1192 [= Tav 85,3]
Ai meu amigo

Ai meu amigo,
meu, per bõa fe, e non d’outra, per bõa fe, mais meu,
rog’eu a Deus, que mi vos oje deu,
que vos faça tan ledo seer migo
quan leda fui oj’eu quando vos vi,
ca nunca foi tan leda pois naci.
Bon dia vejo,
pois vos vej’aqui, meu amigo, meu, a la fe, sen al:
faça-vos Deus ledo, que pod’e val,
seer migo, meu ben e meu desejo,
quan leda [fui oj’eu quando vos vi,
ca nunca foi tan leda pois naci].
Meu gasalhado,
se mi valha Deus, e amigo meu e meu coraçon,
faça-vos Deus en algũa sazon
seer migo tan led’e tan pagado
quan leda fui oj’eu [quando vos vi,
ca nunca foi tan leda pois naci].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


B 1175, V 781

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 366 [= LPGP 577]); Reali (1964: 47-48); Cohen (2003: 410); Littera (2016: II, 39).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 269); Braga (1878: 147); Machado & Machado (1956: V, 272).
III. Antoloxías: Reckert & Macedo (1980: 76); Pena (1990: 128-129); Alonso Girgado (1992: 54).

Variantes manuscritas


2 bõa] boa B   4 faça tan ledo] faza tau ledo V   7 Bon dia vejo] Bon dia ueio :- // Bō dia ueio  B   9 faça] Faca B : faza V; Deus] des V   14 e amigo] Cuiergo B : cuiergo V   15 faça] faza V

Variantes editoriais


En Nunes Cohen, Reali e Littera a cantiga é isométrica, con versos decasilábicos agudos, sen rima nos vv. 2 e 4 de cada estrofa.

6 foi] fui Littera   12 foi] fui Littera   18 foi] fui Littera

Paráfrase


(I) Ai meu amigo, meu, abofé, e non doutra, abofé, senón meu, rogo a Deus, que me vos hoxe deu, que vos faga ser tan feliz comigo como feliz fun eu hoxe cando vos vin, que nunca fun tan feliz des que nacín
(II) Feliz día é este, xa que vos vexo aquí, meu amigo, meu, abofé sen outra cousa: que Deus, que pode e vale, vos faga ser feliz comigo, meu ben e meu desexo, como feliz fun eu hoxe cando vos vin, que nunca fun tan feliz des que nacín
(III) Meu namorado, así me valla Deus, e meu amigo e meu corazón, que Deus vos faga nalgún momento ser tan feliz comigo e tan satisfeito como feliz fun eu hoxe cando vos vin, que nunca fun tan feliz des que nacín.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 4’a 15b 10b 10’a 10C 10C

Notas


Texto
  • *

    Toda a cantiga está construída sobre a idea da posesión do amigo, especialmente expresa nos vv. 1-2 (lémbrese o sintagma amigo d’outra en 1187.2): Ai meu amigo, / meu, per bõa fe, e non d’outra, per bõa fe, mais meu. Similares formulacións poden verse noutras cantigas: 744 (Afonso Meendez de Beesteiros), 1004 (Roi Martiinz d’Ulveira), 1008 (Joan Airas), 1012 (Joan Airas), 1024-1025 (Joan Airas), 1098 (Pedr’Amigo de Sevilha).

    Cohen, que edita a cantiga coa presentación métrica (regular, en versos heptasilábicos) de Nunes (e de Littera), apunta con acuteza a existencia de rimas internas, agora rimas efectivas coa disposición métrica que adoptamos (proposta por Montero Santalla 2000: 583-584).

  • 6

    Foi é a forma xeral de P3 de pretérito de seer (e de ir), mais tamén aparece como forma de P1, tal como acontece neste verso: a pesar de que en xeral se estabelece unha oposición P1 / P3, fui (< fŭī) / foi (< fŭĭt), debido á acción metafónica de -ī final nalgúns pretéritos fortes (cfr. tamén fiz vs. fez, sive vs. seve, tive vs. teve etc.), foi pode ser tamén resultado de P1, o mesmo que fui aparece de modo esporádico como forma de P3 (sen efecto metafónico, por tanto, ou con xeneralización analóxica de unha ou outra persoa).

  • 7

    B reproduce, a seguir do último verso do refrán da estrofa I (v. 6), tal e como aquí se edita, un segmento, <Bon dia ueio :->, ausente en V, que se marca como pertencente ao refrán, e que estaría abreviado, contradicindo as normas habituais de copia deste elemento na lírica profana galego-portuguesa. Quizais a copia deste segmento de deba a un erro por anticipación de copista, xa que é o que inicia o verso da estrofa seguinte, e que pode vir apoiado polo cambio de folio.

  • 10

    A invocación ao amigo como meu ben e meu desejo é única neste corpus.

  • 13

    Nótese como o substantivo gasalhado, que en xeral ten a acepción de ‘pracer (compartido)’, é utilizado nesta composición (e mais en 1487.15) co valor de ‘amigo, namorado’.

  • 14

    Os dous apógrafos italianos subministran a unánime lección, obviamente errada, <cuiergo> (con maiúscula inicial en B) que debe ser emendada conforme o sentido e os indicios que fornece a paleografía. A emenda ten de ser e amigo, a formar parte do quiasmático apelativo amigo meu e meu coraçon, que ten o seu reflexo en Don Denis: meu amig’e meu coraçon (599.9); na realidade, é unha estrutura tripartida que se desenvolve nos vv. 9-10: meu gasalhado e amigo meu e meu coraçon.

    Do punto de vista paleográfico, a partir de <cuiergo> non existe problema ningún para extraer a copulativa da común confusión <c>/<e>; outrosí, é moi frecuente tamén o erro <u>/<a>: amar <a mar> B, <amur> V (924.15); fazer <fuzer> B, <fazer> V (965.3); fala <fula> B, <fala> V (1004.23); aquesto <usto> B, <asto> V (1279.16); caçurr’e <cacurre> B, <cuçurre> V (1489.27); pecado <paudo> B, <perudo> V (1614.2) etc.; finalmente, aínda ficaría un erro <ie>/<m> que non achamos nos cancioneiros, aínda que si localizamos <ie>/<u> (lémbrese o doado intercambio <u>/<n> e os frecuentes erros <n>/<m>) no Cancioneiro da Vaticana: eu <eu> B, <eie> V (1169.2).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado