I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 101 [= LPGP 88]); Lopes (2002: 112); Lorenzo Gradín (2008a: 230); Littera (2016: I, 52-53); Arias Freixedo (2017: 90).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 376); Braga (1878: 206); Machado & Machado (1958: VI, 175-176).
III. Antoloxías: Álvarez Blázquez (1975 [1952]: 134); Landeira Yrago (1975: 176-177); Tavares & Miranda (1987: 113-114); Pena (1990: 238); Alonso Girgado (1992: 62); Arias Freixedo (1993: 143); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996c: 33); Diogo (1998: 151); Arias Freixedo (2003: 327-328); Marcenaro (2006: 188-190); Fidalgo (2009a: 178); Souto Cabo (2017: 44); Corral Díaz & Vieira (2023: 59-60); Gutiérrez (2023: 231).
1 Arouca] aronca B 5 pedreiros] pedreysꝯ B : pedrey 9 V 8 o] lho BV 9 prazer] praxer B 11 peça] peza V 12 madeirar] madeyra B : madeirax V 13 telha-la] t(h)elhala B 14 dormir] E dormir B : edormir V 15 Santa] scā BV 20 mi] (me) mh V
4 meu] m’eu Arias Freixedo 8 sempre o] sempr’o Lapa, Lopes, Lorenzo Gradín, Littera, Arias Freixedo 14 en ela] en’ela Littera 18 descobri-la-ia] descobri-la ia Littera
(I) En Arouca faría unha casa; tanto é o desexo que teño de a facer que non repararía nos custos nin lle daría valor ningún a canto é meu, pois teño pedreiros e pedra e cal, e desta casa non me falta outra cousa agás a madeira nova, que querería.
(II) A quen ma dese sempre llo agradecería, porque me daría unha alegría moi grande se me fixese ter madeira nova en que labrase unha parte do día, e logo ir axiña madeirar a casa e tellala e, así que a tellase, ir dormir nela de noite e de día.
(III) E, meus amigos, por Santa Maria!, se puidese ter madeira nova, iría logo facer esta casa, e iría cubrila e descubrila e revolvela se fose preciso; e se a abadesa me dese madeira nova, isto é o que lle faría.
Esquema métrico: 10’a 10b 10’a 10b 10c 10c 10’a (I [= RM 100:19) + 10’a 10b 10b 10’a 10c 10c 10’a (II-III [= RM 161:19])
Encontros vocálicos: 8 mi͜-a, sempre‿o; 10 nova‿aver; 12 logo‿a; 20 mi‿a
Nunha primeira lectura literal da cantiga, o protagonista afirma que o seu desexo de construír unha casa en Arouca é tal que non repararía nos custos. Xa ten os operarios e boa parte do material que lle é preciso para a obra, mais non ten a madeira necesaria, por iso di que lle estaría inmensamente agradecido a quen lle fornecese a madeira que tanto precisa, dirixindo expresamente a petición nos versos finais á abadesa do mosteiro de Arouca. Mais a cantiga ten unha segunda lectura en clave sexual, aínda que existen interpretacións diversas sobre a dirección dese duplo sentido. A ilustre estudosa Carolina Michaëlis confesouse incapaz de descubrir as “ironias e gracejos” (1990 [1904]: II, 402) que se esconden nesta cantiga, mais suxire que quizais o autor apelase ás boas grazas da abadesa do convento de Arouca, isto é, que solicitase os seus favores, que non serían desde logo de índole espiritual. Manuel R. Lapa (1965: 101), na súa primeira edición das cantigas de escarnio, apunta que a expresión fazer casa con madeira nova sería, no século XIII, un modo malicioso de falar, que equivalería a “tomar mulher nova para viver amancebado com ela”. Parece que o mosteiro de Arouca tiña má reputación1
, da que sería responsábel, segundo se desprende desta cantiga, a propia abadesa Dª Luca Rodrigues, da familia dos Briteiros, enfrontada coa familia do autor, que tamén compuxo unha sátira política baixo a fórmula dun cantar de xesta paródico (UC 1489), onde ridiculariza a recente condición aristocrática dos Briteiros. O sentido do escarnio sería, pois, o seguinte: se a abadesa lle dese madeira nova, isto é, unha noviza ou unha freira noviña, el faría unha casa en que dormiría noite e dia. Todo estaría tomado nun dobre sentido sexual. En efecto, tanto nesta cantiga como noutra de Paai Gomez Charinho (UC 1637) que estabelece unha relación interdiscursiva directa con esta retomando a alegoría da construción dunha casa, cada palabra e cada expresión, teñen un duplo sentido sexual. Se a madeira nova equivale nesta clave sexual, como vimos, a ‘moza, muller nova, noviza’, en clave similar deben buscarse as equivalencias para os pedreiros, a pedra e o cal (v. 5): os testículos, o pene e o seme; e tamén para fazer ũa casa (vv. 1 e 17), lavrar (v. 11), telhar (v. 13), dormir en ela (v. 14), cobrir e descobrir (v. 18), revolver (v. 19) etc. Considérese ademais que o termo casa, por si só, aparece rexistrado en varias cantigas de escarnio como referencia metafórica á vaxina, e este valor parece evidente nos vv. 12-14 e 17-18 da presente cantiga. Temos ante nós, pois, un texto alegórico composto por un conxunto moi elaborado de metáforas sexuais.
Porén, o propio Lapa, na segunda edición revista de 1970, mudou a interpretación do sintagma madeira nova, asociándoo ao sentido que o termo madeira ten noutra cantiga de Afonso X (UC 479) onde significaría metaforicamente ‘pene, membro masculino’. Segundo o filólogo portugués “o sentido do escarnho parece ser este: se a abadessa lhe desse madeira nova, isto é, reforçasse o seu membro viril, ele faria uma casa em que dormiria com ela noite e dia”.
