461 [= Tav 18,14]
Don Gonçalo, pois queredes ir d’aqui pera Sevilha

Don Gonçalo, pois queredes ir d’aqui pera Sevilha,
per-veredes voss’amig’, e non no tenh’a maravilha,
contar-vos-ei as jornadas lego’a legoa, milh’e milha.
E ir podedes a Libira e torceredes ja-quanto,
e depois ir a Alcala se[n] pavor e sen espanto
que vós ajades d’i perder a garnacha nen no manto.
E ũa cousa sei eu de vós e tenho por mui gran brio,
e por én vo-lo juro muit[o] a firmes e a fio:
que sempre avedes a morrer en invern’o[u] en estio.
Eu por en[de] vo-lo rogo e vo-lo dou en conselho,
que vós, entra[n]te a Sevilha, vos catedes no espelho
e non dedes nemigalha por morte de Joan Coelho.
Por que vos todos amassen sempre vós muito punhastes,
bõos talhos en Espanha metestes, pois i chegastes,
e quen se convosco filhou sempre vós del guaanhastes.
Sen esto fostes cousido sempre muit’e mesurado,
de todas cousas comprido e apost’e ben-talhado,
e [e]nos feitos ardido e muito aventurado.
E, pois que vossa fazenda teedes ben alumeada
e queredes ben amiga fremosa e ben-talhada,
non façades dela capa, ca non é cousa guisada.
E, pois que sodes aposto e fremoso cavaleiro,
gardade-vos de seerdes escatimoso ponteiro,
ca dizen que baralhastes con [Don] Joan Co[e]lheiro.
Con aquesto que avedes mui máis ca outro compristes;
u quer que mão metestes, guarecendo én saistes;
a quen quer que cometestes, sempre mal o escarnistes.
E non me tenhades por mal se en vossas armas tango:
que foi das duas [e]spadas que andavan en ũu mango?
Ca vos oi eu dizer: «Con estas petei e frango».
E ar oi-vos eu dizer que, a quen quer que chagassen
con esta vossa espada, que nunca se trabalhassen
ja máis de o gua[re]ceren se o ben non agulhassen.
E por esto [vos] chamamos nós «o das duas espadas»,
porque sempre as tragedes agudas e amoadas,
con que fendedes as penas dando grandes espadadas.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 
 
30
 
 
 
 
35
 

Manuscritos


B 466

Edições


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 65-67 [= LPGP 146-147]); Paredesa (2001: 139-140); Lopes (2002: 55-57); Paredesb (2010a: 120-121); Littera (2016: I, 83-85).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 152); Michaëlis (1990 [1904]: II, 380-381); Machado & Machado (1950: II, 312-315); Paredes (2010b: 94-101); Paredes (2010c: 69-71); Rios Milhám (2018b: III, 461).
III. Antoloxías: Carballo Calero & García Rodríguez (1983: 66-67); Tavares & Miranda (1987: 32-33).

Variantes manuscritas


1 Gonçalo] gōcalo B   2 per-veredes] por ueredes B   4 Libira] libⁱra B   8 firmes] fⁱmas B   9 morrer] morreg B; invern'o[u] estio] juu’no ē istio B   12 morte] mite B   14 talhos] talhas B   15 vós del guaanhastes]  uꝯ del guanihastes B   17 apost’e] aposter B   20 e queredes] O queredes B   21 façades] facades B   24 Joan] tohan B   26 mão metestes] māao metes/Tas B   28 tango] tengo B   29 andavan] andau’ia B

Variantes editoriais


2 per-veredes] por veerdes Lapa, Paredesa, Lopes, Paredesb, Littera; amig, e] amiga, e[u] Lapa : amigo e Paredesa, Paredesb; non no] nõ-no Lapa : nono Paredesa, Paredesb : nõn’o Lopes, Littera   3 lego’a legoa, milh’e milha] legoa [e] legoa, milh[a] e milha Lapa : legoa [a] legoa, milh[a] a milha Paredesa, Paredesb   4 E] om. Lopes, Littera; Libira] Librija Lopes   6 vós] om. Littera; nen no] nẽn’o Lopes, Littera   7 eu] om. Lopes, Littera   8 por én ... muit[o]] por én [eu] ... muit’ Lopes, Littera; a firmes] a finas Lapa, Lopes; a fio] afio Paredesa, Paredesb, Littera   9 que] om. Littera : sempre] sempr’ Lopes, Littera   10 Eu por en[de]] Eu por en [bem] Lopes, Littera   12 morte de Joan Coelho] mercee de Joan Coelho Lapa : me[n]te de Joan Coelho Paredesa, Paredesb : vinte de Joan Coelho Lopes : mui te[r] Dom Joan Coelho Littera   13 punhastes] punhaste Lopes, Littera   15 e] om. Littera; guaanhastes] gaanhastes Lapa, Paredesa, Lopes, Paredesb, Littera   19 teedes] tẽẽdes Lopes   23 gardade] g[u]ardade Lapa, Paredesa, Lopes, Paredesb, Littera   24 [Don]] om. Lopes   26 mão] a mão Lopes : maão Littera   29 ũu] um Lopes, Littera   30 estas petei] estas pato ei Lapa   31 chagassen] chegassen Lapa   32 esta vossa espada] esta[s] vossa[s] espada[s] Lopes, Littera : estas vossas espadas Paredesa, Paredesb 

Paráfrase


(I) Don Gonzalo, pois queredes ir de aquí para Sevilla, por verdes a vosa amiga, e non me estraña, contareivos eu as xornadas da viaxe, legua a legua, milla a milla.

(II) Podedes ir a Elvira (Libira) e torceredes un chisco, e despois podedes ir a Alcalá de Guadaira sen terdes pavor nin medo de alí perder a capa nin o manto.

(III) E unha cousa sei eu de vós e diso me orgullo, e por iso volo xuro firmemente decote: que habedes de morrer, no inverno ou no estío.

(IV) Eu por iso vos rogo e volo digo como consello, que vós, entrando en Sevilla vos miredes no espello e non deades un patacón pola morte de Joán Coelho.

(V) Para que vos quixesen todos sempre tivestes empeño; bos golpes de espada destes en España, desde que alí chegastes, e sempre vencestes a quen se enfrontou a vós.

(VI) Alén disto sempre fostes prudente e comedido, tendes abondo de todas as cousas e sodes garrido e ben feito, e nos feitos de armas valente e moi atrevido.

(VII) E xa que a vosa casa tendes ben alumeada e amades a unha amiga fermosa e ben feita, non vos aproveitedes dela, pois non é o apropiado.

(VIII) E xa que sodes un aposto e fermoso cabaleiro, gardádevos de serdes un mesquiño enleante, pois din que pelexastes con Don Joan Coelheiro.

(IX) Con isto que tendes cumpristes máis ca calquera outro; nas cuestións en que vos metestes saístes delas con ben; a quen atacastes, sempre o deixastes escarnecido.

(X) E non mo teñades a mal se toco as vosas armas: que foi das dúas espadas que tiñan un só mango? Porque vos oín eu dicir: «Con estas petei e quebranto».

(XI) E tamén vos oín eu dicir que, a quen queira que chagasen con esta vosa espada, que nunca se desen ao traballo de salvalo se non o cosesen moi ben.

(XII) E por isto vos chamamos nós «o das dúas espadas», porque sempre as traedes aguzadas e afiadas, coas que fendedes os penedos dando grandes espadadas.

Métrica


Esquema métrico: 12 x 15’a 15’a 15’a (= Tav 1:1)

Encontros vocálicos: 3 le·go’a le·goa; 4 Libira‿e; 6-7 manto.‿E; 9 sempre‿avedes; 11 entra[n]te‿a; 19 te͜e·des; 30 u͂͜u

Notas


Texto
  • *

    Esta cantiga de escarnio, coas figuras de Gonçal’Eanes do Vinhal (v. 1) e Joan Soarez Coelho (vv. 12, 24), é de difícil interpretación (véxase Magán Abelleira & Ron Fernández 1999). De calquera forma, toda a composición está dirixida a Gonçal’Eanes do Vinhal, con alusións escuras ao comportamento político do trobador.

  • 1

    Don Gonçalo referirase ao trobador Gonçal’Eanes do Vinhal.

  • 2

    A (errada) lección <por ueredes> permite fixar por veerdes ou per-veredes, proposta por que optamos. xa que se localizan algúns erros nesta mesma dirección (véxase, por exemplo, 952.13 per-desasperar <p’ desaꝑar> B <p’ desasperar>.

  • 3

    As reconstrucións vocálicas nas frases adverbiais (lego’a legoa e milh’e milha) que os editores fixaron converten o verso en hipermétrico. Lémbrese, ademais, que legoa conta sempre como bisilábico na poesía trobadoresca profana galego-portuguesa (véxase 114.26, 962.26, 1366.7).

  • 4

    No contexto, torcer será ‘desviarse do camiño’, pois Libira (<lib’a> B), a pesar de topónimo discutido e con diferentes propostas editoriais, refírese a Elvira, hoxe pertencente á cidade de Granada (véxase Ferreiro 2014: 177-181).

    O pronome indefinido ja-quanto, nacido da aglutinación de ja e quanto, equivalente a ‘algo, un pouco’, ten certo uso na lingua trobadoresca (347.9, 395.6, 461.4, 559.14, 1388.14, 1508.11, 1529.14, 1555.22 e 1605.6) e, en xeral, na lingua medieval. Cfr. nota a 33.14.

  • 5

    Alcala debe referirse á cidade Alcalá de Guadaira, próxima a Sevilla.

  • 6

    A garnacha, voz única no corpus das cantigas profanas mais atestado repetidamente nas Cantiga de Santa Maria, é un provenzalismo (‘manto de pel’) que indica unha ‘vestimenta que chega até os pés’ (García-Sabell Tormo 1990: 166-168). O termo aparece no Sínodo de 1364, de Braga, con instrucións para os clérigos: Outrossi lis deffendemos que nom tragam pelotes fendudos de deante mas tragam garnachas rodundas sarradas e non seram moi longas nem moi pequenas (García y García 1982: 52). Sobre esta vestimenta véxase Rodríguez Parada (2019: 335-338, s.v. garnacha).

  • 7

    As quince sílabas métricas do verso esixen unha episinalefa (manto‿/‿E).

  • 8

    As locucións adverbiais modais a firmes ‘firmemente’ e a fio ‘decote’ son documentacións únicas na lingua medieval; isto é o que explica a diversidade editorial na interpretación da lección de B: Lapa (e mais Lopes) estabelece unha locución a finas a partir dunha hipotética expresión jurar a finas e a fio, que sería «uma frase feita, aliterante, com o sentido de “jurar sem a menor hesitação”»; contrariamente, Paredes, seguido por Littera, prefire o hapax verbal afiar, como variante de fiar ‘asegurar, garantir’ e fixa a firmes ‘con firmeza, firmemente’ (lectura suxerida por Michaëlis e confirmada en Corominas, xa que conta con documentación en castelán medieval co significado «firmemente, de veras» (Corominas & Pascual (1980-1991, s.v. firme). Finalmente, a locución a fio ‘decote’ está ben documentada en galego (véxase RILG, s.v. fío), ao tempo que é recollida no dicionario de Cândido de Figueiredo, co significado de “a eito, seguidamente” (Figueiredo 1978 [1939]: s.v. fio).

  • 9

    Entrante é participio activo (de entrar), formación verbal de escasa representación xa na lingua medieval, mais que reaparece en Afonso X en 492.3 e tamén en Nuno Fernandez Torneol en 1389.5.

  • 10-12

    Estes versos parecen conter unha chamada á reflexión (verse no espello) e á contención, para que desbote, se a tiña, a intención de ir matar a Joan Coelho, que debía estar en Sevilla e con quen parece que tivera algunha disputa anterior.

  • 12

    A lectura morte (<mite> B) é conxectural a partir da verosímil hipótese dun erro por <mrte> e tamén da alusión a unha liorta grave con Joan Soarez Coelho no v. 24 (ca dizen que baralhastes con [Don] Joan Co[e]lheiro). Igualmente conxecturais son outras propostas editoriais para este paso: mercee (Lapa, voz trisilábica), mente (Paredes), vinte (Lopes, cfr. med. viinte) ou, mesmo, morte, ou mui ter, lección incomprensíbel de Littera.

  • 14

    Talho no contexto significa ‘golpe ou corte de espada’.

  • 17

    Na lingua medieval non era obrigatoria a presenza do artigo co indefinido todo, tal como se percibe neste verso (todas cousas) e noutros textos da época, como a tradución da General Estoria: Abraã foy por sy omẽ entẽdido em todas cousas (Martínez López 1963: 132).

  • 18

    Nótese a presenza do participio de segunda conxugación ardido, que presenta xa o sufixo -ido (tamén en 493.3), únicas mostras das formas modernas no corpus trobadoresco profano, xunto con fodido en 1347.6 e 1638.2 (tamén fududo en 1567.7) e sabido en 839.1 (tamén sabudo en 568.20, 783.23, 1041.6 e 1332.34).

    Por outra parte, a existencia da variante eno na lingua das cantigas favorece a súa escolla para salvar a hipometría do verso. Ademais, ao longo dos cancioneiros detéctase con frecuencia a presenza de no(s) ~ na(s) en B cando A achega a lección correcta eno(s) ~ ena(s) (véxanse 66.9, 164.r2, 217.11, 227.4, 278.21, 355.8).

  • 21

    Fazer capa é ‘aproveitarse ou abusar de alguén’.

  • 23

    Todos os editores nivelaron lingüisticamente a forma gardade, facendo desaparecer do corpus a variante gardar en prol de guardar. Véxase nota a 28.16.
    Escatimoso ponteiro, hapax na poesía trobadoresca, é, segundo Lapa, ‘brigador ofensivo’, definición axeitada tendo en conta a definición de escatimoso, ausente na lexicografía galego-portuguesa mais presente na española ‘malicioso, astuto y mezquino’ (Real Academia Española 2014: s.v.), formado sobre escatimar (véxase tamén o antigo Diccionario de Autoridades, s.v. escatimar).

  • 24

    Don Joan Coelheiro é unha referencia burlesca a D. Joan Soarez Coelho (véxase v. 12).

  • 26

    Por súa parte, mão, como outras voces terminadas en -ão e en -ao (nomeadamente mao, véxase nota a 485.20), presenta nos apógrafos italianos a forma gráfica <aāo> ou <āao>, con duplicación vocálica característica destes encontros vocálicos, presente na escrita galego-portuguesa desde os seus inicios e con frecuencia progresiva nos textos finais da Idade Media.

  • 28

    Tango é a P1 do presente indicativo de tanger ‘tocar, palpar’ (<tangere), que noutros contextos das cantigas presenta o valor de ‘tanxer, tocar un instrumento musical’ (1294.2 e 7, 1344.6, 1515.10).

  • 29

    O indefinido u͂u (e tamén algu͂u e neu͂u) debería, aparentemente, computar como bisilábico, e así acontece con certa frecuencia ao longo do corpus; porén, na maior parte das súas aparicións funciona como unha forma monosilábica, revelando dese xeito que se trata dunha grafía conservadora. Algo similar acontece con bõo ~ boo (véxase nota a 241.10) e, aínda en menor medida, sõo ~ soo (véxase nota a 10.25), que son basicamente voces bisilábicas, aínda que nalgunhas ocasións computan como unisilábicas.

  • 30

    A interpretación lapiana no final do verso (pato ei e frango), para alén de non corresponder exactamente coa lección de B (<petei>), introduciría unha forma frango ‘polo, pito’, probabelmente pola asociación semántica pato / frango. No entanto, na altura cronolóxica das cantigas a voz moderna (portuguesa) frango tiña de presentar a forma frangão ou frangõo: os primeiros rexistros de tal termo achámolo nun documento do Mosteiro de Chelas de 1442 (E dem e paguem em cada hũu ano a ellas prioressa e soprioressa e conuento en paz e en ssaluo dentro no dicto moesteiro por dia de Santa maria dagosto trezentos e víj́nte e noue Reaes brancos ora corrents/sic/. e hũu par de frangoons E começarem fazer a primeira paga da dicta contija e frangoons por dia de ssanta maria dagosto primeira que uem... e pagar cada ano a dicta contija de dínheiros e frangoons por o dicto dija no dicto moesteiro) e nun documento de 1457, da zona de Ulloa (mays nos dares por dia de natal hun par de frangoos posto en saluo en dicto moesteiro).
    Parece evidente, pois, que estamos perante a primeira documentación de petar ‘bater, golpear’, que non conseguimos achar no período medieval, excepto na tradución galega do Liber de medicina equorum de Giordano Bruno: Et, tirado de rreiz o corno, mete na chaga estopa petada, con cal envolta et con mel (Pérez Barcala 2013: 179).
    Canto ao verbo franger ‘quebrantar, romper’ (do lat. frangere), é tamén raro nos textos medievais, mais pode acharse nas Cantigas de Santa Maria: por teu fillo frangisti / a carcer escura u yamos (CSM 40.30). Moi probabelmente o autor xogue tamén coa frecuente expresión notarial que incluía os verbos latinos pectare e frangere ‘pagar e quebrantar’ a respecto do incumprimento dun contrato e as correspondentes sancións (véxase Magán Abelleira & Ron Fernández 1999).

  • 31-32

    Obsérvese a repetición da conxunción completiva que tras unha frase parentética: E ar oi-vos eu dizer que, a quen quer que chagassen / con esta vossa espada, que nunca se trabalhassen / ja máis de o gua[re]ceren. Véxase nota a 53.17-18.

  • 33

    O verbo agulhar, novo hapax trobadoresco (e medieval) parece formación verbal sobre agulha, significando, por tanto, ‘coser con agulla’, aínda que en 1697 esta forma é recollida no Thesouro da lingua portugueza de Bento Pereira como variante de aguilhoar (véxase CLP, s.v. agulhar).

  • 35

    Amoar ‘afiar, aguzar (cunha moa)’ provén do derivado verbal do lat. mŏlam (Rivas Quintas 1978: s.v. amoar).

Procurar
    Não foram encontrados resultados