1250 [= Tav 64,4]
Amigo, mal soubestes encobrir

Amigo, mal soubestes encobrir
meu feit’e voss’, e perdestes per i
mí e eu vós, e oimais quen nos vir
de tal se guard’e, se molher amar,
filh’aquel ben que lhi Deus quiser dar
e leix’o máis e pass’o temp’assi,
ca vós quisestes aver aquel ben
de min que vos non podia fazer
sen meu gran dan’, e perdestes por én
quanto vos ant’eu fazia d’amor,
e assi faz quen non é sabedor
de saber ben, pois lho Deus dá, sofrer.
E ben sabedes camanho temp’á
que m’eu daquest’, amigo, receei
en que somos, e, pois que o ben ja
non soubestes sofrer, sofred’o mal,
ca, [pero] m’end’eu queira fazer al,
o demo lev’o poder que end’ei.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


B 1234, V 839

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 405-406); Zilli (1977: 136-137 [= LPGP 412]); Cohen (2003: 469); Littera (2016: I, 486).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 289); Braga (1878: 158); Machado & Machado (1956: V, 347-348).
III. Antoloxías: Arias Freixedo (2003: 446-447).

Variantes manuscritas


1 encobrir] encob(i)rir B : enco prir V   3 vir] uy B   9 sen meu gran] Se meu grã B   12 dá, sofrer] da a sofrer BV   15 somos] somus V   17 m’end’eu queira] mandeu q̅yta B   18 o demo lev’o poder] E demo leuo poder B : demo leue poder V; end’ei] andey B

Variantes editoriais


3 nos] nus Zilli   8 vos] vus Zilli   9 perdestes] perdeste Nunes   10 vos] vus Zilli   12 sofrer] a sofrer Nunes   15 somos] somus Zilli

Paráfrase


(I) Amigo, mal soubestes ocultar o meu feito e o voso, e por iso me perdestes a min e a vós, e de aquí en diante quen nos vexa de tal se garde e, se ama muller, tome aquel ben que lle Deus quixer dar e deixe o todo o demais e pase o tempo así, (II) pois vós quixestes ter aquel ben de min que eu non vos podía facer sen gran dano para min, e perdestes por iso todo canto eu antes vos facía de amor, e así fai quen non sabe sufrir o ben, despois de Deus llo conceder. 
(III) E, amigo, ben sabedes canto tempo hai que eu receei disto en que estamos e, pois que non soubestes sufrir o ben, sufride o mal, porque, aínda que eu niso queira facer outra cousa, o demo leve o poder que para iso teño.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10a 10c 10c 10b (= Tav 124:1)

Notas


Texto
  • *

    Esta cantiga, igual que UC 213, 270, 926 etc., presenta unha ligazón interestrófica coa copulativa e entre as estrofas II e III (con ligazón causal nas estrofas I-II) que facilmente, por medio dunha disposición tipográfica minúscula e unha puntuación máis leviana, se podería interpretar como unha cantiga ateúda. Véxase nota á cantiga 74.

  • 3

    Os pronomes persoais e vós, formas oblicuas tónicas, cumpren función de CD sen preposición (e perdestes per i / e eu vós), feito relativamente frecuente na lingua trobadoresca.

  • 12

    Sen dúbida, é espuria a preposición a introducida na copia da cantiga, produto da incomprensión do texto polo hipérbato que desloca sofrer, que provoca a aparición dunha pseudoconstrución *dá a sofrer: «e assi faz quen non é sabedor / de saber ben sofrer, pois lho Deus dá».

  • 13

    A voz camanho, que ten un significado conforme á súa orixe no lat. quam magnum ‘que grande, tan grande’, funciona como un adxectivo cualificativo na lingua medieval, e nunha ocasión forma estrutura correlativa con tamanho (< tam magnum): Non creo que tamanho ben / mi vós podessedes querer / camanh’a mí ides dizer (594.7-9).

  • 15

    É relativamente frecuente no Cancioneiro da Vaticana a presenza da terminación -us en voces en que é xeral a terminación -os (<somus>); na realidade, esta grafía aparece case exclusivamente en formas verbais de P4 e nomes masculinos plurais. A súa esporádica presenza, limitada aos apógrafos italianos, mostra que é produto do desenvolvemento da abreviatura <9> en posición final, abreviatura herdada do latín, onde funcionaba como desinencia de nominativo nos nomes da segunda declinación, rematados en -us.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado