1500 [= RM 16,8]
Don Fernando, vejo-vos andar ledo

Don Fernando, vejo-vos andar ledo
con deantança que vos deu el-rei:
adeantado sodes, e o sei,
de San Fagundo e d’Esturas d’Ovedo;
e, pois vos Deus ora tanto ben fez,
punhade d’ir adeant’ũa vez,
ca atra aqui fostes sempr’a derredo,
ca fostes sempre desaventurado;
mais, pois vos ora Deus tanto ben deu,
Don Fernando, conselhar-vos quer’eu:
non vos ar lev’atras vosso pecado;
pois vos el-rei meteu en tal poder,
sinher, querede-mi desto creer:
adeant’ide come adeantado.
E, pois sodes ora tan ben-andante,
ben era d’ome do vosso logar
dess’olho mao de vos ar quebrar
e non andar com’andavades ante,
ca somos oj’e non seremos cras;
e, pois punhastes sempre d’ir atras,
ar punhad’agora d’ir adeante.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 

Manuscritos


B 1480 (f. 310v, col. a), V 1091 (f. 179r, cols. a-b) [Cantiga de Escarnio e mal dizer]

Edicións


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 136 [= LPGP 134]); Lopes (2002: 128); Littera (2016: I, 139-140); Arias Freixedo (2017: 117).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 381); Braga (1878: 209); Machado & Machado (1958: VI, 189-190); Callón (2017: II, 144).
III. Antoloxías: Landeira Yrago (1975: 126); Tavares & Miranda (1987: 281-282); Arias Freixedo (1993: 73); Neves (2004: 133-134); Marcenaro (2006: 196-198).

Variantes manuscritas


2 deantança] deantanca B; deu] den V   7 derredo] deiredo B   8 desaventurado] deauanturado B   9 ben] be B   11 lev’atras] leuāts̄ B   15 ben-andante] bō andante B   20 sempre] sēpra B   21 ar] A B

Variantes editoriais


3 e o sei] eu o sei Lapa, Lopes, Littera

Paráfrase


(I) Don Fernando, véxovos andar ledo pola dianteira que o rei vos deu: sodes adiantado, ben o sei, de Sahagún e de Asturias de Oviedo; e xa que Deus vos fixo un ben tan grande, esforzádevos por ir diante unha vez, pois até aquí fostes sempre detrás, (II) pois sempre fostes desventurado; porén, xa que agora Deus vos deu un ben tan grande, quérovos eu aconsellar: non vos leve atrás o voso pecado; xa que el-rei vos deu tanto poder, señor, crédeme isto que vos digo: ide diante, como adiantado que sodes.
(III) E xa que agora sodes tan afortunado, sería conveniente que a alguén da vosa condición se vos quebrase tamén ese mal de ollo e non tivésedes que andar como andabades antes, pois hoxe somos unha cousa e mañá seremos outra; e, xa que sempre vos esforzastes por ir detrás, esforzádevos tamén agora por ir diante.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10’a 10b 10b 10’a 10c 10c 10’a (= RM 161:127)

Encontros vocálicos: 4 Fagundo‿e; 7 atra‿aqui; 14 come‿adeantado

Notas


Texto
  • *

    Esta cantiga, igual que as cantigas 213, 270, 926 ou 960, entre outras, presenta unha ligazón interestrófica coa copulativa e entre as estrofas II e III (con ligazón causal nas estrofas I-II) que facilmente, por medio dunha disposición tipográfica minúscula e unha puntuación máis leviana, se podería interpretar como unha cantiga ateúda. Véxase nota á cantiga 74.

    Fernan Diaz (Don Fernando nesta cantiga) é o personaxe central do ciclo satírico de que forman parte diversas cantigas de Pero Garcia Burgales (UC 1393 e 1397), Airas Perez Vuitoron (UC 1499 e 1500), Estevan Faian (UC 1580) e Pero da Ponte (UC 1661), xunto con, talvez, UC 1524, de Vaasco Perez Pardal. Porén, a estas composicións aínda habéría que engadir as compostas por volta de Fernand'Escalho, todas elas tamén de Pero Garcia Burgales (UC 1394, 1395, 1396), xunto con outras dúas que presentan alusións puntuais: UC 1436 (Roi Paez da Ribela) e 1613 (Pero d’Ambroa). Beltran relacionou tamén este ciclo co Don Estevan de UC 1672, de Pedr’Amigo de Sevilha, identificación que permanece discutida. 
    Este personaxe literario foi identificado por Beltran (2000, 2001) con Estevan Fernandez de Castro, o poderoso dirixente da liñaxe galega dos Castro, señor de Lemos, que foi adiantado-mor de Galiza (1265-1273) até o momento en que participou na rebelión dos nobres contra Afonso X. Tras a paz entre a monarquía e o estamento nobiliario, foi nomeado pertegueiro de Santiago (1276) e tamén meiriño-mor de Galiza desde 1278 (seguindo esta hipótese de identificación, véxanse tamén as consideracións e interpretacións ao respecto sobre este ciclo de cantigas en Callón 2025: 211-231). De todos os modos, Marcenaro & González (2024: s.v. Fernan Diaz) consideran “scarsamente verosimile” a identificación entre Fernan Diaz e Fernandez de Castro.

    Cómpre sinalar que nos complexos anos de 1271 e 1272, é dicir, nun estado de conflitividade máis que relevante dentro da Coroa, o Adiantamento de León e Asturias quedou baixo o control directo do infante don Fernando, quen sería o responsábel de poñer oficiais menores ou, como apuntan as crónicas, “don Fernando pornía merinos en Castilla, é en León, é en Galicia, aquellos que él viese que eran menester” (Pérez-Alfaro 1990: 190-191). Daquela, as cantigas dirixidas contra Fernán Díaz poderían remitir a este contexto concreto e a un deses funcionarios menores no marco das tensións entre a nobreza e a monarquía.

  • 3

    O termo adeantado ten o valor de ‘rexedor da xustiza ou meiriño’, isto é, remite a un cargo destacado dentro da administración rexia medieval (sobre esta figura véxase, por exemplo, Pérez-Alfaro 1990). Non obstante, alén do seu significado obxectivo, na cantiga é máis un elemento do xogo diante / atrás en alusión á homosexualidade de Fernan Diaz: deantança (v. 2), adeantado (vv. 3, 14), adeante (vv. 6, 14, 21) vs. a derredo (v. 7), atras (vv. 11, 20).
    Ao longo do corpus trobadoresco profano aparece con frecuencia a frase formularia de tipo aseverativo e o sei, variación da máis xeral eu o sei (cun ton enfático que explica a próclise pronominal) que aínda conta con outras fórmulas expresivas moi similares (sei-o eu, aquesto sei eu, ben o sei, ben sei, esto ben sei, eu sei etc.). É por isto que non é necesaria a emenda e[u] realizada en todas as precedentes edicións, xa que a presenza de e o sei está garantida tamén en 212.14, 235.28, 423.12, 1023.14, 1115.7 e 1419.10, por máis que moi frecuentemente fose corrixida polos editores. Cfr. nota a 301.6.

  • 4

    O territorio comprendido entre San Fagundo (Sahagún), en León, e Asturias era de ben pouca extensión.

  • 7

    Fronte á forma preposicional atá, dominante na lingua trobadoresca e na produción medieval en xeral, na cantigas atéstanse aínda outras variantes xunto con atra, cal tẽes (28.10, 975.10, 1663.12), tães (644.4), atro (1440.15). De todos os xeitos, a variante atrá ten certo uso na lingua medieval (véxase CGPA, s.v.).
    A voz derredo (tamén en 1424.21 e 1618.27, na loc. adv. a derredo), do lat. de-retro ‘detrás’ non volve aparecer en ningún texto medieval recollido en bancos de datos, textuais ou lexicográficos.

  • 11

    Pecado ten un valor ambiguo neste contexto, onde pode ter o valor recto mais tamén o de ‘desgraza, infortunio, castigo’ (véxase nota a 33.3).

  • 13

    A forma senher é unha variante provenzalizante de senhor, que tamén se rexistra en 375.16, 491.4, 578.10, 1324.18, 1388.20, 1473.5; a variante sinher aparece en 1396.12, 1431.29, 1644.23. E tamén se rexistra nas Cantigas de Santa Maria, sempre en posición de rima (CSM 5.75, 25.43, 245.51, 265.75, 296.28).

  • 17

    Obsérvese, máis unha vez, a presenza do sintagma olho mao, xa utilizado por Afonso X (456.15), e absolutamente reiterado na cantiga 1394 (vv. 2, 5, 7, 9, 14, 16, 21), de Pero Garcia Burgales, onde, como aquí, probabelmente tiña un duplo sentido sexual, aínda que difícil de concretar, pois tanto se poderá referir ao glande, como ao vulgarmente chamado “ollo do cu” de Don Fernando, que en calquera caso estaría maltreito.

  • 19

    O adverbio temporal cras, igual que eire, aínda ten certo uso nas cantigas (1209.2, 1478.19, 1588.6, 1596.6, 1649.14 e 1674.18); ambos adverbios axiña foron substituídos por, respectivamente, mañá e onte.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado