1438 [= RM 77,11]
Ess[a] sela muito dura

Ess[a] sela muito dura,
e dana-s’a pregadura,
mais non a for de Castela.
Ai novel, non vos á prol de tragerdes máis a sela!
Ja a sela dana mal
e quebra o peitoral
per u se ten a fivela.
Ai novel, non vos á prol [de tragerdes máis a sela!]
Ja s’a sela vai usando,
e dixo Joan Servando,
que muito vosco revela:
«Ai novel, non vos á prol [de tragerdes máis a sela!]».
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 

Manuscritos


V 1028 (f. 166r, col. b)
[Cantiga de Escarnio e mal dizer]

Edições


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 346 [= LPGP 503]); Lopes (2002: 235); Littera (2016: I, 591).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 355); Braga (1878: 195); Machado & Machado (1960: VII, 127); Camargo et alii (1990: 50).
III. Antoloxías: Landeira Yrago (1975: 228); Tavares & Miranda (1987: 241-242).

Variantes manuscritas


1 E se sela muyto dum V   2 dana] daua V   4 vos] uos V   5 dana] daua V   6 peitoral] pey rural V   7 ten a fivela] cē affinela V   8 novel ... vos] uouel ... uos V   12 vos] uos V

Variantes editoriais


En Lapa, Lopes e Littera o refrán de cada estrofa divídese en dous versos heptasilábicos (Ai novel, non vos á prol / de tragerdes mais a sela!).
1 Ess[a] sela] É sa sela Lapa, Lopes, Littera   2 dana-s’a pregadura] dana sa pregadura Lapa   5 Ja a sela dana mal] Já [s’]a sela dana mal Lopes, Littera

Paráfrase


(I) Esa sela moito dura e dánanse os cravos, mais non é conforme ao foro de Castela. Ai cabaleiro novel, non vos aproveita nada traerdes a sela por máis tempo!
(II) A sela causa danos e rompe o cinto do peito por onde se prende a fibela. Ai cabaleiro novel, non vos aproveita nada traerdes a sela por máis tempo!
(III) A sela xa vai moi usada, e dixo Joan Servando, que moito discute convosco: «Ai cabaleiro novel, non vos aproveita nada traerdes a sela por máis tempo!».

Métrica


Esquema métrico: 7’a 7’a 7’b 14’B (I, III) + 7a 7a 7’b 14’B (II)

Notas


Texto
  • 1

    A lección de V foi emendada polos anteriores editores, que estabeleceron É sa sela muito dura. Sendo necesaria unha emenda, preferimos estabelecer o demostrativo a partir da deficiente lección de V (<E se> Ess[a]), considerando durar como verbo, con perfecta coherencia discursiva co desenvolvemento da cantiga).

  • 2

    A pregadura é a serie de pregos ou cravos que neste caso aseguran e adornan a sela da cabalaría. Véxase o termo en dous documentos (cfr. CGPA): 

    Iten mando pagar a Maria Oueques LXXX mor. et mays mea ferrada de Çeuada et ela que entrege una pregadura de prata que de min ten (doc. 1391, ed. Cal Pardo);

    E con condiçon que o dito Antonyo G(om)es e suas vozes mantennan e reparen a dita casa de pedra e tella e madeyra e pregadura e de todo e que lle fecese mester en tal manna que se non parta por mingoa de reparamento (doc. 1487, ed. Sánchez Carrera).

  • 3

    Obsérvese que for é forma apocopada de foro na locución a for de, tal como, por exemplo, a/en cas de (de casa). De todos os xeitos, na lingua medieval conviven as dúas formas. Eis nas Cantigas de Santa Maria:

    Naquel logar s’ajuntaron d’ omees mui gran conpanna 
    que luitavan e fazian gran festa, a for d’Espanna (CSM 198.12).

    ...; mais mui grand’esforço fillou, a foro d’Espanna,
    e de consomir-lo todo non vos foi mui vagaroso (CSM 225.23).

    A forma apocopada aparece tamén no Cancioneiro Geral de Garcia de Resende:

    foi na Ilha contrafeito,
    de seu jeito,
    aa guisa de Miquinez,
    a for de mouro focem,
    das onças passa de dez,
    todas mociças d’argem (Dias 1993: III, 226).

  • 4

    Novel é adxectivo substantivado nesta pasaxe (‘cavaleiro novato’) que sempre aparece asociado a cavaleiro nos textos medievais que o atestan (véxase CGPA, CdP).

  • 5

    A posibilidade de “regularizar” a estrofa recuperando o uso pronominal de danar (Ja [s]’a sela dana mal) é unha opción a considerar (de feito, así o fixeron Lopes e Littera).

  • 6

    O peitoral, isto é, a correa da sela que cinxe o peito do cabalo, é voz sempre asociada ao mundo das cabalarías e da equitación:

    Et quebrantoullj as çĩtas et o peytoral, et caeu el et a sela pelas ancas do caualo, asi que coydarõ que era morto (Cronica Geral Galega, cfr. CGPA, ed. R. Lorenzo).

  • 7

    Alén da presenza das fivelas nunha cantiga de amigo de Pero Gonçalvez de Portocarreiro (920.19), achamos dous rexistros na produción medieval (CGPA):

    Et ẽna çinta que el tragia a rredor avia oyto palmos sen aquela que se depondoraua de la fiuela a fondo (Miragres de Santiago, ed. Pensado).

    çapatos de cordován, quer con fivelas ou sen elas et encabeçaduras de botas con prego ou sen él, VI mrs. (doc. 1441, ed. Ferro Couselo). 

  • 10

    Obsérvese a aparición da variante dixo (forma palatalizada e coa desinencia analóxica -o de P3 a partir do inicial disse), atestación única nas cantigas profanas (cfr. disso). Véxase nota a 203.10.
    Por outra banda, a Joan Garcia de Guilhade, o trobador con máis cantigas con autonominatio (UC 757, 760, 762, 768, 772, 784, 1432, 1434), debemos sumar o nome de Joan Servando, presente directamente nesta cantiga e mais en 1441.17, e tamén o de Joan Airas (1485.4 e 15).

Procurar
    Não foram encontrados resultados