1390 [= RM 125,11]
D’ũa cousa soo maravilhado

Pero Garcia fez estas cantigas, e son d’escarnh’e de mal dizer

D’ũa cousa soo maravilhado
que nunca vi a outre contecer:
de Pedro Boo, que era arrizado
e ben manceb’assaz pera viver,
e foi doent’e non se confessou,
deu-lh’o peer e peeu, e ficou
seu aver todo mal desemparado.
E pero avia un filho barvado
de barragãa, non o vio colher,
tanto o tev’o peer aficado
que o non pôde per ren receber
e ren de seu aver non lhi leixou,
ca peeu ced’, e o filho ficou,
pois que seu padre peeu, mal pecado.
Pero, tanto que s’el sentio coitado,
quando lhi deu a lança do peer,
log’el ouve por seu filh’enviado,
ca lhi queria leixar seu aver
e sa erdade, o filho tardou,
e peeu entrament[e], e ficou
seu filho mal, ca ficou exerdado.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 

Manuscrits


B 1372 (f. 293r, col. b), V 980 (f. 156r, col. b)
[Cantiga de Escarnio e mal dizer]

No Cancioneiro da Vaticana falta a rúbrica inicial, e tamén a estrofa II (por salto de copia).

Edicions


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 554); Blasco (1984: 229 [= LPGP 815-816]); Lopes (2002: 404); Marcenaro (2012b: 341); Littera (2016: II, 367).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 335); Braga (1878: 184); Fernández Pousa (1953: 29); Machado & Machado (1958: VI, 107); Callón (2017: II, 85).
III. Antoloxías: Tavares & Miranda (1987: 329); Marcenaro (2006: 204-206); Corral Díaz & Vieira (2023: 141-142).

Variants manuscrites


3 arrizado] airizado B   4 ben manceb’] baz mancebo B; assaz] ssaz B : assam V   8-14 om. V   9 barragãa] bairagaa B   15 E ꝑ auya q̄sel sentio coitado V   16 lança] lanca B   20 peeu] peen V

Variants editorials


1 soo] sõo Lopes, Littera   3 Boo] Bõo Lopes, Littera; arrizado] arriçado Lapa, Lopes, Littera   9 barragãa] barragaa Blasco, Marcenaro; non o vio] non ouvi a Lapa : nõn’o viu Lopes : non’o viu Littera   14 pecado] parado Lopes, Littera   15 sentio] sentiu Lapa, Lopes, Littera   19 erdade] erdad’; e Lapa, Blasco, Lopes, Marcenaro   20 entrament[e], e] entrament’, e Blasco

Paràfrasi


Pero Garcia fixo estas cantigas, e son de escarnio e de mal dizer.

(I) Estou marabillado dunha cousa que nunca vin acontecer a outro: de Pero Boo, que era rexo e ben novo para poder seguir vivindo, e caeu doente e non se confesou, e agonizou e exhalou o último suspiro, e ficou abandonado canto tiña.
(II) Aínda que tiña un fillo con barba dunha barragá, non o viu recibir (a herdanza), porque a agonía o tivo tan aflito que de ningún modo o puido recibir e non lle deixou nada do seu, e el expirou moi axiña, e o seu fillo ficou infeliz, após seu pai expirar. 
(III) A pesar de que, tan pronto como se viu coitado ao sentir a lanzada da agonía el mandou logo que o seu fillo fose chamado porque lle quería deixar o diñeiro que tiña e a súa herdade, o fillo tardou, e entrementres expirou, e o seu fillo ficou moi mal, pois ficou desherdado.

Mètrica


Esquema métrico: 3 x 10’a 10b 10’a 10b 10c 10c 10’a (= RM 100:31)
Encontros vocálicos: 3 eraarrizado; 8 peroavia; 9 vi͜o; 15 sen·ti͜o; 17 en·vi·a·do

Notes


Text
  • *

    A rúbrica que antecede a cantiga fai referencia ao conxunto das composicións escarniñas de Pero Garcia Burgales (UC 1390-1403).

    Esta sátira debe ser posta en relación coa cantiga De Pero Bõo and’ora espantado de Pero d’Ambroa (UC 1585), que satiriza o mesmo personaxe, con múltiplos elementos de intertextualidade entre elas, “desde la mención de Pero Bõo en la primera estrofa hasta la repetición de la primera rima del poema y de numerosísimos estilemas” (Beltran 2021: 3). No entanto, as coincidencias non son totais: «Pero Bõo, en la flor de la edad y vigor, murió joven y repentinamente en la cama, víctima de un ataque de flatulencias, entre olores fétidos y sin confesión, apartado de su esposa o barragana y del hijo que había mandado llamar para darle su heredad pero que, por las circunstancias del óbito, quedó desheredado. Los desajustes entre las dos fuentes, por ejemplo la distinción entre "sa molher” de Pero d’Ambroa y la "barragaa” de Pero Garcia, se pueden deber sencillamente a la estilización de los rasgos retóricos y estilísticos del vituperio en su descripción, a los que habremos de atribuir no pocos de los elementos descriptivos de ambas cantigas» (ib.: 3).
    De calquera xeito, segundo Beltran, a morte de Pedro Boo ~ Pero Bõo entre peidos presenta diversas coincidencias coa morte de Diego López de Haro III (finado en Bañares en 1254), rebelde contra Afonso X, e a substitución en 1254 polo seu fillo Lope: unha morte prematura, unha viúva e un fillo desherdado, partindo da contrastada evidencia de que múltiplas cantigas satíricas tratan de forma elusiva temas políticos con transfondo histórico (o aristócrata parece ter morrido nuns baños, con enxofre)1 . En todo o caso, Diego López de Haro, máis alá de como morreu, tiña fillos lexítimos e estes herdáronno nos seus bens e señorío. É por isto que a cantiga ben podería ser unha crítica contra un caso non identificado en que se poría de manifesto como non arranxar a tempo a transmisión da herdanza a favor dun fillo non lexítimo podía desembocar na perda deses bens (véxase nota ao v. 9).

  • 1

    Esta cantiga de Pero Garcia Burgales comparte incipit con UC 1650, de Pero da Ponte.

  • 3

    Nótese que nesta cantiga se caracteriza a Pedro Boo como arrizado (‘rexo, forte’), igual que acontece na cantiga do de Ambroa (1585.3 e 15), aínda que aparece tamén nunha composición Fernan Garcia Esgaravunha (1529.14). De calquera modo, o participio arrizado contrasta foneticamente con arriçar, presente tamén no corpus das cantigas (véxase UC/Glosario, s.v.). Esta mesma distribución de variantes fonéticas (arrizado vs. arriçar) obsérvase na Demanda do Santo Graal, única obra, xunto coas cantigas profanas, en que achamos o verbo (véxase CGPA, s.v.). 

  • 6

    O verbo peer, como voz escatolóxica, e tal como outras voces pertencentes ao ámbito sexual (caralho, cono, foder etc.), non parece ter abandonado o ámbito da oralidade para o texto escrito, agás nas cantigas satíricas, única produción en que se rexistra. É por iso que peer nunca traspasou o ámbito das cantigas, e non foi recollido na lexicografía histórica portuguesa (véxase CLP, s.v.).
    Peer, do lat. pedĕre ‘peidear’ mantén o significado orixinal en 474.2, 1427.10, 1497.34 e 1529.6 e 27. Non obstante, adquire o valor metafórico de ‘agonizar, morrer’ (seguramente pola similitude entre a expulsión de gases e o derradeiro alento) nalgunhas composicións. Nesta cantiga reitérase nos vv. 6, 10, 13, 14, 16 e 20, mais aparece tamén en UC 1585 (vv. 18, 20, 21, 22).
    Por outra parte, resulta sorprendente –e significativo– que no corpus das cantigas profanas concorran case sempre o verbo arriçar (ou arrizado) e o verbo peer (e/ou peido e peideiro): 1390, v. 3 (arrizado), v. 6 (peer, peeu), v. 10 (peer), v. 13 (peeu), v. 16 (peer), v. 20 (peeu); 1404, v. 8 (arriçar), v. 24 (peideiro); 1529, v. 6 (peeu), v. 13 (peidos), v. 14 (arrizado), v. 20 (peidos), v. 27 (peeu); 1585, v. 3 (arrizado), v. 7 (peideiro), v. 13 (peendo), v. 15 (arrizado), v. 18 (peeu), v. 20 (peeu), v. 21 (peeu). As únicas excepcións son UC 1507 (arriçar) e mais UC 1474 e 1497 (peer).

  • 8

    A locución conxuntiva e pero, de valor concesivo (‘aínda que’), é de uso regular ao longo de corpus –cómpre sinalar, non obstante, que en bastantes ocasións é posíbel optar entre e pero ou a secuencia de copulativa + adversativa (e, pero).

  • 8-14

    Repárese como o copista do Cancioneiro da Vaticana, comezou a copiar o v. 8 con <E ꝑ auya>, mais depois saltou directamente ao v. 15 por confusión con <Pero tanto> e xa seguiu con <q̄sel sentio coitado>.

  • 9

    Téñase en conta que a representación gráfica da desinencia da P3 de pretérito indicativo dos verbos da terceira conxugación oscila entre a esmagadoramente maioritaria -iu e a esporádica -io (nesta composición, vio, v. 9; sentio, v. 15), mostra dunha vacilación inicial que aínda se conserva nalgúns territorios galegos. Cfr. nota a 302.14. De calquera xeito, ambas as representacións implican unha mesma realidade fonolóxica e métrica, como mostran os casos de rimas entre -io e -iu (véxase, por exemplo, 614.1-8), ou aqueloutras situacións en que se produce variación desta desinencia en estruturas paralelísticas (véxase 583.8) ou no refrán (véxanse 592.r1, 1336.r, 1361.r2-r3).
    O verbo colher nesta pasaxe ten o significado de ‘acoller, recibir (a herdanza)’. Téñase en conta que a condición do fillo de Pero Bõo como fillo habido cunha barragá provocaría que este non tivese legalmente dereito á herdanza paterna, nin tan sequera á lexitima, no caso de que o proxenitor non estabelecese disposicións específicas ao respecto nas súas últimas vontades. Deste xeito, a herdanza ficaria perdida sen que, de dereito, un fillo con estas orixes non lexítimas a puidese reclamar como herdeiro natural.

  • 19

    Todas as edicións anteriores segmentan unha copulativa na vogal final de erdade. Non obstante, a sintaxe e o sentido aconsella manter a integridade do substantivo (‘A pesar de que na hora da morte mandou chamar polo fillo para lle deixar a herdade, o fillo tardou e morreu...’).

  • 20

    A forma entramente(s) e entremente son variantes concorrentes na lingua medieval, que compiten coa maioritaria forma mentre.

  • 21

    O participio exerdado representa a evolución ex- do prefixo latino ex- + vogal (Ferreiro 1999: §§25d.2, 95b, 143a), que convive coas outras dúas solucións que se atestan na lingua medieval: eix- (cfr. eixerdados en 888.37) e enx-, con absorción do iode (cfr. enxerdado en 415.18). En calquera caso, o resultado patrimonial de exhereditāre desapareceu na lingua moderna, substituído pola formación desherdar, a partir da forma romance herdar, que comeza a aparecer nos inicios do século XIV (véxase TMILG, s.v.).

  1. ^

    Esta (arriscada) teoría interpretativa de Beltran continúa coa hipótese de relacionar a cantiga Non quer’eu donzela fea, de Afonso X (UC 474), identificando a afonsina donzela fea coa sa molher (1585.23, Pero Garcia Burgales) ou barragãa (1390, v. 9), isto é, a viúva de López de Haro, Guillelma de Bearn, “una poderosa dama cuyo hermano, Gastón de Bearn (...) estuvo al servicio de Alfonso” (Beltran 2021: 7).

Cercar
    No s'ha trobat cap resultat