1407 [= RM 148,8]
Don Marco, ve[j]’i eu muito queixar

Don Marco, ve[j]’i eu muito queixar
Don Estevan de vós, ca diz assi
que, pero foi mui mal doent’aqui,
que vos nunca quisestes trabalhar
de o veer nen o vistes, mais ben
jura que o confonda Deus por én
se vos esto per caso non passar.
[E] qual desden lhi vós fostes fazer
nunca outr’om’a seu amigo fez,
mais ar fara-vo-l[o] outra vez
se mal ouverdes: non vos ar veer,
ca x’é el ome que x’á poder tal
ben come vós se vos ar veer mal
de vos dar én pelo vas’a bever.
Diz que o non guii Nostro Senhor
se vos mui ced’outr’atal non fezer
(non vos veer quando vos for mester),
poi-lo non vistes; aind’al diz peior
un verv’antigo, con sanha que á:
«como lhi cantardes, bailar-vos-á»,
ca non á por que vos baile melhor.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 

Manuscripts


B 1388 (ff. 296v, col. b, 297r, col. a), V 997 (f. 159v, cols. a-b)
[Cantiga de Escarnio e mal dizer]

Editions


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 615 [= LPGP 922]); Lopes (2002: 450); Lorenzo Gradín & Marcenaro (2010: 264); Littera (2016: II, 494); Correia (2021: 120).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 342); Braga (1878: 188); Machado & Machado (1958: VI, 125); Callón (2017: II, 102).
III. Antoloxías: Tavares & Miranda (1987: 324-325); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996c: 221).

Manuscript variants


6 jura] uira V   7 caso] casa BV   14 pelo] (pꝉo) pꝉo V; vas’a bever] na sabeuer B   18 aind’al diz] cumdal diz(er) V   20 bailar-vos-á] baylamꝯ a V

Editorial variants


1 ve[j]’i eu] vej’eu Lapa, Lopes, Littera, Correia : vej[o] eu Lorenzo Gradín & Marcenaro   4 vos] vós Lorenzo Gradín & Marcenaro   7 caso] casa Lapa, Lopes, Littera, Lorenzo Gradín & Marcenaro   8 [E]] om. Lapa, Lopes, Lorenzo Gradín & Marcenaro, Littera, Correia; fostes] fostes [i] Lapa, Lopes, Lorenzo Gradín & Marcenaro   9 om’a] home a Lopes, Littera   10 ar] ar [assi] Lorenzo Gradín & Marcenaro; vo-l[o] outra] vos eles outra Lapa : vo-lo [el] outra Lopes, Littera : vo-l’outra Correia   14 pelo] per lo Correia   16 outr’atal] outro tal Lapa, Correia

Paraphrase


(I) Don Marco, vexo eu Don Estevan queixarse moito de vós, pois di que, a pesar de ter estado moi doente aquí, que vós nunca fixestes o posíbel por ir velo e non o vistes, mais el xura que Deus o confunda por iso se isto non vos acaba nun preito xudicial.
(II) E o desdén que lle vós fixestes nunca outro home o fixo ao seu amigo, mais hávolo de facer tamén el noutra ocasión se vós tiverdes algunha doenza: non vos ir ver, pois el é home que ten ese poder igual ca vós, se tamén vos viñer mal de ter que vos dar de beber polo vaso.
(III) Di que o Noso Señor non o guíe se non vos fixer el moi axiña outra igual –non vos ver cando vos for preciso–, xa que vós non o vistes; e aínda di un vello proverbio peor, coa saña que ten: «como lle cantedes, así vos ha bailar», pois non ten por que vos bailar mellor.

