I. Edicións críticas: Nunes (1972 [1932]: 353-354); Rodríguez (1980: 64 [= LPGP 383]); Lopes (2002: 194); Littera (2016: I, 426).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 192); Braga (1878: 101); Gassner (1933: 392-393); Machado & Machado (1953: IV, 312-313); Fernández Pousa (1959: 85).
III. Antoloxías: Arias Freixedo (2003: 427-428); Souto Cabo (2017: 112).
4 ei] En B : eu V 6 vos] uos BV 7 Travan] Tranā B 8 dizen] dizẽ V 10 u] Ou B : ou V; sen] seu B
4 ei] eu Nunes 10 u eu] se eu Nunes : du eu Rodríguez
(I) Din, señora, que eu non podo ver ben e, por vos non mentir, é unha gran verdade, cando eu teño que vivir noutro lugar sen vós que non podo ter ben; mais, señora miña, direivos unha cousa: cando vos vexo, moi(to) ben vexo.
(II) Atácanme a min e ao meu entendemento e din que non vexo ben, señora, e é verdade, sede sabedora diso, cando noutro lugar eu teño que vivir sen vós; mais, señora miña, direivos unha cousa: cando vos vexo, moi(to) ben vexo.
(III) Non quero eu crer que hei de recibir ben, e, miña señora, quérovos dicir outra cousa: vexo moi pouco, e sei que vexo mal cando non vexo a vosa fermosa figura; mais, señora miña, direivos unha cousa: cando vos vexo, moi(to) ben vexo.
Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= RM 160:81)
Encontros vocálicos: 15 pouco,‿e
Ao longo da composición, xunto co xogo paronomástico con veer ben (e aver ben) e veer mal, desenvólvese un xogo de expresións antitéticas con veer ben e veer mal, con propositadas ambigüidades expresivas (cfr. veer ben, v. 2; non vejo ben, v. 8; vejo mui pouco, v. 15; vejo mal, v. 15) que culminan no refrán co sintagma muito vejo ben.
O primeiro verso do refrán é eco de diversos versos doutras composicións e doutros autores, mais especialmente de 66.20, de Vaasco Fernandez Praga de Sandin: mais, mia sennor, direi-vos ũa ren.
Nótese o propositado hipérbato: muito vejo ben / vejo muito ben.
O sentido da pasaxe non permite moita marxe na emenda da lección <ou> de BV, onde cabe considerar o erro <ou>/<u> (nótese que Rodríguez propón du ‘mentres’), que se rexistra en diversas pasaxes do corpus: u <u> A, <ou> B (83.24), u <u> A, <ou> B (358.13), u <Ou> B, <ou> V (1263.3), adubastes <adoubastes> B, <adubastes> V (1315.11), u <ou> B, <hu> V (1641.24). Deste modo, este u (‘cando’) aparece en paralelo a quando (v. 3) e u (v. 16.): gran verdad’é, quand’eu alhur guarir (v. 3) - u eu alhur sen vós ei de viver (v. 10) – u non vejo vosso bon parecer (v. 16).