1388 [= RM 97,11]
Joan Fernandes, que mal vos talharon

Joan Fernandes, que mal vos talharon
essa saia que tragedes aqui,
que nunca eu peior talhada vi;
e sequer muito vo-la escotaron,
ca lhi talharon cabo do giron:
muit’i é corta, si Deus me perdon,
porque lhi cabo do giron talharon.
E, porque vos lhi talharon atanto
so o giron, vo-la talharon mal,
Joan Fernandez; ar direi-vos al:
pois que dela non tragedes o manto,
saia tan curta non conven a vós,
ca muitas vezes ficades en cos
e faz-vos peior talhado ja-quanto.
Non vos vestides de saia guisado,
pois que a corta queredes trager,
ante fazedes i vosso prazer,
ca na corta sodes vós mal talhado,
e a longa estar-vos-ia ben,
e a mui corta, senher, non conven
a vós, que sodes cortês e casado.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 

Manoscritti


B 1370 (ff. 292v, col. b, 293r, col. a), V 978 (f. 156r, col. a)
[Cantiga de Escarnio e mal dizer]

Edizioni


I. Edicións críticas: Bertolucci Pizzorusso (1992 [1963]: 152); Lapa (1970 [1965]: 447 [= LPGP 645-646]); Lopes (2002: 321); Littera (2016: II, 145).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 335); Braga (1878: 184); Machado & Machado (1958: VI, 104-105).
III. Antoloxías: Álvarez Blázquez (1975: 85-86); Tavares & Miranda (1987: 98); Marcenaro (2006: 138-140).

Varianti manoscritte


1 vos] om. B   6 i] om. V   8 vos] om. V; talharon] thalarō B   9 talharon] thalarō B   10 Fernandez] f̃nandz V   13 cos] tos V   14 ja-quanto] ia ꝙ̄nto V   16 corta] certa BV   17 ante] Aute B   20 e a] ca V   21 casado] tasado V

Varianti editoriali


1 Fernandes] Fernández Lopes : Fernandéz Littera; vos] vus Bertolucci Pizzorusso   8 vos] vus Bertolucci Pizzorusso   10 vos] vus Bertolucci Pizzorusso   14 vos] vus Bertolucci Pizzorusso   15 vos] vus Bertolucci Pizzorusso   16 corta] curta Bertolucci Pizzorusso   19 vos] vus Bertolucci Pizzorusso   20 e a] ca Bertolucci Pizzorusso, Lapa

Parafrasi


(I) Joán Fernández, que mal vos cortaron ese saio que traedes posto aquí, que eu nunca vin un peor cortado; e mesmo volo encurtaron moito, porque lle cortaron na parte inferior: moi curto é aí, así Deus me perdoe, porque lle cortaron nos baixos.
(II) E porque lle vos cortaron tanto por baixo da roda, cortáronvolo mal, Joán Fernández; e aínda vos direi outra cousa: xa que non traedes o manto que lle é propio, un saio tan curto non vos convén, pois moitas veces ficades en roupa interior, o que vos fai parecer un pouco peor feito.
(III) Non vos vestides con saio como é debido, porque o queredes traer curto –mesmo facedes así o que vos prace−, pois coa curta parecedes mal feito e a longa habíavos estar ben; e a moi curta, señor, non vos convén a vós, que sodes cortés e casado.

Metrica


Esquema métrico: 3 x 10’a 10b 10b 10’a 10c 10c 10’a (= RM 161:158)

Note


Testo
  • *

    Joan Fernandes é probabelmente o mesmo personaxe que aparece nas cantigas de Martin Soarez (tamén en UC 1385), Joan Soarez Coelho (UC 1422, 1423), Roi Gomez de Briteiros (UC 1562, 1563) e Afons’Eanes do Coton (UC 1627), como Joan Fernandiz ou Joan Fernandes.
    Este Joan Fernandez, un personaxe ligado ao mundo musulmán en todas as cantigas do ciclo, non foi até agora identificado con ningunha figura histórica coñecida, a pesar das suxestións do Projeto Littera (s.v. João Fernandes). Véxase tamén Marcenaro & González (2024, s.v. Johan Fernandez2).

