;
e Mari’Airas feze-o logo outro tal,
e Alvela, que andou en Portugal;
e ja i as colheron na montanha».
E diss’: «Esta é a midida d’Espanha,
ca non de Lombardia nen d’Alamanha,
e, porque é grossa, non vos seja mal,
ca delgada pera gata ren non val:
desto mui máis sei eu ca boudanha».
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20

Manuscritos


B 481, V 64

Edições


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 17-18 [= LPGP 149]); Paredesa (2001: 217); Lopes (2002: 68); Paredesb (2010a: 196); Gonçalves (2016 [2013]: 558); Littera (2016: I, 93); Arias Freixedo (2017: 93).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 31); Braga (1878: 13); Michaëlis (2004 [1896-1905]: 250-251); Machado & Machado (1950: II, 343-344); Paredes (2010b: 148-151); Paredes (2010c: 101-102); Rios Milhám (2018b: III, 479).
III. Antoloxías: Tavares & Miranda (1987: 53); Montoya (1988: 293-294); Arias Freixedo (1993: 149-150); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996c: 56); Neves (2004: 15-16); Marcenaro (2006: 46-48); Lopes & Ferreira & Silvestre (2015: 43); Ferreiro (2023: 66).

Variantes manuscritas


1 Rodriguiz] rrodiguiz B; esmar] desmar B : desinar V; Balteira] balteura V   2 midida] nudida B   4 devedes a colher] deneds̄ atolher B   5 maneira] man’a : maña V   6 certeira] tc’eyra B : ceēyra V   7 si[n]lheira] silhey B   11 Moniz] motum V   12 colher] tolher B; logo] lego BV   13 Mari’] chari BV   15 e ja i as colheron] Eiayas B : eia xas V; colheron] tolherō B   17 ca] Ta B   18 porque] ror q̅ BV; vos] uos BV   20 desto] E desto B : edesto V; ca boudanha] cabouda nha B : cabonda nha V

Variantes editoriais


1 esmar] osmar Lapa : desmar Lopes, Littera   3 disse] diss’e[le]] Lapa, Paredesa, Paredesb; se [a] ben] se ben Lapa, Paredesa, Paredesb : se bem i Lopes : se bem [o] Littera : se o ben Arias Freixedo   4 midida a] midid’a Lapa, Paredesa, Paredesb, Gonçalves; devedes a colher] devedes colher Arias Freixedo   5 e non] [assi] e non Lapa, Paredesa, Paredesb, Gonçalves : [assi] e não Lopes, Littera : e não Arias Freixedo   7 non na] nõna Lapa : nona Paredesa, Paredesb, Gonçalves : nõn’a Lopes, Littera : non a Arias Freixedo   9 [a]] [de] Lapa, Lopes, Littera   10 per] [que vaa] per Lapa, Paredesa, Paredesb, Lopes, Littera; [que suba] Gonçalves; da [e]scaleira] da ‘scaleira Lapa, Paredesa, Paredesb, Lopes, Littera   13 Airas] Aires Lapa, Paredesa, Paredesb, Gonçalves   15 ja i as] ja i a Lapa, Paredesa, Paredesb : ja x’as Gonçalves, Arias Freixedo; colheron] colheram Lopes; na] [ẽ]na Lapa, Paredesa, Paredesb, Gonçalves : [e]n’a Lopes : [e]na Littera   16 d’Espanha] de Espanha Lopes   20 desto] e d’esto Lapa, Paredesa, Paredesb, Lopes, Gonçalves : e desto Littera; eu] eu [i] Littera; ca boudanha] ca Abondanha Lapa : [ou] cab’ou danha Paredesa, Paredesb : c[a] Abondanha Gonçalves : ca Boudanha Arias Freixedo

Paráfrase


(I) Joán Rodríguiz foille calcular a Balteira a medida para que colla a súa madeira; e dixo: «Se queredes facelo ben, debedes collela de tal medida e non menos, de ningún xeito».

(II) E dixo: «Esta é a madeira certa, e ademais non vola dei eu só a vós; e xa que se ten que ir metendo acompasadamente, tan longa como é deberá asentar entre as pernas da escaleira».

(III) A Maior Moniz xa lle dei outra tan grande, e ela recibiuna sen desgusto; e Mari’Airas fixo logo o mesmo, e Alvela, que andou en Portugal; e xa alí as colleron na montaña».

(IV) E dixo: «Esta é a medida de España, que non é a de Lombardía nin a de Alemaña; e se é grosa non vos importe, porque delgada non vale ren para unha máquina de ataque (gata); disto sei eu moito máis que unha boudaña».

