1395 [= RM 125,14]
Fernand’Escalho vi eu cantar ben

Fernand’Escalho vi eu cantar ben,
que poucos outros vi cantar melhor,
e vi-lhe sempre, mentre foi pastor,
mui boa voz e vi-o cantar ben;
mais ar direi-vos per que o perdeu:
ouve sabor de foder, e fodeu,
e perdeu todo o cantar por én.
Non se guardou de foder, e mal sén
fez el que non poderia peor;
e an-lh’as gentes por én desamor,
per bõa voz que perdeu con mal sén:
voz de cabeça, que xi lhi tolheu,
ca fodeu tanto que lh’enrouqueceu
a voz e ora ja non canta ben,
ca Don Fernando conteceu assi:
de mui bõa voz que soia aver
soube-a per avoleza perder,
ca fodeu moç’e non canta ja assi,
ar fodeu pois mui grand’escudeiron,
e ficou ora, se Deus mi perdon,
con a peior voz que [eu] nunca vi.
E ora ainda mui grand’infançon
si quer foder, que nunca foi sazon
que máis quisesse foder, poi-lo eu vi.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 

Manuscripts


B 1377 (f. 294r, col. b, 294v, col. a), V 985 (f. 157r, col. b)
[Cantiga de Escarnio e mal dizer]

Editions


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 560-561); Blasco (1984: 249 [= LPGP 817-818]); Lopes (2002: 409); Marcenaro (2012b: 367); Littera (2016: II, 370-371); Arias Freixedo (2017: 331).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 337); Braga (1878: 185); Fernández Pousa (1953: 32); Machado & Machado (1958: VI, 112-1113); Callón (2017: II, 91).
III. Antoloxías: Tavares & Miranda (1987: 97); Arias Freixedo (1993: 58-59); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996c: 204); Neves (2004: 97-98).

Manuscript variants


1 Escalho] esc(h)alho V   2 outros] outrus V   4 cantar] catar B   9 fez el] Fel el B : felel V   10 e an] can V   11 voz] uos B; con] co V   12 voz] Vos B; cabeça] cabeza V   13 enrouqueceu] enirouq̅çeu B : enrrouq̅zeu V   14 e ora] cora V   15 ca] E a B   16 voz] uos B   21 voz] uos B   22 infançon] infancō B : infanzō V   23 que nunca foi sazon] (poylo eu ui) q̄ nūca foy sazō V

Editorial variants


4 boa] bõa Marcenaro   5 vos] vus Blasco   9 fez el] fel’el Blasco   15 ca] E a Lapa, Lopes, Marcenaro, Littera, Arias Freixedo   21 que [eu] nunca vi] que nunca oi Lapa, Lopes, Littera, Arias Freixedo : que nunca vi Blasco   22 ora ainda] or’avida Lapa : ora ajuda Lopes   23 si] se Lapa : s’i Littera, Arias Freixedo

Paraphrase


(I) Vin eu cantar moi ben a Fernando Escallo —poucos outros vin cantar mellor— e sempre lle vin, mentres el foi novo, ter moi boa voz e cantar moi ben; mais tamén vos direi por que o estragou todo: tivo ganas de foder e fodeu, e estragou todo o cantar por iso. 
(II) Non se privou de foder, e cometeu o peor erro que podería cometer; e por iso a xente o odia, porque por falta de xuízo perdeu a boa voz que tiña, unha voz en falsete que se lle estragou porque fodeu tanto que lle enrouqueceu a voz, e agora xa non canta ben, (III) porque a don Fernando así lle aconteceu: perdeu por unha vileza aquela moi boa voz que adoitaba ter, pois fodeu mozo e xa non canta así; tamén fodeu despois moi grande escudeirón, e ficou, Deus me perdoe!, coa peor voz que nunca ouvín. 
(1) E agora moi grande infanzón quere foder aínda, pois non houbo tempo en que máis quixese foder, desde que eu o vin.

