1320 [= RM 30,15]
En preito que Don Foan á

En preito que Don Foan á
con un meestre á gran caston,
e o meestre pressopon
o de que o dereit’está
tan contrairo, per quant’eu vi,
que, se lh’outren non acorr’i,
o meestre dequeerá.
Mais, se decae, quen sera
que ja dereito nen razon
for demandar nen defenson
en tal meestre, que non
en seu feit’ajuda de ,
mais levará, per quant’oi,
quen lh’o dereito sosterra?
Ca o meestre entende ja,
se decaer, que lh’é cajon
antr’os que leterados son,
onde vergonha prenderá
d’errar seu dereito assi;
e quen esto vir, des ali
por malandante o terrá.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 

Esta cantiga de cima foi feita a un meestre de leis que era manco d’ũa perna e çopegava dela muito.

Manuscritos


B 1303, V 908

A rúbrica foi copiada por Angelo Colocci en B antes do inicio da composición. No Cancioneiro da Vaticana está situada no final da cantiga.

Edições


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 167 [= LPGP 253]); Pagani (1971: 102); Lagares (2000: 133 [rúbrica]); Lopes (2002: 496); Littera (2016: I, 261-262).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 308-309); Braga (1878: 169-170); Machado & Machado (1958: VI, 27-28).
III. Antoloxías: Tavares & Miranda (1987: 337-338).

Variantes manuscritas


2 caston] casto V   5 contrairo, per] coitaro pre B   11 meestre] uieestre V   12 en] Eu B; ajuda] auida V   14 quen lh’o dereito sosterra] Ꝗwlh o deirito sosteira B   16 que] qw B   19 dereito] deato V

Variantes editoriais


Rúbrica: d’ũa] d’una Pagani; çopegava] sopegava Lopes, Littera

Texto: 21 malandante] mal andante Lapa, Pagani, Lopes, Littera

Paráfrase


(I) Nunha demanda que Don Fulano ten cun mestre (de leis) ten un gran problema, e o mestre presupón que o dereito está tan contrario (á súa parte), por canto eu vin, que, se non lle axuda outro aí, o mestre perderá o caso.
(II) Mais, se decae, quen será o que xustiza ou razón ou defensa irá procurar en tal mestre, que non se dá axudado a si mesmo no seu propio caso, senón que levará, polo que ouvín, quen lle sosterá o dereito? (III) Porque o mestre entende xa que, se decaer, lle será un prexuízo moi grande entre os que son letrados, de modo que sentirá moita vergoña por errar o dereito así; e quen o vir desde entón o terá por desgrazado.

Esta cantiga de cima foi feita a un mestre de leis que era tolleito dunha perna e coxeaba moito dela.

Métrica


Esquema métrico: 8a 8b 8b 8a 8c 8c 8a (= RM 161:242)
Encontros vocálicos: 2 me·es·treá; 15 me·es·treentende

Notas


Rubrica
  • A voz manco, do lat. mancum ‘carente de unha ou dúas mans e/ou brazo(s)’, na lingua medieval indica, tal como na rúbrica, a persoa privada de unha perna. Así o testemuñan, por exemplo, as Cantigas de Santa Maria, moi especialmente nunha cantiga, onde liga çopos e mancos (véxase tamén CSM 268.27): 

    ca ali mostrava ela muitos dos miragres seus
    en guarir çopos e mancos e cegos alumẽar (CSM 316.28).

    O mesmo significado se aplica nos animais; véxanse dous excertos do Livro da Montaria, de D. João I de Portugal:  

    Outrosi sejam percebidos todollos monteyros que non prendam os allaãos pera fazerem presos, a menos que non ajam acabado o anno, ca de certo está que, se os prendessem, que todos saem mancos das pernas (...) ca, se am rijas as unhas, como querem correr logo se lhes estacham e ficam os caães por ello mancos (cfr. CGPA, s.v., ed. A. de Almeida Calado).

    Por outra parte, a voz çopegar, sinónima de coxear (cfr. UC/Glosario, s.v. çopo) conta con escasas ocorrencias no período medieval. Eis documentacións explícitas nos Miragres de Santiago e mais na tradución do Liber medicina equorum

    Et a coixa cõ sua perna que ante era sequa tornou en sua força, et sen ajuda de nĩhũu andey sobre los pees çopegando hũu pouquo (Miragres de Santiago; cfr. CGPA, ed. Pensado).

    Contece aas uezes que por cajon nas junturas ou nos geollos ou nos pees ou en outra parte do cavalo entra espina ou estrepe ou escadea de madeiro e fica ontre a carne en algũa maneira; daquela chaga incha todo arredor e ás vezes toda a coixa moormente se a espiña ou a escadea tangen algũu nervo, que faz o cavalo çopegar (Pérez Barcala 2013: 192).

Texto
  • *

    Ao longo da composición conviven duplos sentidos, xurídico e físico, de decaer (‘non conseguir defender un caso / caer’), estar o dereito contrairo, errar seu dereito (‘non haber base xurídica / estar contrario ao que está dereito’), acorrer, sosteer (‘axudar na defensa / axudar a manterse en pé’), malandante (‘desgrazado / que anda mal’).

  • 1

    Foan (voz procedente do ár. fulan ‘unha persoa calquera’), xunto coa variante Foão, é palabra utilizada para evitar nomear a persoa. Sobre a variación Foão ~ Foan e as alternancias nesta forma, véxase nota a 484.1.

  • 2

    O termo caston (‘asunto, cuestión’) ten de derivar do lat. questionem, con evolución regular do grupo inicial que- con perda do elemento labiovelar e desaparición de iode na terminación (-tiōnem), así como unha posterior disimilación eo > ao, que fai confluír esta voz con caston (procedente do francés, cfr. caston na cantiga 1393 de Pero Garcia Burgales) co significado de ‘engastamento (de pedras preciosas)’. 
    A forma queston presenta diversas atestacións no CGPA, todas elas a partir da segunda metade do século XIV en obras como Orto do Esposo, Livro da Montaria ou o Leal Conselheiro, entre outras (véxase CGPA, s.v. queston, questom). Porén, só achamos a variante caston en dous documentos. O primeiro, en Noia: 

    et todo jur et señorío et posisón et propiadade et voz et abççon et castón et dereito que eu ey et me perteesçe en qualquer maneira ẽnas ditas herdades (...) o tiro et tollo et en vós (...) o pono (doc. 1395, cfr. RILG, s.v. castón, ed. M. C. Barreiro).

    Outro nun documento da chancelaría de D. Duarte (CdP)1

    pormetendo o dicto pero uaasquez e sua molher e Joham d’albuquerque e dona tareija e fernam rodriguez per solepne stipulaçom e a dicta dona Jsasabel por ssy e seus herdeiros e sucesores de por estes beens e noujdades deles nom mouerem demandas controuersias castoões per ssy ou per outrem de fecto nem de djreito em parte nem em todo nem a dicta dona Jsabel a elles nem consentir permjtir ou leixar a outros que lha façam ou fazer queiram em alguũ tempo.

  • 3

    O carácter tardío de Estevan da Guarda continúa a manifestarse na aparición de voces de cronoloxía serodia, cal pressopoer, verbo que só achamos utilizado con certa frecuencia a partir do século XVI. Non obstante, para alén desta cantiga, o verbo aparece tamén no Livro da virtuosa bemfeitoria do infante Dom Pedro (1430-1443): 

    E porem respondendo aa rrazom primeyra, pareceme que a entençom pressopoem o entendimento o que primeyro sguarda a fim, mas ella he aucto da uoontade per que he seguida a cousa, que per entender he demostrada (cfr. CdP, s.v.). 

    Así mesmo, tamén nos Euangelhos e epistolas com suas exposições en romãce (Gonçalo Garcia de Santa Maria, 1497), con tres atestacións: 

    que a oraçõ pressopoõe a ffe do que roga como creerõ ao que nõ ouuirõ que a ffe pressopoõe ouuida: ou dentro por jnspiraçõ de deos: ou fora pello homẽ por pregaçõ como ouuirõ sẽ preegador ho auto de preegar pressopoõe a autoridade do offiçio (CdP, s.v.). 

    E no límite cronolóxico do século XV aínda aparece o Catecismo Pequeno de D. Diogo Ortiz (1504): 

    Em cada huũ destes ordẽs se emprime caracter, ho qual presopõe ho caracter baptismal e nõ da confirmaçom nẽ de outro ordẽ menor, pero pecaria quẽ a sabendas sem seer cõfirmado, ou ordenado de ordẽ menor reçebesse ordem superior. Ho ministro propio deste sacramento he [o] bispo (CGPA, s.v., ed. E. Branco da Silva).

  • 5

    A forma contrairo (do lat. contrarium), con metátese de iode mais sen evolución -ai- > -ei-, é forma verdadeiramente tardía. Nas cantigas só se rexistra en Estevan da Guarda (véxase tamén 1328.18 e 1342.10), para alén da Arte de Trobar: e o outro responda-lhe na outra dizend[o] o contrairo (Tavani 1999: 43). Con efecto, é variante que aparece a partir da segunda metade do século XIV (véxase CGPA, s.v. contrairo, contrayro).
    Debe considerarse, por outra parte, que as cláusulas per quanto vi (v. 6) e per quant’oi (v. 13) están moi próximas de constituír unha expresión fraseolóxica similar a outras do tipo aquanto mui ben sei, quant’é meu sén etc. (nótese que a segunda tamén se rexistra en 1393.4). Esta peculiar cláusula mostra, ao noso xuízo, unha clara conexión entre a cantiga de Estevan da Guarda e a cantiga 1393 de Pero Garcia Burgales que presenta a mesma expresión, pois comparten tamén o uso de caston, por máis que a voz do Burgalés remita ao galicismo, diferente, en principio, do derivado do lat. questiōnem (véxase nota ao v. 2).

  • 7

    Esta cantiga mostra a concorrencia de diversos resultados para decaer, derivado de caer, que neste verso presenta a forma futura dequeerá (cfr. decae, v. 8; decaer, v. 16). Tal como aconteceu co verbo reer (véxase nota a 1317.15), tamén caer (do lat. cadĕre) pode presentar a –regular– evolución de -ae- > -ee-, feito que xustifica o dequeerá do trobador. Non volvemos achar tal variante, mais si para a base caer, que mostra esa evolución na tradución da Confessio amantis, con diversas atestacións (queer, queeo, queeron...; cfr. Faccon 2012: 280, 329, 376, 402...), no Livro de Linhagens do Conde D. Pedro (e cõ o outro se foi abraçar e foy queer cõ el per hũa feestra afundo do paaço; ed. Brocardo 2006: 137); ou na Crónica Troiana

    Et moytas uezes acordaua, et tornaua sua fala, et quiríase leuãtar, et queía amorteçida. (...) Et muytas uezes o tomaua en seus braços et queía cõ el (cfr. CGPA, ed. R. Lorenzo).

  • 10

    O substantivo defenson ‘defensa’, derivado do lat. defensiōnem (mais cfr. 601.9, onde significa ‘prohibición'), sen palatalización inducida por iode na terminacion -siōnem (cfr. prijon vs. prison), é forma maioritaria (171.15, 627.14, 1320.10, 1332.18), fronte a sinónimos da mesma familia lexical como defesa ~ defensa.

  • 13

    No relativo á cláusula per quant’oi, que tamén se rexistra en 1393.4, está moi próxima de constituír unha expresión fraseolóxica similar a outras do tipo aquanto mui ben sei, quant’é meu sén etc. Esta peculiar cláusula mostra, ao noso xuízo, unha clara conexión entre esta cantiga de Estevan da Guarda e a cantiga UC 1393 de Pero Garcia Burgales que presenta a mesma expresión, pois comparten tamén o uso de caston, por máis que o vocábulo do Burgalés remita ao galicismo, diferente, en principio, do derivado do lat. questiōnem do trobador portugués.

  • 14

    Semella obvia a ambigüidade de dereito, porque, a carón de ‘xusto, legal’, xoga tamén co significado primario de ‘recto, vertical’ en relación con caer e decaer ~ dequeer.

  • 16

    A forma ocajon, xunto con acajon (véxase nota a 778.9), é unha variante da forma xeral cajon ‘desastre, desgraza, dano’, procedente do lat. occasiōnem, que perdeu a vogal inicial por un proceso de aférese (ao tempo que por posíbel segmentación da forma de artigo). De calquera forma, ocajon é a forma xeral, xunto con oqueijon, nas Cantigas de Santa Maria (véxase Mettmann 1959-1972: IV, s.v.) e, fóra da poesía, este vocábulo áchase con todas as variantes (cajon, ocajon, enqueijon, oqueijon etc.) en diversos textos prosísticos (CGPA, s.v.). No corpus trobadoresco profano, véxase tamén a variante aqueijon en 1590.18.

  • 17

    Na Idade Media, a voz erudita leterado, con manutención da vogal pretónica, era aínda máis usual do que letrado (véxase CGPA, s.v.).

  • 21

    Obsérvese como co adxectivo malandante ‘infeliz, desgrazado’ (tamén en 1496.6 e 1526.21) se produce un xogo con mal andante, isto é, ‘que anda ou camiña mal’, en relación co meestre que (de)cae.
    Formalmente, malandante é coherente con malandança (867b.9), con manutención de -l- intervocálico, talvez por ser produto dunha formación derivada, co adverbio mal a funcionar como prefixo. Neste sentido, maa andança (só atestada na Demanda do Santo Graal e mais no Orto do Esposo, xunto con unha ocorrencia na Crónica Geral Galega) debe de ser unha reconfiguración lexical a partir do adxectivo mao/maa. Cfr. nota a 1101.4.

  1. ^

    Lapa alude a múltiplas atestacións de caston no Diálogo sobre a confissão e en Frades menores.

Procurar
    Não foram encontrados resultados