1396 [= RM 125,10]
Don Fernando, pero mi maldigades

Don Fernando, pero mi maldigades,
quero-vos eu ora desenganar,
ca ouç’as gentes de vós posfaçar
de cavalgar, de que vos non guardades:
cavalgades pela sest[a] aqui
e cavalgades de noit’outrossi,
e sospeitan que por mal cavalgades.
Mais rogo-vos ora que mi creades
do que vos ora [quero] conselhar:
se queredes con as gentes estar,
Don Fernando, melhor ca non estades,
sinher, forçade vosso coraçon
e non cavalguedes tan sen razon,
siquer por vossas bestas, que matades.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 

Manuscritos


B 1378 (f. 294v, col. a), V 986 (f. 157v, col. a)
[Cantiga de Escarnio e mal dizer]

Ediciones


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 562); Blasco (1984: 253 [= LPGP 815]); Lopes (2002: 410); Marcenaro (2012b: 372); Littera (2016: II, 371); Arias Freixedo (2017: 334).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 338); Braga (1878: 185-186); Fernández Pousa (1953: 32-33); Machado & Machado (1958: VI, 113); Callón (2017: II, 93).
III. Antoloxías: Tavares & Miranda (1987: 358-359); Arias Freixedo (1993: 81); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996c: 205).

Variantes manuscritas


3 ouç’as] oucas B; posfaçar] posfacar B : posfazar V   5 sest[a] aqui] festa qui V   12 forçade vosso coraçon] forcade uosso coracon B : forzade uosso corazon V

Variantes editoriales


1 maldigades] mal digades Lapa, Blasco, Marcenaro   2 vos] vus Blasco   4 vos] vus Blasco   5 sest[a] aqui] sest’aqui Blasco : seest’aqui Lopes, Littera   8 vos] vus Blasco   9 vos] vus Blasco; [quero]] om. Blasco

Paráfrasis


(I) Don Fernando, aínda que me maldigades, quérovos desenganar, porque escoito a xente falar mal das vosas cabalgadas, algo do que vós non sodes precavido (de cabalgar e/ou de que falen mal diso): cabalgades pola sesta aquí e cabalgades tamén pola noite, e a xente sospeita que por algo mao cabalgades. 
(II) Mais rógovos agora que me creades e aceptedes o consello que vos quero dar: se queredes, don Fernando, estar a ben coa xente, mellor do que estades, señor, refreade os vosos impulsos e non cabalguedes tan ás toas, tan sequera por piedade das vosas bestas que matades.

Métrica


Esquema métrico: 2 x 10’a 10b 10b 10’a 10c 10c 10’a (= RM 161:168)

Notas


Texto
  • *

    Esta cantiga está incluída no conxunto de composicións escarniñas de Pero Garcia Burgales (UC 1390-1403), feito indicado pola rúbrica que antecede UC 1390: Pero Garcia fez estas cantigas, e son d’escarnh’e de mal dizer. Lémbrese, ademais, que cavalgar (vv. 4, 5, 6, 13) ten como valor figurado ‘manter relacións sexuais’, do mesmo modo que mal cavalgar (v. 7) debe ser interpretado como ‘ter relacións homosexuais’, ao tempo que as bestas (v. 14) son as “vítimas das súas acometidas sexuais” (Arias Freixedo 2017: 335).
    Fernand’Escalho é a figura satirizada en tres cantigas de Pero Garcia Burgales (UC 1394 e 1395 e mais nesta cantiga, só como D. Fernando), xunto con outras dúas composicións que presentan alusións puntuais ao mesmo personaxe: UC 1436 (Roi Paez da Ribela) e 1613 (Pero d’Ambroa). De todos os modos, tanto Fernand’Escalho como Don Estevan nun escarnio de Pedr'Amigo de Sevilha (UC 1672) parecen ser nomes alternativos a Fernan Diaz (Beltran 200: 18-19), personaxe central do ciclo satírico de que forman parte diversas cantigas de Pero Garcia Burgales (UC 1393 e 1397), Airas Perez Vuitoron (UC 1499 e 1500), Estevan Faian (UC 1580) e Pero da Ponte (UC 1661), xunto con, talvez, UC 1524, de Vaasco Perez Pardal. Unha diferente identificación de Fernand’Escalho pode verse en Marcenaro & González (2024: s.v. Fernand’Escalho).
    Este personaxe literario foi identificado por Beltran (2000, 2001) con Estevan Fernandez de Castro, o poderoso dirixente da liñaxe galega dos Castro, señor de Lemos, que foi adiantado-mor de Galiza (1265-1273) até o momento en que participou na rebelión dos nobres contra Afonso X. Tras a paz entre a monarquía e o estamento nobiliario, foi nomeado pertegueiro de Santiago (1276) e tamén meiriño-mor de Galiza desde 1278 (seguindo esta hipótese de identificación, véxanse tamén as consideracións e interpretacións ao respecto sobre este ciclo de cantigas en Callón 2025: 211-231). De todos os modos, Marcenaro & González (2024: s.v. Fernan Diaz) consideran “scarsamente verosimile” a identificación entre Fernan Diza e Fernandez de Castro.

  • 5

    Para compensar metricamente o verso, Lopes e Littera editan unha imposíbel forma seest(a), palabra derivada do lat. sextam (horam).

  • 12

    A forma senher é unha variante provenzalizante de senhor, que tamén se rexistra en 375.16, 491.4, 578.10, 1324.18, 1388.20, 1473.5; a variante sinher aparece en 1396.12, 1431.29, 1500.13, 1644.23. E tamén se atesta nas Cantigas de Santa Maria, sempre en posición de rima (CSM 5.75, 25.43, 245.51, 265.75, 296.28).

Buscar
    Sin resultados