Metrics


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10c 10c 10a (= RM 161:80) + 10c 10c 10a
Encontros vocálicos: 16 so·i·aa·ver; 18 jaassi; 22 oraa·in·da; 24 -loeu

Notes


Text
  • *

    Esta cantiga está incluída no conxunto de composicións escarniñas de Pero Garcia Burgales (UC 1390-1403), feito indicado pola rúbrica que antecede UC 1390: Pero Garcia fez estas cantigas, e son d’escarnh’e de mal dizer.

    Fernand’Escalho é a figura satirizada en tres cantigas de Pero Garcia Burgales (UC 1394, 1395, 1396), xunto con outras dúas composicións que presentan alusións puntuais ao mesmo personaxe: UC 1436 (Roi Paez da Ribela) e 1613 (Pero d’Ambroa). De todos os modos, tanto Fernand’Escalho como Don Estevan nun escarnio de Pedr'Amigo de Sevilha (UC 1672) parecen ser nomes alternativos a Fernan Diaz, personaxe central do ciclo satírico de que forman parte diversas cantigas de Pero Garcia Burgales (UC 1393 e 1397), Airas Perez Vuitoron (UC 1499 e 1500), Estevan Faian (UC 1580) e Pero da Ponte (UC 1661), xunto con, talvez, UC 1524, de Vaasco Perez Pardal. Unha diferente identificación de Fernand’Escalho pode verse en Marcenaro & González (2024: s.v. Fernand’Escalho).
    Este personaxe literario foi identificado por Beltran (2000, 2001) con Estevan Fernandez de Castro, o poderoso dirixente da liñaxe galega dos Castro, señor de Lemos, que foi adiantado-mor de Galiza (1265-1273) até o momento en que participou na rebelión dos nobres contra Afonso X. Tras a paz entre a monarquía e o estamento nobiliario, foi nomeado pertegueiro de Santiago (1276) e tamén meiriño-mor de Galiza desde 1278 (seguindo esta hipótese de identificación, véxanse tamén as consideracións e interpretacións ao respecto sobre este ciclo de cantigas en Callón 2025: 211-231). De todos os modos, Marcenaro & González (2024: s.v. Fernan Diaz) consideran “scarsamente verosimile” a identificación entre Fernan Diaz e Fernandez de Castro.

  • 2

    É relativamente frecuente no Cancioneiro da Vaticana a presenza da terminación -us en voces en que é xeral a terminación -os (<outrus>); na realidade, esta grafía aparece case exclusivamente en formas verbais de P4 e nomes masculinos plurais. A súa esporádica presenza, limitada aos apógrafos italianos, mostra que é produto do desenvolvemento da abreviatura <9> en posición final, abreviatura herdada do latín, onde funcionaba como desinencia de nominativo nos nomes da segunda declinación, rematados en -us.

  • 6

    O verbo foder (do lat. futuere), voz escatolóxica reiterada nos vv. 8, 13, 18, 19, 23 e 24, tal como outros termos pertencentes ao ámbito sexual (caralho, cono, peer etc.) non parece ter abandonado o ámbito da oralidade para o texto escrito, agás nas cantigas satíricas, única produción en que o achamos. Non obstante, o verbo foder é a voz deste ámbito máis representada nos escarnios, con máis de 100 rexistros (incluídos os participios e formas substantivadas e excluíndo outras formas derivadas) pretencentes a 17 autores, en 31 cantigas: Afons’Eanes do Coton (UC 1589, 1591, 1598), Afonso X (UC 491), Airas Perez Vuitoron (UC 1495), A. Gomez (UC 877), Estevan da Guarda (UC 1334, 1335), Fernand’Esquio (UC 1614), Joan Garcia de Guilhade (UC 1508, 1509, 1510, 1511), Joan Servando (UC 1440), Joan Soarez Coelho (UC 1419, 1422, 1426, 1427, 1435), Joan Vaasquiz de Talaveira (UC 1567), Martin Moxa (UC 919), Martin Soarez (UC 1376, 1386), Meen Rodriguez de Briteiros (UC 1347), Pero da Ponte (UC 1638, 1651, 1659), Pero Garcia Burgales (UC 1394, 1395), Pero Martiiz (UC 1430), Vaasco Perez Pardal (UC 1525).
    Alén da lírica profana é certamente extraordinaria a aparición do verbo noutro tipo de textos. É significativo que tamén se rexistre nunha composición escarniña do Cancioneiro Geral de Garcia de Resende (Dias 2003: VI, s.v. foder):

    diz que tu,
    quando naceo Barzabu,
    eras ja diabo feito.
    E que jaa entam fodias
    e ias contr’òs inimigos.

