I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 142 [= LPGP 135]); Lopes (2002: 132); Littera (2016: I, 142); Arias Freixedo (2017: 120).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 383); Braga (1878: 209-210); Machado & Machado (1958: VI, 193-194); Callón (2017: II, 150).
III. Antoloxías: Tavares & Miranda (1987: 359).
3 filha-lo] filhado B 4 torpes] corpes V 6 carreira] caireyra B : correyra V 7 augadeira] ādagueyra B 8 dou-m’ao demo] dō mao demor B
1 Ja-u] Já un Lapa : Já um Lopes, Littera; torpes] corpes Lapa, Lopes, Littera 4 ja-u] já un Lapa : já um Lopes, Littera; torpes] corpes Lapa, Lopes, Littera 6 Ja-u] Já un Lapa : Já um Lopes, Littera; torpes] corpes Lapa, Lopes 8 dou-m’ao demo] dou mao demo Lapa 9 ja-u] já un Lapa : já um Lopes, Littera; torpes] corpes Lapa, Lopes, Littera
(I) Nalgures se atopou con torpes que fixeron moi ben de vestir e logo llo deron; e el fixo un bo negocio ao collelo: nalgures se atopou con torpes Martin Galo, pois véxoo vestido e montado de a cabalo.
(II) Nalgures se atopou con torpes no camiño, porque o vexo andar con capa de augas, e, se non é así, véndolle a miña alma ao demo: nalgures se atopou con torpes Martin Galo, pois véxoo vestido e montado de a cabalo.
Esquema métrico: 2 x 10’a 10’a 10’b 10’B 10’B (= RM 42:10)
Encontros vocálicos: 7 capa‿augadeira; 8 a͜o
Esta cantiga, xunto con UC 1503, tamén de Airas Perez Vuitoron, forma un breve grupo de textos por volta dun descoñecido Martin Galo (cfr. tamén un conxunto similar arredor do xograr Martin do trobador Joan Garcia de Guilhade, UC 1510 e 1511).
O apelido ou alcume Galo era moi frecuente no período medieval, conforme se pode comprobar no Corpus Galego-Portugués Antigo, onde aparecen diversos personaxes con este nome (Galo ~ Gallo): Affomsso, Domingo, Fernan, Gonçalvo, Laurencio, Lopo, Meen... En calquera caso, polo momento a identidade deste Martin Galo segue a ser descoñecida, sen contarmos con propostas de identificación sólidas (Marcenaro & González 2024: Martin Galo, Don).
A cantiga probabelmente ten unha segunda lectura, se entendemos o termo torpe co valor de ‘sucio, de maos costumes’, que tiña turpis en latín, e sería unha alusión velada á condición de homosexuais pasivos daqueles con quen se encontrou no camiño, que lle ofreceron a súa capa. E para poder “vestila” tiña que montar “de cabalo” aos que lla ofreceran.
De igual maneira que quando concorre na lingua medieval coa forma u, de teor máis arcaico, as formacións adverbiais con ja tamén conviven no corpus, de modo que se rexistra ja-quando en 1012.18 e 1240.12, a carón de ja-u, que se reitera nesta cantiga (vv. 1, r2, 6) e que volve aparecer na cantiga 1419.32, en todos os casos con ja-u reconvertido xeralmente como ja un nas edicións anteriores á de Arias Freixedo. Cfr. notas a 33.14 e 347.9.
Con Lapa, a maioría dos editores estabelecen corpes no texto (vv. 1, 4, 6, 9) e aceptan a explicación lapiana: «Parece que corpes será un galicismo, indicador de qualquer peça de vestuário». Porén, en face dun hapax sen bases obxectivas, é preferíbel acollerse á lección maioritaria dos manuscritos, torpes (cfr. en 1650, v. 6 <corpe> B; v. 16 <corpe> V), que semella unha substantivación do adxectivo, que, alén de ‘parvo, ignorante’, pode participar tamén do valor que ten o substantivo torpidade ‘obscenidade’ (véxase nota a 628.3). De calquera xeito, o substantivo torpe reitérase en UC 1650 (vv. 6, 7, 15, 18, tamén co erro <c>/<t>), e tamén na prosa medieval:
Velido, direyte hũa parauoa que dise o sabyo: que sempre merca om̃e bem cõno torpe et cõno coytado (Crónica Geral Galega, cfr. CGPA, ed. Lorenzo).
A capa augadeira é unha capa longa para a choiva, de uso por parte de homes e mulleres. Para alén da substantivación aguadeira en Joan Baveca (tragedes / mal aguadeir’e esse balandrao; 1478.2), o sintagma rexístrase na prosa medieval (véxase CGPA, s.v):
Et tomarõlli as capas aaguadeyras et desnuarõnas dos outros panos, senõ dos briaas en que as leixarõ (Cronica Geral Galega, ed. R. Lorenzo).
E a condessa, assy como molher [que andava] ẽ romaria, com seus panos de doo que tragya e com sua capa [aguadeira] e com seu bordom e sua esportella e seu soombreiro na cabeça, foysse pera Leom, assy come romeyra, com dous cavalleiros (Crónica Geral de Espanha de 1344, ed. Cintra).
Nestes versos atéstanse dúas confusión similares derivadas de <n>/<u>: a primeira, <ā>/<au> afecta a augadeira, mentres que a segunda (<õ>/<ou>), na lección <dō> dou mostra un erro que é moi frecuente ao longo dos cancioneiros, especialmente en B: <cōsimento> cousimento (116.22), <guisõ> guisou (501.3), <uõ> vou (564.7), <õsara> ousará (589.3), <põco> pouco (591.9), <baratõ> baratou (729.5), <em car nõ> encarnou (877.21), <õui> ouvi (1233.12), <sõbe> soube (1505.1, 1509.7), <buscõ> buscou (1507.7), <nõtro> noutro (1509.1), <sõba> soub’a (1509.16), <cõsa> cousa (1510.1). E en V tamén se encontra o mesmo erro: <tornõ> tornou (603.15), <morõ> morou (865.12), <nõ> vou (1012.20), <cõtre> voutre (1015.17).