Métrica


Esquema métrico: 4 x 11’a 11’a 11b 11b 9’a

Encontros vocálicos: 4 midida‿a; 6 disse:‿Esta; 12-13 sanha;/‿e, logo‿outro; 15 i‿as

Notas


Texto
  • *

    Este escarnio dirixido contra Maria Perez baséase nas duplas lecturas de carácter sexual de diversas voces frecuentes na lingua común cun significado neutro, como madeira, midida, montanha ou gata.

  • 1

    A interpretación das leccións <desmar> B, <desinar> V foron diversas polos probábeis erros dos copistas: Lopes mantén a lección de B cun desmar que se basearía na real (aínda que minoritaria) existencia da voz desmo, o imposto antigo habitualmente denominado dezemo ou dezimo, co problema da inexistencia da forma verbal, que non conseguimos documentar, e da inadecuación semántica ao verso («marcar [as árvores], com vista à cobrança da desma, ou décima, o imposto sobre a madeira fornecida», di a editora portuguesa); por outra parte, a emenda lapiana para osmar ‘calcular’ cadra perfectamente do punto de vista semántico, aínda que con acerto foi modificada por Paredes en prol de esmar, forma primeira do verbo procedente do lat. aestimāre. Téñase en conta, ademais, que nos apógrafos italianos áchanse <d> espurios (cfr., por exemplo, <mẽdtender> B m’entender, 92.10), tamén en posición inicial de vocábulo: <damigo> B amigo (630.2), <diredes> V iredes (666.5), <do> BV o (1340.20). A variante esmar parece antecipar a forma que modernamente se consagrou en portugués, e que se documenta con profusión (fronte a osmar) en diversas obras medievais serodias: significativamente, esmar nalgunha pasaxe da Crónica Geral de Espanha de 1344 ten como variante alternativa osmar (Cintra 1952-1990: II, 59). Nalgún caso tamén aparece a variante asmar (véxase, por exemplo, Zurara 1997: 443), que é aínda utilizada por Sá de Miranda (véxase o "Glossario das Palavras portuguesas e castelhanas antiquadas ou raras", en Michaëlis 1989 [1885], s.v. asmar).
    Finalmente, Montero Santalla (2000: 387) propón unha lectura alternativa do verso, lendo desinar (cfr. nota a 6.23), pola súa adecuación semántica, e emendando Rodriguiz en Roiz, por hipotética confusión dos copistas no desenvolvemento da correspondente abreviatura onomástica.
    Balteira é o alcume de Maria Perez, a máis famosa soldadeira que aparece en numerosas cantigas escarniñas. Probabelmente foi orixinaria da zona de Betanzos, e a súa presenza nas cortes de Fernando III e Afonso X está confirmada.

  • 2

    A foma midida (tamén nos vv. 4 e 16) presenta harmonización vocálica (cfr. medida en 1353.2 e 7). A harmonización vocálica nos verbos coa estrutura e...ir (> i...ir) é moi frecuente nos textos medievais, provocando a concorrencia de formas como pedir ~ pidir ou vestir ~ vistir. O mesmo acontece en voces relacionadas con estas, coa terminación -ido~-ida (midida, vistido). Cfr. nota a 42.14.

    A madeira é unha alusión ao órgano sexual masculino. Véxase tamén a cantiga 1490, de Afonso Lopez de Baian, construída tamén en torno ao polisémico madeira.

  • 5

    A realidade dos manuscritos mostra que o quinto verso de cada estrofa ten nove sílabas, en contraste cos restantes versos hendecasilábicos. A partir desta constatación, a restauración de sílabas métricas nos vv. 5, 10, 15 e 20 por parte dos diversos editores é desnecesaria.

  • 7

    Fronte á forma xeral senlheiro, aparece esporadicamente a variante fonética sinlheiro (tamén en 478.48 e 1402.11), que se rexistra, aliás, na Crónica de 1344 (Cintra 1952-1990: III, 145). Cfr. tamén nota a 1298.2.

  • 8

    Aínda que meter em compasso é definido como ‘dar proporción ou regularidade’ (véxase Houaiss & Villar 2005: s.v. compasso), a locución adverbial en compasso debe significar aquí ‘compasadamente, ritmicamente’ (véxanse exemplos literarios no CdP, s.v. em compasso). Por outra banda, as pernas son as ‘partes do compasso que se abren ou se fechan, servindo para trazar círculos ou tirar medidas’ (véxase Figueiredo 1978: s.v. compasso). Deste modo, os vv. 8-10 quererán dicir que a midida debe ser longa entre as pernas da escaleira (referíndose á figura corporal masculina) para introducir compasadamente a madeira.