    En textos alleos á poesía, só atestamos o verbo nunha pasaxe de Fernão Lopes na Crónica de D. Fernando que debe recoller un proverbio: e dizam-lhe alguus que juras de foder nom eram pera creer (cfr. CdP, s.v.).

  • 9

    Blasco mantivo a lección de BV, interpretando a secuencia como fe-l’el; isto é, fez+lo+el.

  • 11

    Obsérvese o continuado erro <uos> voz en B (vv. 11, 12, 16, 21), feito que xa se rexistra na cantiga de Afonso X sobre o meestre Joan, músico cantor satirizado en UC 487.

  • 12

    A voz de cabeça é así chamada porque o son parece vibrar nos ósos da cabeza. Equivale ao falsete, isto é, voz masculina emitida máis aguda, para alcanzar os rexistros das voces femininas.

  • 13

    A formación lexical enrouquecer é romance, pois é verbo derivado de en- + rouco + -ecer (cfr. Ferreiro 2001: §515b).

  • 15

    Este verso presenta unha coincidencia case total con 1393.15, tamén de Pero Garcia Burgales (ca Don Fernando conteceu-lh’assi), cunha particularidade: obsérvese como a preposición a non é utilizada para introducir o CI, Don Fernando, sen dúbida pola presenza de ca, do mesmo modo que acontece nas frecuentes construcións amar máis ca mi(n)/sí (nen al), querer melhor ca mí/min etc.
    De todos os xeitos, a diferenza da cantiga 1393, consideramos que neste caso o Cancioneiro da Biblioteca Nacional presenta a lección errada <E a> (cfr. <Ca> en V), que xeraría hipermetría no verso, embora todos os editores se acollan a ela. Véxase nota a 744.7.

  • 17

    A voz avoleza ‘vileza, maldade, baixeza’ (tamén en 888.11 e 1642.1) é substantivo formado sobre o provenzalismo ávol (< avol + -eza), sen máis atestacións nas cantigas profanas (está presente nas Cantigas de Santa Maria, véxase Mettmann 1959-1972: IV, s.v. avol).

  • 18-22

    Nos termos moço (v. 18), escudeiron (v. 19) e infançon (v. 22) radica un equívoco, pois tanto se poden referir a Fernando Escalho en diferentes etapas da súa vida (sendo mozo, logo sendo escudeiro e agora infanzón) como a tres homes diferentes con quen tivo ou quere ter relacións homosexuais.

    Escudeiron presenta o sufixo aumentativo -on, que recolle tamén valores despectivos, como se pode comprobar noutras formacións similares, como clerigon (1679.1) ou jograron (1384.11, 1419.5).

  • 21

    Para resolver a hipometría do verso acudimos á reintegración do suxeito eu (proposta por Marcenaro), pois a emenda de vi para oi está desaconsellada pola permanente asociación veer cantar que se detecta na composición (vv. 1, 2, 3, 4, 24), para alén da frecuencia da cláusula que eu nunca vi ao longo do corpus (130.19, 175.5, 218.1, 1197.2, 1406.12, 1469.21).

  • 22

    A partir das leccións <amda> B e <āida> V Manuel Rodrigues Lapa estabelece un provenzalismo avidar que así xustifica no Glossário da súa edición do cancioneiro satírico: «Este termo, não dicionarizado, parece-nos ermergir dos Cancioneiros onde anda por vezes confundido com ajudar por uma dupla conspiração da forma gráfica e do valor semântico, bem aproximado. Em provençal significa “animar, sustentar, dar vida”, e esse sentido, a que se pode juntar o de “favorecer, apoiar, engrandecer”, conservou em português arcaico». A mesma voz é tamén fixada por Lapa en 1628.2 (ajuda) e 1652.31 (ajudar).

Search
    No results