Contra esta interpretación, entre outros argumentos, estaría o feito de que na cantiga afonsina aducida por Lapa a madeira de que se fala pode ter aínda un segundo sentido velado e referirse a penes artificiais, isto é, consoladores de pau (Gonçalves 2013), o que, de estabelecermos a equivalencia, contrariaría a presunta maior virilidade desexada polo protagonista desta cantiga. Por outro lado, o termo pedra do v. 5 da cantiga de Afonso de Baian é xa unha alusión metafórica ao pene, que pola súa semántica contradí tamén a presumíbel falta de virilidade.
Inclinámonos, pois, en principio, por priorizar a interpretación do sentido velado proposta na primeira edición de Lapa, tal como fai a maior parte da crítica posterior (Arias Freixedo 1993: 145, Lanciani & Tavani 1995: 102-103, Lorenzo Gradín 2008a etc), embora a equivalencia madeira nova = potencia sexual tamén podería funcionar na interpretación global da composición.
Tal como indicamos, esta cantiga de Baian ten unha réplica en UC 1637 de Paai Gomez Charinho (unha análise contrastiva das dúas cantigas pode verse en Arias Freixedo 2026: 72-75):
Don Afonso Lopez de Baian quer
fazer sa casa se el pod’aver
madeira nova; e, se mi creer,
fara bon siso: tanto que ouver
madeira, logo punh’en a cobrir, 5
o fundamento ben alt’, e guarir
pod’o lavor per i se o fezer.E, quand’el a madeira adusser,
guarde-a ben e faça-a jazer
en logar que non chôvia, ca torcer- 10
-s’-ia mui tost’e non ar á mester;
e, se o lavor non quer escarnir,
abri-lo fundament’alt’, e ferir
e muito bate-lo quanto poder.E, pois o fundamento aberto for 15
alt’e ben batudo, pode lavrar
en salvo sobr’el, e, pois s’acabar,
estara da madeira sen pavor;
e do que diz que a revolverá,
ant’esto faça, se non, matar-s’-á, 20
ca est’é o começo do lavor.E Don Afonso, pois á tal sabor
de fazer bõa casa, começar
a dev[e] assi e des i folgar
e jazer qued’e, quando mester for, 25
descobri-la e cobri-la poderá
e revolve-la, ca todo sofrerá
a madeira, e seer’ali én melhor.E Don Afonso tod’esto fara
que lh’eu conselho; se non, perder-s’-á 30
esta casa per mao lavrador.
Para Luís Rêpas (2021: II-1, 717-723; II-2, 344-346), a cantiga fai alusión á relación entre Nuno Martins de Chacim e a relixiosa Marinha Gomes de Briteiros, quen, tempo despois, mudaria de mosteiro e mesmo chegaría a converterse en abadesa de Lorvão, cargo que desempeñou até 1269. Froito desta relación naceu Rui Nunes de Chacim, lexitimado por Afonso III de Portugal en 1265, cando o pai era meirinho-mor do reino e a nai era abadesa. Respecto á identificación da abadesa da cantiga, o historiador apunta ao erro de Carolina Michaélis de identificar esta con Luca Rodrigues [de Briteiros] (2021: II-1:74-75, 421 e ss.), hipótese mantida por Manuel Rodrigues Lapa e Graça Videira. Pola súa parte, Luís Rêpas apunta que unha parte da historiografía tamén propuxo a Maior Martins [de Riba de Vizela], quen liderou o mosteiro entre 1244 e 1285, como a abadesa referida polo trobador, no marco, ademais, das confrontacións políticas entre os Baian e os Ribadevizela no marco da guerra civil portuguesa de 1245-1247. Porén, a súa proposta sitúa os acontecementos nunha cronoloxía algo anterior o que levaría a identificar a abadesa con Maria Lourenço de Alvarenga, antecesora da citada Maior Martins de Riba de Vizela (2021: I, 327-328; II-1, 717-723).
En liña coa dupla lectura de toda a composición, os pedreiros, pedra e cal aludirán aos xenitais masculinos (testículos, pene, seme).
A diferenza da madeira (pene) da cantiga afonsina UC 479, a madeira nova nesta cantiga parece referirse a unha freira nova.
A métrica e o sentido indican un erro textual na aparición do pronome lhe en <lho>, tal como acontece nalgunha outra pasaxe dos cancioneiros: véxase, por exemplo, o mesmo erro en BV en 1302.6; ou, aínda, as diferentes leccións <a> B vs. <lha> V, en que a forma correcta é a do Cancioneiro da Biblioteca Nacional, en 1648.10.
Neste verso é necesaria a expunción da copulativa inicial, metricamente excedente e sintacticamente desnecesaria; neste sentido, existen diversas pasaxes ao longo do corpus en que, a partir do testemuño diverxente dos manuscritos se pode determinar con seguranza o carácter espurio da copulativa, feito que acontece con certa frecuencia, especialmente no inicio do verso. Véxase, entre outros, B vs. A (66.14, 96.10, 128.14, 224.7, 241.22, 306.13, 312.5 e 13), A vs. B (129.28), A vs. BV (1236.10 e 16), B vs. V (851.12, 924.19, 950.7, 1631.7), V vs. B (740.10, 935.6, 1148.9).
Nótese a vacilación na copia de V entre as formas pronominais me (riscado) e mi (<mh>, a indicar sinalefa), a confirmar a alternancia e/ou concorrencia de ambas as formas, mesmo en función de complemento indirecto (véxase nota a 642.13).
Véxanse as palabras dedicadas no Livro de Linhagens do Conde D. Pedro a Moor Nuniz Camela “que foi monja d’Arouca e mui gram puta” (Mattoso 1980: II/1, 400).