  • 9

    Para compensar a ausencia dunha sílaba, a preposición a resulta máis económica, do punto de vista paleográfico, do que a preposición de, de modo que transpareza a perífrase verbal dever + a + infinitivo.

  • 11-14

    Maior Moniz, Mari’Airas e Alvela deben ser tamén soldadeiras.

  • 13

    A variante bisilábica feze, do lat. fēcĭt, con manutención de -e após /dz/ é minoritaria en relación a fez e, mesmo, á variante fezo coa innovadora desinencia -o (cfr. nota a 53.16 e 56.14). Na realidade, feze aparece especialmente cando utilizada co clítico -o/-a, aínda que se rexistra tamén noutros contextos (167.6, 184.16, 260.2, 331.12, 332.2, 484.21, 580.13, 1087.8, 1398.6, 1593.9).

  • 15

    Tanto a lección de B (ja i as, con unha sinalefa), como a de V (ja xas) son aceptábeis, sen que os manuscritos indiquen cal é a opción prioritaria, pois nos dous apógrafos italianos existen as confusións <y>/<x> nas dúas direccións.
    A montanha (cfr. o monte de Venus) é unha alusión ao órgano sexual feminino (Marcenaro 2012: 113).

  • 16-17

    A alusión á Lombardia italiana e á Alemaña podería ter a ver coas pretensións imperiais de Afonso X.

  • 19

    Nótese a linguaxe guerreira (como na cantiga 493, tamén de Afonso X) coa aparición da gata ‘máquina de guerra, de madeira grosa, para derrubar muros’, como metáfora, de novo, do órgano sexual masculino e/ou do consolador. Eis a descrición da gata na Crónica de D. João I: e que pera tomar o castello da çidade fezesse huũ artefiçio de madeira, a que chamom gata, e que logo sem muita deteemça seeria tomado com mui poucas gentes (Fernão Lopes 1994: 49).

  • 20

    De acordo coa medida eneasilábica, practicamos a expunción da copulativa inicial, pois existen diversas pasaxes ao longo do corpus en que, a partir do testemuño diverxente dos manuscritos se pode determinar con seguranza o carácter espurio da copulativa, feito que acontece con certa frecuencia, especialmente no inicio do verso. Véxase, entre outros, B vs. A (66.14, 96.10, 128.14, 224.7, 241.22, 306.13, 312.5 e 13), A vs. B (129.28), A vs. BV (1236.10 e 16), B vs. V (851.12, 924.19, 950.7, 1631.7), V vs. B (740.10, 935.6, 1148.9). E noutros casos, a pesar da coincidencia dos testemuños, existen razóns sintácticas, métricas ou doutro tipo que aconsellan a antecitada expunción.

    Canto ao final do verso, certamente controvertido e con moi diversas lecturas e interpretacións das leccións <Edesto muy mais sey eu caboudanha> B, <edesto muy mais sey eu cabondanha> V: ca Bondanha (Michaëlis 2004: 251), ca Abondanha (Lapa), ca bode d’anha (Tavani 1997; 2007: 70-72) ou cab’ou danha (Paredes), que recorre ao castelanismo *danhar; finalmente, a solución ca bondanha de Lopes (e Littera) non muda a lección dos manuscritos, mais a interpretación semella pouco fundada: “Penso que haverá um equívoco com «bodanha, porca pequena. O sentido «inocente» já é mais difícil de fixar. É possível que boudanha seja a actual "bedanha" (gal.) ou "bedama" (port.), que designa um instrumento de furar madeira”.

    É por isto que a fidelidade aos manuscritos e a adecuada interpretación que supón a proposta textual de Arias Freixedo (2016b) resultan convincentes para unha cantiga baseada na equivocatio e nas referencias múltiplas. Deste xeito, transparece boudanha como planta cucurbitácea (Bryonia cretica), que recibe nomes diversos (port. erva boudanha ou boudanha, gal. saltasebes, nabo caíño, nabo da noula etc.)1 , cuxa raíz, de forma fálica, é denominada nabo ou rabo con diversos cualificativos. Deste modo, ademais da alusión á midida a través da boudaña, que segundo o Padre Sarmiento, ten «hoja de parra y un horroroso nabo» (cfr. RILG, s.v. boudaña), por baixo podería estar o nome Boudanha como alcume dalgún personaxe real, que, de facto, xa se rexistra en documentos dos anos 1279, 1319, 1346 e 1349 como moi probábel alcume de Fernan e Pero Vaasquez (vid CGPA, s.v. boudana).

  1. ^

    Tamén existem varios topónimos na Galiza coa forma A Boudañeira.

Procurar
    Não foram encontrados resultados