Metrics


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10c 10c 10a (= RM 161:93)

Encontros vocálicos: 10 ma·is; 15 gui·i

Notes


Text
  • *

    Don Estevan ou Don Estevão (nesta cantiga citado no v. 2) é un personaxe escarnecido por tres trobadores: Roi Queimado (UC 1405, 1407), Joan Soarez Coelho (UC 1424, 1425) e Airas Perez Vuitoron (UC 1492, 1493, 1494, 1498)1 . Foi Ângela Correia quen propuxo a hipótese de que este nome encobre a figura do arcediano Joan Viegas de Portocarreiro, elixido arcebispo de Braga en 1244 por influencia de Sancho II, para conseguir fidelidades que precisaba pola situación problemática do final do seu reinado, mais que acabará atraizoándoo.
    Probabelmente a orixe do ciclo das oito cantigas compostas arredor de Don Estevan se deba a Soarez Coelho, que coa cantiga Atal vej’eu aqui ama chamada xa experimentara unha substitución antroponímica similar, co nome ama para designar Urraca Goterrez Moucha, da familia dos Meneses (véxase UC 274). No ciclo de D. Estevan, esta ‘máscara’ procedería, segundo Correia, do nome de D. Estevan Soarez, o antigo e prestixiado arcebispo de Braga, cuxas altas virtudes como diplomático e figura principal do reino contrastaban grandemente coas de Joan Viegas. Deste modo, a sátira contra este alcanza tamén á figura do rei, axiña substituído por D. Afonso III (en 1247). 

    Como acontece en varias das cantigas deste ciclo de Don Estevan, o autor xoga co duplo sentido do verbo veer: o de ‘visitar un enfermo grave’, mesmo para lle dar a extrema unción como podería ser o caso, mais tamén o sentido de ‘ver, ter o sentido da vista’.

  • 1

    Don Marco, segundo os datos de Ângela Correia (2021: 121-122) foi scriptor [‘notario’] do arcebispo da Guarda, don Vicente, unha figura de grande importancia na corte de Sancho II, onde ocupou o cargo de chanceler (até 1236). O seu afastamento da corte tivo graves consecuencias, pois foi a partir de aí que comezou o proceso de deposición de Sancho II até a súa substitución por Afonso III.
    A cantiga de Roi Queimado ataca a figura de D. Marco, “acusando-o de não lhe ter acudido em momento de doença grave; é ao notário de mestre Vicente que ameaça, com sanha (...) Tenha o caso da doença acontecido ou não, esta é, mais uma vez, uma forma inteligente de retratar alguém [Don Estevan, isto é, Joan Viegas de Portocarreiro] que não é respeitado nem mesmo pelos que, estando abaixo dele na hierarquia clerical, parecem ter mais conhecimento e até poder” (Correia 2021: 124).

  • 4

    Obsérvese a repetición da conxunción completiva que tras unha frase parentética: 

                            ... ca diz assi
    que, pero foi mui mal doent’aqui,
    que vos nunca quisestes trabalhar
    de o veer nen o vistes

  • 5

    No contexto, veer adquire tamén o valor de ‘visitar’, tal como acontece tamén na lingua moderna (véxase DRAG, acep. 2. ‘Facerlle unha visita a [alguén]’).
    A insistencia na cuestión da visión liga, máis unha vez, esta composición con outras do mesmo ciclo, onde a “cegueira” de Don Estevan é motivo recorrente: lémbrese, ademais, que o alcume de D. Estevão Soares era Torto, herdado de seu pai (véxase Correia 2016: 129).

  • 6

    Para alén da aparición de confunda en 115.27 (véxase nota), na lingua da poesía trobadoresca profana é xeral a forma cofonder, con evolución [nf] > [f] (véxase Ferreiro 1999: §101e), similar á variación inferno ~ iferno (véxase nota a 379.11), sendo minoritaria a forma máis conservadora confonder (só en 203.8, 216.10, 1050.5, 1224.15, 1407.6 e 1650.14). Con todo, a variación cofonder ~ confonder aparece con frecuencia nos cancioneiros: cofonder A vs. confonder B (197.28, 216.19), cofonder B vs. confonder A (194.7, 203.8, 216.10), cofonder B vs. confonder V (990.11, 1050.12, 19 e 22, 1497.19), cofonder V vs. confonder B (990.12, 1224.15, 1650.14). Cfr. nota a 379.11.