    A cantiga baséase nun equívoco sobre os lexemas cortar e talhar, que nunha primeira lectura se refiren á confección defectuosa do saio, cortado de máis no extremo inferior, e nunha segunda lectura alude ao corte da pel que cobre o prepucio, isto é, á circuncisión ritual entre os musulmáns.

  • 1

    Esta cantiga mostra a concorrencia das formas Fernandez (v. 10) e Fernandes, a suxerir que o proceso de neutralización e mudanza da africada [dz] en prol da fricativa [z], posteriormente enxordecida, no sufixo patronímico -ez parece estar xa iniciado. Véxase tamén Joan Fernandiz noutros textos (cfr. nota a 1385.1).

  • 1-7

    Nótese a repetición da palabra rimante (talharon) nestes dous versos, feito que, en principio, constitúe unha anomalía na poética trobadoresca, sen relación con algúns artificios construtivos na rima. Tal reiteración rimática obsérvase esporadicamente ao longo do corpus: 14.48-50 (poderia), 524.9-11 (ei), 704.7-8 (eles), 734.19-20 (i), 783.22-23 (son), 821.16-17 (al), 838.7-11 (é), 879.19-20 (al), 923.10-11 (ei), 926.22-25 (ei), 935.18-20 (i), 1034.7-9 (quiser), 1043.14-15 (al), 1329.15-21 (vista), 1354.r1-r2, 1366.12-15 (i), 1387.10-14 (treedor), 1400.23-24 (arteira), 1470b.12-13 (én), 1477.23-25 (ali), 1506.2-3 (cantar), 1535.18-21 (i), 1540.14-18 (i), 1549.19-20 (én), 1633.8-14 (capa).

  • 4

    Escotar é ‘encurtar, cortar, cercear’, en liña con un dos significados presentes no léxico patrimonial (‘cortar as pólas ás árbores’). Cfr. TLPGP, s.v. escotar.

  • 5

    O galicismo giron é a parte da vestimenta que vai da cintura ao xeonllo (cfr. García-Sabell Tormo 1991: s.v. giron).

  • 5-7

    A locución prepositiva cabo de (tamén 149.5, 1342.17, 1382.10, 1507.15, 1509.5 e 1640.7) forma parte do conxunto de locucións construídas a partir da preposición cabo: de cabo (603.3), per cabo (1507.5) e en cabo de (1578.21). Cfr. nota a 326.19.

  • 14

    O pronome indefinido ja-quanto, nacido da aglutinación de ja e quanto, equivalente a ‘algo, un pouco’, ten certo uso na lingua trobadoresca (347.9, 395.6, 461.4, 559.14, 1508.11, 1529.14, 1555.22 e 1605.6) e, en xeral, na lingua medieval. Cfr. nota a 33.14.

  • 16

    A lección de BV permitiría ler certa, adxectivo que podería interpretarse no sentido de ‘que convén, axeitada’). Porén, toda a cantiga se articula co concepto de talhar e cortar e mais con corto e longo, con diversas reiteracións por estrofa.

  • 16-20

    Nótese a ambigüidade de corta (vv. 6, 16, 18, 20), forma variante e concorrente con curta (v. 12), mais tamén participio truncado de cortar. Véxase, por exemplo, nas Cantigas de Santa Maria:

    Pois que ouv’a mão corta, non podia ja dizer
    missa de Santa Maria e fillou-ss’end’a doer (CSM 206.35).

    Ou na Crónica Troiana

    Mais aquel fillo del rrey Ver tragía ẽno costado hũ trançõ de lança cõ seu ferro et cõ seu pendóm, et tragía o braço corto, et tã coytado vijña ia et tã a çerca da morte que adur podía ia falar (...) Et nõ conta cõmo nẽ por quen, pero diz que, en outro día de manãa, o acharõ iazendo morto en sua cama, cõmoquer que primeyrament fuj afogado et despois todo corto (cfr. CGPA, s.v., ed. R. Lorenzo).

  • 20

    A forma senher é unha variante provenzalizante de senhor, que tamén se rexistra en 375.16491.4, 578.10, 1324.18, 1388.20, 1473.5; a variante sinher aparece en 1396.12, 1431.29, 1500.13, 1644.23. E tamén se rexistra nas Cantigas de Santa Maria, sempre en posición de rima (CSM 5.75, 25.43, 245.51, 265.75, 296.28).

Cerca
    Nessun risultato trovato