  • 7

    Tal como indica Correia, casa non ten sentido no contexto, razón que xustifica unha leve emenda na vogal final para caso ‘preito xurídico, proceso xudicial’, que acae no desenvolvemento conceptual da cantiga: “O que «Don Estevan» jura fazer, invocando para si próprio o castigo de Deus, de modo a reforçar a credibilidade das suas intenções (...) é processar juridicamente Don Marco pela afronta de o não ter socorrido quando esteve doente. O pronome «esto» refere-se ao ato de abandono de «Don Marco»: se aquilo, ou seja, a afronta do abandono não for tratada como um caso jurídico” (ib.: 121). Véxase un uso similar nun documento (en castelán) de 1451: 

    para que agora e de aqui en adelante en quanto nuestra merçed e voluntad fuer, seades nuestro Corregidor en la dicha nuestra villa e tener e vsar e excercer el dicho ofiçio de corregimiento por vos mesmo e seyendo enpedido, por caso legitimo, por vuestro logar teniente ydonio (véxase CGPA, s.v., ed. Rodríguez González).

  • 8

    É relativamente frecuente a omisión da copulativa inicial de estrofa (e de fiinda ou de verso) nos manuscritos, que nos permite neste caso restaurar a isometría versal. Casos semellantes documéntanse en 106.8, 151.7, 157.7, 163.11, 261.13, 293.8, 294.7 e 13, 332.7, 408.7, 447.7, 448.8, 490.19, 586.11 etc.

  • 10

    Consideramos que o verso computa como decasilábico, pois existen indicios suficientes para considerar que a contaxe bisilábica de mais ~ máis era un feito na lingua trobadoresca, nomeadamente a partir da análise das leccións manuscritas de preto dun centenar de pasaxes que apoian tal consideración métrica (Ferreiro 2016c). Tal contaxe exime de reintegracións diversas realizadas en anteriores edicións.

  • 14

    A lección <pꝉo> presenta unha abreviatura que debe ser desenvolvida como pelo (cfr. per lo en Correia). Véxase 73.12, 173.16, 283.20, 1186.12 etc.
    Conforme as pesquisas de Correia, o significado de vaso apunta para ‘copo, cáliz’, onde son servidos líquidos como a auga ou o viño. É máis, resulta moi convincente pensar que o verso é unha versión en romance da expresión que os trobadores e mais os personaxes envolvidos pola sátira coñecerían: Potestis bibere calicem, quam ego bibiturus sum? (Mt 20,22): “Exprime com ênfase inquestionável o sofrimento que «Don Estevan» pretende infligir a don Marco pela afronta recibida” (Correia 2021: 128).

  • 15

    Malia a posibilidade de interpretarmos que <guii> encobre a crase gui’i (= guia i), acreditamos en que estamos perante a P3 de presente de subxuntivo, cunha desinencia -i que achamos en máis textos: Senhor, Deus uos guij, na Crónica Geral Galega, é unha frase que, con variantes, se reitera na Demanda do Santo Graal (cfr. CGPA). Esta inusual terminación -i, fóra da súa presenza, sen regularidade, na P1 dos pretéritos fortes, só se pode achar nalgún substantivo (sangui), nalgúns adverbios (eiri, tardi, longi) e moi raramente nalgunha outra forma verbal allea ao pretérito, como sabi (109.20) ou rengi (1356.6). Véxase Mariño Paz (2009).

  • 16

    De novo apreciamos un erro no desenvolvemento da abreviatura presente na lección de BV (<out̃  tal>) que leva a outr’atal (ou outra tal) en lugar do outro tal presente en Lapa e Correia.

  • 19

    O vervo ‘proverbio popular’ que aparece no corpus, tamén se rexistra como elemento importante noutras composicións, con frecuencia no sintagma verv’antigo2  (Filgueira Valverde 1992: 168-169). Véxase 633.1, 697.16, 1124.4, 1312.4, 1521.7, 1640.4.

  1. ^

    As cantigas 1492 e 1493 tamén foron atribuídas a Meen Rodriguez Tenoiro, autoría recoñecida en Correia (2021).

  2. ^

    Na Crónica Geral de Espanha de 1344 recibe o nome de palavra antiga, sinónimo do sintagma consagrado na lírica trobadoresca: querote dizer hũa palavra antiga que diz assy: «Sempre homem merca bem com o torpe e com o coytado» (Cintra 1952-1990: III, 383).

Search
    No results